A MIT, o legado de Abrente. Que pode facer Ribadavia por nós?

Este ano, a Mostra Internacional de Teatro presentou o lema da súa 39ª edición marcada precisamente por esta efeméride e esta circunstancia. “Memoria, cohesión e innovación” é o lema co que o festival quere recoller os sinais de emerxencia no panorama internacional mostrados de xeito real nos últimos anos, como un festival que trazou liñas e relatos de aposta e defensa profesional da dirección artística e da dramaturxia da recepción acorde aos novos tempos dunha Galicia escenicamente máis profesionalizadora, grazas tamén á demanda e obrigas dunhas novas xeracións de alumnado saído dunha Escola Superior de Arte Dramática de noso. Un lema que recolle os retos da nova visión da xestión cultural baseada na asunción de dereitos cidadáns ao redor do sistema público da cultura, unha visión alternativa e complementaria á programación regular dos teatros e auditorios, e unha posición estratéxica en sintonía cos festivais de referencia no ámbito e no período estival, coma Almada, o GREC de Barcelona ou Avignon. Pero sen perder de vista os discursos e as ilusións de quen construíu aquel lugar mítico, aquela sorte de marco referencial co cal guiar a imaxe exterior que o teatro galego terá a oportunidade de empregar para proxectarse, pois aí está tamén o foro no cal acoller o intercambio popular arredor dos rumbos innovadores da escena, sobre todo da escena non coñecida nin programada na nosa propia contorna.

A MIT recolle o legado de Abrente

En relación coa misión en proceso e as ideas construídas en Ribadavia, tanto por parte de axentes do sector coma de persoas adicadas á mediación e a outros sectores da cultura ou da crítica cultural, teremos de xeito recorrente o seu carácter popular, festivo e internacional (polo menos na súa denominación e ambición a partir de 1984). Xa no ano 1975, Víctor Freixanes publicaba isto nas páxinas de La Voz de Galicia: “Ribadavia ten nestas datas un ar limpo de coleitividade á beira do río, á beira do teatro. Ribadavia é, nestes intres, o Nancy galego (sen esaxeración; máis popular, máis de trincheira quizais, máis noso, pero sen esaxeración). […] Ribadavia é a gran festa do teatro e o teatro é sempre unha festa; ás veces tráxica, ás veces leda, pero unha festa dramática e coleitiva” (1/06/1975). Crónicas tan suxestivas e que concentran unha boa parte da opinión maioritaria coma a do actual Presidente da RAG, han ser a guía, como non pode ser doutro xeito, que resoará sempre na cabeza da Dirección Artística ou do equipo que liderará esa conexión do festival coa súa identidade e os seus valores, sen o narcotizante poder da nostalxia nin o arrogante poder do cambio e da mudanza cara o novo, rachando con todo. Aí, nesa tarefa de transición e equilibrio, de modernización e fortalecemento do seu carácter diferencial é onde se chantou, por exemplo, o noso proxecto a partir do ano 2009. Recollemos o legado comunitario de Abrente, de colectivos, pero tamén a visión e entusiasta acción de quen foi director durante tantos anos, Rubén García. Os tempos de dificultades dos que falaban aqueles mozos nos 70 e nos 80 non desaparecerían, transformaríanse, pero tamén tiñan que ir concretizándose oportunidades. A profesionalización que puidese equilibrar o carácter artesanal e voluntario coa dignificación dos oficios (non só os artísticos), a internacionalización real ou a elaboración dun discurso propio con conexións transdisciplinares e diferentes institucións, tamén as académicas, serían algunhas delas.

A recepción crítica do traballo artístico (non só de programación) levado a cabo nos últimos anos na Mostra, define á actual Ribadavia escénica como un campamento intensivo de verán para calquera amante da escena, un festival indie ou mesmo a Avignon galega se chegou a publicar, pola mestura das voces canónicas da dramaturxia coas emerxentes.

