Luns 25, Setembro 2023
HomeCultura Mirando atrás

[MÚSICA] Mirando atrás

MÚSICA
Devalo. Noites contadas (Ferror Records. Setembro, 2020)
Sanz. S4N7 (Altafonte. Novembro, 2020)

 

por Carlos Rego

Houbo uns anos da década dos oitenta nos que se desatou unha pequena, e pintoresca, guerra verbal entre os que querían retomar a música dos sesenta máis esquecida como resposta aos vicios do amaneirado pop do momento e os que pedían música nova e contemporánea que rachara lazos co pasado. Un tamén tomou partido, adiviñen vostedes por quen, pero visto dende hoxe ámbalas partes tiñan parte de razón e razóns pouco atinadas. Ven isto a conto porque daquela vinte anos semellaban para algúns unha eternidade, prehistoria que provocaba urticaria, talvez os mesmos que hoxe seguen a degustar sen problema aquela música entón nova pero da que xa nos separan máis de catro décadas. Como un non ten nada contra a retromanía na que vivimos, tamén é quen de gozar na actualidade de estilos quizais rexeitados no seu momento, a pesar de formar parte da banda sonora da súa mocidade.

Nada máis comezar a soar «Espertar marítimo», a canción que abre o debut de Devalo, un sente a mesma mestura de melancolía e baile, guitarras e máquinas, que patentaron os primeiros e mellores New Order. O proxecto do coruñés David Miranda afonda nesa época en que baixo as melodías pop latexaba un corazón sintético, ideal tanto para as discotecas como para os cuartos dos adolescentes diferentes. Con referencias tan marcadas hai que ter unha personalidade moi forte para non caer engulido por elas. E sobre todo, cancións bonitas. De todo iso hai moito en Noites contadas, tinguido dunha lene nostalxia na que caben lembranzas de veráns eternos e noites felices mais tamén desacordos sentimentais, cantados por unha voz próxima e envoltos por unha acolledora calidez electrónica.

O lugués Piti Sanz loitou naquelas batallas das que falabamos ao principio dende as filas de Los Contentos, pioneiros na recuperación da psicodelia, o folk rock e a música de garaxe norteamericana. Demasiado crus para meterse na roda do éxito comercial, quedaron como un grupo de culto aínda hoxe lembrado con agarimo polos afeccionados ao xénero. Despois de altos e baixos na profesión e unha longa mala racha persoal, por fin ten un disco ao seu nome.

Como en Noites contadas, tamén en S4N7 tamén hai olladas ao pasado, tanto no musical como no persoal, pero ben distintas. Os aires deses anos sesenta que en Los Contentos tiraban polo lado máis abrasivo, aquí semellan temperados pola experiencia e sen manías fundamentalistas. Impecable no seu detallismo instrumental, o disco circula a un medio tempo moi agradecido. A pesar de estupendos aceleróns («Tú no eres yo»), o mellor está nas

cancións de autoafirmación ante os golpes da vida (a estupenda «Dille que non»), e nesa psicodelia suave á que Piti semella terlle collido o punto exacto, sobresaínte en «Estrella fugaz» ou «Bucear». Á fin, e sobre todo, na voz propia dun autor que pon verdade nas súas cancións e, como Devalo, se impón por enriba de calquera etiqueta.