A MIT Ribadavia e Roberto Pascual

A 40 edición do Festival Internacional de Teatro que ven de ser clausurada en Ribadavia marcou todo un récord de participación. Aquela proposta do ano 1984, que formaba parte do conxunto de actuacións encardinadas no primeiro deseño de política cultural e teatral na Galicia da Transición, acadaba así un dos seus máis definidos obxectivos. O da conquista do público. Unha programación de calidade, diversa e plural, e o traballo dos sucesivos equipos que a viñeron urdindo ano tras ano, é o que fixo posible o milagre. Se nun comezo fora o recordado Rubén García quen liderou a súa organización, foi Roberto Pascual quen asumiu a dirección do festival nos últimos 16 anos. Un tempo de consolidación e prestixio dentro e fóra de Galicia. Cos deberes ben feitos, Pascual vén de anunciar entre salvas de aplausos e recoñecementos -co auditorio posto en pé- que deixa a dirección da MIT. 

Escribo isto aínda coa resaca emocional dos días e das noites que veño de pasar na 40 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2024. Cada noite, no Auditorio Rubén García do Castelo, antes de cada función, escoitabamos unha moi breve mensaxe de benvida e de anuncio de comezo do espectáculo. Facíana diferentes persoas vinculadas ao festival, desde unha representante da equipa de voluntariado até o responsable de produción e xestión. Presentábanse e, a continuación, convidábannos a apagar os nosos teléfonos e a desfrutar das artes vivas, concentrándonos na súa maxia, dándonos o luxo de pasar un tempo de desconexión dixital.

O sábado 27 de xullo, xusto antes da derradeira función de teatro deste ano, a de Iribarne de ButacaZero, escoitaba con sorpresa a voz de Roberto Pascual anunciando que deixaba a dirección artística da MIT, despois de 15 anos e 16 festivais baixo a súa responsabilidade. Eu estaba no centro da fila cero, ao lado de Rosinha do Roxo, que fai esas fotos onde parece que a maxia da MIT fica atrapada para a posteridade. Os dous nos emocionamos. Cando Roberto acabou a súa brevísima mensaxe, a maioría do público que ateigaba o Auditorio do Castelo púxose en pé e aplaudiu nun xesto inequívoco de agradecemento.

A Mostra, una escola de teatro e de vida

Nestes 15 anos baixo a dirección artística de Pascual pasaron pola MIT grandes nomes da escena internacional, nalgúns casos con montaxes complexas a nivel de produción e con toda a dificultade que iso supón para un festival que se fai nunha vila pequena, penso en Pippo Delbono, en Oskaras Korsunovas, en Declan Donnellan ou en Emma Dante, por citar só algúns. Houbo espazo para compañías e artistas emerxentes de Galiza e do resto do mundo, asumindo o risco que iso supón, pero dando a oportunidade, abrindo portas. Aínda nesta edición, por exemplo, Manekineko, de Ernesto Is e Nerea Brey, coa súa peza debut: Cancións amarelas, flores tristes. Ao longo destes 15 anos tamén estiveron compañías xa históricas e referentes da nosa escena, dentro e fóra, como Matarile, Chévere, Sarabela, Voadora, por só citar algunhas. Potenciou o Premio Abrente para Textos Teatrais que, durante este tempo, colleu fama de ser o máis arriscado e innovador.

No meu caso, ademais de asistir ao festival todos os anos para escribir e analizar espectáculos, tamén gardo o recordo da primeira coprodución que fixo a MIT en 2010, cando, se non me equivoco, non se estilaba aínda que os festivais fixesen coproducións. Foi con Ónfalo, a compañía que, por aquel entón, eu tiña xunto a Ana Contreras, para estrearmos en galego Thomas Bernhard. A peza que escollemos foi Na meta. Sálvese quen poida, interpretada por Luísa Merelas, a bailarina e coreógrafa Rut Balbís, que era a primeira vez que actuaba nunha peza de teatro, e o actor Toni Salgado.

Pascual fixo da MIT unha escola de teatro e de vida, porque ambas cousas van da man. E cando digo teatro tamén digo danza, circo, performance, cursos, obradoiros, encontros, foros, debates… De feito, esta 40 edición abriuse con dous grandes espectáculos de danza: Dique, a última produción de Nova Galega de Danza (NGD) en coprodución co Centro Coreográfico Galego da Xunta, e Zona Franca das brasileiras Alice Ripoll e a Cía. Suave.

A 40 edición coroa un poliédrico itinerario

Dique, de Nova Galega de Danza.

Enumerar todo o traballo realizado a moitos niveis e en diferentes flancos soborda as miñas posibilidades neste artigo breve. Non obstante, se hai algo que atravesa a obra de Roberto Pascual na MIT durante esta década e media é o compromiso. Co deseño da programación, cada un destes anos foi construíndo un relato aberto e poliédrico sobre os temas e as cuestións máis relevantes da actualidade, no mundo e na nosa contorna. Por exemplo, nesta 40 edición, a familia e o mundo, ou a maneira que temos de crear o mundo (Eclipse total de Pont Flotant. Valencia), a memoria da barbarie (Villa de Guillermo Calderón. Chile), a revisión da historia que nos trouxo até aquí (Iribarne de ButacaZero e CDN. Galicia), as guerras (En mitad de tanto fuego de Alberto Conejero, dirección de Xavier Albertí. Cataluña e Madrid), as crises migratorias (Cigani de Antón Coucheiro. Galicia), a tradición e o folclore reapropiados pola diferenza queer (Mover montañas de Alberto Velasco. Madrid/Castela e León), a diversidade no centro e non nas marxes (Nada se sabe do Centro Dramático Galego e Culturactiva. Dirixido por Ignacio García e Fran Rei. Galicia), a forza das mulleres (Dique de NGD. Dirixido por Marta Pazos, con coreografía de Belén Martí Lluch. Galicia), a mestizaxe e a alegría como celebración da vida (Zona franca de Alice Ripoll e Cía. Suave. Brasil)…

Iribarne, de ButacaZero e CDN-Centro Dramático Nacional.

Tamén asuntos transversais que volven ser revisados, como as emocións, o amor, a diversión (Deadpan Karaoke de Ibuprofeno. Galicia), ou as frustracións e a necesidade de compartilas por ver, quizais, se se atenúan (o karaoke decadente en Cancións amarelas, flores tristes de Manekineko. Galicia), os medos (Paüra da Cía. Lucas Escobedo. Valencia), o racismo e os celos desde a comicidade (Othello (termina mal) de Buendia Theatre. Arxentina), os coidados e as relacións humanas (Vestirme de ti de Nuria Sotelo e Clara Ferrao. Galicia)…

Propostas escénicas con abordaxes moi contemporáneas a nivel de estéticas e linguaxes, que ofrecen perspectivas inéditas e que, por tanto, case sempre nos sorprenden e nos moven a conciencia.

Non é fácil crear un relato polimorfo e poliédrico sobre a realidade, conxugando poéticas moi diversas de aquí e de acolá. Un relato que nos interpele e que ao mesmo tempo nos poida gustar e facer desfrutar. Pascual conseguiuno e vaise cando o festival está no seu esplendor. Rematou unha 40 MIT con récord histórico de asistencia e cun nivel artístico de calidade alta. Grazas, Roberto!