A recepción crítica do traballo artístico (non só de programación) levado a cabo nos últimos anos na Mostra, define á actual Ribadavia escénica como un campamento intensivo de verán para calquera amante da escena, un festival indie ou mesmo a Avignon galega se chegou a publicar, pola mestura das voces canónicas da dramaturxia coas emerxentes. Enténdese hoxe como un lugar de aprendizaxe e convivencia, como sempre foi, pero tamén de coproducións, residencias, obradoiros, presentacións, foros e creación de coñecemento cos artistas antes e despois da función… Conseguiu, como dixemos nalgunha ocasión, explicitar o que significa un exercicio de funambulismo na xestión cultural: solventar e surfear pola crecente burocracia e as obrigas ás veces contraditorias de diferentes convenios e falta de harmonía entre as Administracións Públicas, para ofrecer esa posición capital de explotación ao máximo do seu espazo sedutor, único, orixinal, nun contexto patrimonial da Galicia interior (tendente ao despoboamento). É un dos escasos festivais de creación contemporánea de ámbito ibérico no verán (a maioría nestas datas son de teatro clásico), e esa foi unha das grandes oportunidades para concretar o grande obxectivo de facilitar unha sorte de conexión cos grandes mestres da escena internacional sabendo introducir o nome de Ribadavia, sen complexos pero con certos recursos estables e dignos, nos circuítos europeos, sen replicalos e mesmo marcando o paso das estreas e das accións que acontecerían nas grandes cidades culturais. Polo tanto, resignificando e avaliando o concepto de periferia.

Crises como o debate arredor de escollas estéticas e estilos dramatúrxicos coma o teatro documento de Clean City  construíron autocrítica sobre os procesos de mediación, que serviron para fomentar o saber, abrirnos máis a mente e novas vías de traballo para avanzar e axudar a vencer a autocensura da programación teatral.

Non só a nómina de espectáculos asinados por Nekrosius, Declan Donellam, Emma Dante, Pippo Delbono, Oskaras Korsunovas, Chela de Ferrari, Jan Lauwers, Christos Papadopoulos, Marco Layera, etc., tiveron unha repercusión e unha inferencia cualitativa nas dinámicas do noso sistema, senón tamén as accións (non exclusivamente de exhibición) das creacións galegas xestadas ou estreadas en acompañamento coa ambición dun proxecto disposto a asumir retos, responder aos horizontes de espectativa maioritarios pero tamén a cuestionar as conviccións e valores asentados. Crises como o debate arredor de escollas estéticas e estilos dramatúrxicos coma o teatro documento de Clean City (do Centro Cultural Onassis de Atenas en coprodución co HAU dos alemáns Rimini Protokoll) ou a perturbadora ocupación da escena por dispositivos escenográficos efectistas e paródicos por intérpretes que semellan non actuar nin demostrar especiais capacidades expresivas, como foi o caso do Swamp Club do director francés Philippe Quesne, foron crises que construíron debate, autocrítica sobre os procesos de mediación, que serviron para fomentar o saber, abrirnos máis a mente e novas vías de traballo para avanzar e axudar a vencer a autocensura da programación teatral. Un mal endémico este que cómpre atender, pois por moi lonxe que fique a censura coa que tivo que xogar a escena daquela xeración Abrente, a cultura da cancelación e o actual pensamento woke de castigo moral contra a liberdade de creación e expresión, na actualidade é algo que nos ten que preocupar moito ás persoas que nos adicamos á mediación cultural. Hoxe observamos como a presión política decide suspender un espectáculo sen máis explicación cá súa arbitraria moral ou o seu poder castigador (véxase o caso de Muero por que no muero de Paco Bezerra en Madrid) e nese novo terreo de dificultades é onde debe estar tamén a nosa acción. Sendo estudante e incluso despois como docente, tiven que saír fóra de Galicia para poder coñecer estes traballos disidentes, diverxentes e algúns mesmo correntes e habituais (ou mainstream) fóra do noso territorio. A perda de oportunidades que sentín, igual ca moitas das persoas que coma min decidimos estudar nunha universidade galega de non termos contacto directo coa creación escénica internacional da que se falaba nas aulas ou nos libros (agás algunhas oportunidades que nos ofreceron salas alternativas en Compostela coma a Galán e a Nasa cos seus modestos recursos) podía ser paliada cos modestos, con todo tamén, recursos da MIT e os condicionamentos peculiares dos seus espazos. Algo había que facer. Unha das primeiras apostas foi sobretitular espectáculos e establecer alianzas con organismos de promoción exterior da cultura dos países. Facer algo novidoso e probar. Levar a cabo xestións nas que non había precedentes. Facer unha viaxe de campo a Polonia, co auspicio do Instituto Polaco de Cultura, para coñecer os principais nomes do teatro polaco contemporáneo (o Nowy Teatr, Gardzienice, Lupa, Warlikowski, etc.) e escoller a opción máis acaída para abrir unha nova vía a partir de 2010, con espectáculos en polaco, italiano, lituano, inglés, sobretitulados. Tamén se dixo nalgunha ocasión, que non todo foron críticas positivas e apoios, que isto podía ser síntoma de deixarse levar polo halo dos grandes nomes ou que se podía correr o risco de converter o festival en algo elitista para público moi intelectual. Como a Dirección Artística sempre ten que estar disposta a reflexionar e cuestionalo todo para despois defender o seu criterio, volvemos sempre ao carácter popular do que falambamos ao comezo, non elitista, en defensa das intelixencias diversas e da necesidade de coñecer, explorar e fracasar (sen afectar ao profundo do proxecto). Un pode fracasar na mediación por exceso de innovación, pero tamén por exceso de glamour, por exceso de conservadurismo ou de provocación e reto. Mais nunca se fracasará por exceso de atención á diversidade, á memoria da institución ou ás necesidades estratéxicas do conxunto do sistema.

Un festival de verán fóra do ámbito urbano

Cando asumín a Dirección da MIT en 2009, tamén tomei consciencia do meu perfil, dos privilexios e das dificultades. O autodidactismo que caracterizou o movemento de Abrente e mesmo a Dirección posterior a 1984 (hai que recordar que o festival foi organizado durante catro edicións, entre 1986 e 1989 por unha asociación de comerciantes locais con moita paixón, compromiso e decisión, pero sen as ferramentas e os recursos dunha formación específica que tardará en asentarse no noso país) semella cronificar a idea de que para programar ou dirixir artisticamente un teatro ou un festival, cos retos dunha nova concepción da cultura e dos comportamentos e hábitos sociais, abonda con criterio propio sobre a calidade e bo gusto. Se nunha época de reforzo profesionalizante e internacional cómpre un perfil técnico, creativo e especializado, tamén será precisa a adicación plena e a definición da estrutura orgánica, unha tarefa pendente para o futuro e a homologación cultural europea.E

En Galicia, os festivais deberán vir a complementar e non xa a subsanar, como fixo o movemento Abrente ante o ermo dramático naquel momento histórico e despois a MIT e outros festivais coma o ALT, Escenas do Cambio e algunhas edicións doutros coma o de Cangas ou o FITO, ante a ausencia dunha política teatral continuada e coordinada.

Deseñar unha secuencia de edicións dun festival significa deseñar unha serie de accións concretas que permitan intervir, actuar e modificar, se así se considera, nun determinado contexto para intentar xerar unha serie de emocións e pensamentos conscientes vinculados a eses sucesos. Escoller espectáculos e actividades paralalelas e xuntalos pode ser a descrición simple dos feitos, deseñar a súa pertinencia, consecuencia e inferencia no sistema, será a súa responsabilidade e esixencia. Velaí o reto tamén para o conxunto de teatros na Galicia do futuro, onde os festivais deberán vir a complementar e non xa a subsanar, como fixo o movemento Abrente ante o ermo dramático naquel momento histórico e despois a MIT e outros festivais coma o ALT, Escenas do Cambio e algunhas edicións doutros coma o de Cangas ou o FITO, ante a ausencia dunha política teatral continuada e coordinada, tal e como analizamos na tese de doutoramento Os festivais internacionais de teatro en Galicia (1984-2020). Achegas para unha análise histórica e artística. Todo festival conta cun impulso no seu nacemento e un roteiro en base á agulla que guía ese motivo de arranque. Normalmente ten máis peso o estético ou o socio-político có económico ou turístico, se ben este aspecto tamén ten sido analizado e moi considerado nun ámbito que nin por precarizado deixa de ter promotores de negocio e mesmo posicionamentos extractivistas. A transformación de Abrente en festival de verán tivo os seus riscos, pero compartiu a mellor visión política daquel momento, nunha ordenación integral de axentes e institucións, que hoxe definiriamos como un pensamento ecolóxico do cultura (escénica).

A posta en marcha da MIT baixo o amparo da Xunta de Galicia e coa implicación do Concello non só aseguraba o apoio económico, senón tamén o técnico para aquel primeiro ano de convivencia da creación galega (por exemplo o Woyzeck, primeiro espectáculo de sala do CDG) coa do resto do Estado coma La Cubana, Cambaleo ou a recén creada La Fura dels Baus.

A decisión de Luís Álvarez Pousa, naquel momento Director Xeral de Cultura, tivo unha implicación extensa e decisiva. A posta en marcha da MIT baixo o amparo da Xunta de Galicia e coa implicación do Concello (e a posterior colaboración de todas as Administracións) non só aseguraba o apoio económico, senón tamén o técnico para aquel primeiro ano de convivencia da creación galega (por exemplo o Woyzeck, primeiro espectáculo de sala do CDG) coa do resto do Estado coma La Cubana, Cambaleo ou a recén creada La Fura dels Baus. Así, implicando directamente na súa realización a técnicos que formaban parte do equipo na Dirección Xeral de Cultura, o que se lle confire á MIT de Ribadavia dende o seu nacemento é unha estratexia e postura institucional central da cultura de Galicia. Un emblema que, aproveitado suficientemente ou non para a musculatura da nosa sociocultura en épocas de bonanza económica nos anos 90 e nos inicios do milenio, que ese é outro debate, puidese funcionar coma esa fiestra aberta fóra do ámbito urbano, como motor turístico alternativo ao tópico, de intercambio internacional e valor paisaxístico, en sintonía coa tendencia da misión de festivais de verán en lugares con encanto como Edimburgo no 1947, Mérida no 54 ou Sitges no 67, todos ao calor dos novos marcos de estímulo e protección cultural da UNESCO, fundada en Londres en 1945.

Volver ao espírito de pertenza

Dende esa transformación ata hoxe, a MIT chega con moitas alforxas, valiosas pero tamén con algún desgaste. O festival apostou por fixar e fortalecer bases sólidas da súa identidade coma o Premio Abrente e a edición dos textos, a visibilidade da liña de programación no ámbito máis rural e non convencional, a programación expandida ou as relacións institucionais e académicas. Tamén abrir novas vías coma unha rede de festivais ibéricos de verán que dea forza ás relacións informais xa establecidas. Pero para iso é necesario volver a ese espírito de pertenza, de sentir que é a casa do teatro galego todo, sobre todo por parte de quen conxela avances dende unha posición de responsabilidade competencial, incapaz de ler a xenealoxía como unha oportunidade colectiva. Marta Pazos, unha das últimas creadoras en recibir o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” que a MIT concede ao mérito nas Artes Escénicas, falaba da importancia da cultura dos coidados e do acompañamento no acto de entrega. Máis alá da nova terminoloxía cultural que poida xurdir da lectura sempre inspiradora de autoras contemporáneas coma Marina Garcés, as novas necesidades e sensibilidades froito dunha mirada relacional e sistémica van transformando tamén o papel e a corresponsabilidade de institucións que coma a MIT foron adquirindo prestixio e valor simbólico dentro e fóra, como acreditan os seus recentes Premios Adolfo Marsillach ou Rosa María Cano da Feria de Castilla-León. Canalizar ese valor para transformar e cuestionar as dinámicas do conxunto en troques de posicionarse nun ránking en modo competición deportiva, fai referencia a esa idea da que falan artistas que sentiron que o festival os acolleu non para exhibírense, senón que os acompañou e adaptou as súas paredes para poder facer a mellor parada que lles permita tamén coller o impulso que han precisar a continuación. Que pode polo tanto facer Ribadavia por nós? E que podemos facer todos nós pola Ribadavia de hoxe coma dos novos abrentes do mañá?