“Non quero pasar máis tempo co corpo revolto”. Así de explícito foi Miguelanxo Prado á hora de falar da súa novela gráfica que xira arredor da pornografía infantil Presas fáciles/Voitres, que presentou na libraría Biblos de Betanzos. Confiounos que foi o libro “máis duro” e que con este volume que segue no tempo a Presas fáciles/Hienas dá por pechada a súa incursión no xénero negro de denuncia social e por pagado o seu tributo neste ámbito como creador. “Nunca quixen que fose un caso real ‒ dixo en relación coa trama de Voitres‒, pero todos os elementos están tirados da realidade”.
Logo de compartir as súas reflexións arredor do camiño que agarda a unha sociedade na que os seus representantes racharon o Pacto Social, falou tamén da dicotomía entre realidade e ficción dentro da obra de creación para avanzar finalmente que decidiu dar un xiro de timón e volver á ciencia ficción, xénero ao que pertencen as súas dúas primeiras obras, e que xa está a traballar nunha novela que será de anticipación.
Escribir a primeira entrega de Presas fáciles (agora retitulada Presas fáciles/Hienas) foi para o historietista Miguelanxo Prado un traballo moi esixente. O desencadeante da obra foi unha información xornalística que daba conta de que unha parella de anciáns viñan de suicidarse por seren víctimas do engano das preferentes e a presión inmobiliaria. Prado levaba tempo con ganas de deixarse tentar polo xénero policíaco e a ocasión acababa de chegar. Partiu esta obra, por tanto, dun dramático feito real ao que se lle sumou pouco despois ter vivido en carne propia a mesma estafa bancaria. Naceron ao servizo daquela trama os policías Olga Tabares e Carlos Sotillo, encargados da investigación.
“Foron dous anos de cabreo absoluto”. Co sentido didáctico sempre inherente ao seu discurso, explicou que facer un cómic de entre 80 e 100 páxinas supón dous anos de traballo (entre planificar, debuxar e pintar) en xornadas de dez horas nas que hai que estar pechado no estudo, sen socializar. “Se o tema que tes nas mans é fantástico ou humorístico, é fabuloso. Pero se se trata dun fraude bancario que levou por diante a esperanza de tanta xente, e se por riba sucede que ao morrer o meu pai descubro entre os papeis que a miña familia tiña preferentes, cambia a situación”. Coa alta dose de humor da que fai gala o seu carácter, el mesmo pasou a preguntarse en voz alta se aquela situación tivo algunha cousa boa, para responder de inmediato cunha brincadeira: “Sí, dinme o gusto de cargarme a sete personaxes”.
É sabido que dos libros de Miguelanxo Prado saen cada ano un fato de edicións noutros idiomas. Pasado un tempo da publicación de O pacto do Letargo, os seus editores franceses propuxéronlle volver dar a man á parella de policías formada por Tabares e Sotillo. “Eles saben que non son un autor de series. Non me gusta permanecer por moito tempo no mesmo universo e, ademais, unha serie forza a manter unha certa fidelidade no estilo. Facíaseme moi costa arriba”, explicou, para engadir que os editores xogaron a carta de botar man dos matices: “Unha serie non, pero talvez unha historia con algo de continuidade”.
E como adoita suceder que a realidade supera sempre á ficción, contou que foi outra información xornalística a que fixo xurdir unha nova idea para a seguinte novela gráfica, Presas fáciles/Voitres. Desta volta tratábase dunha muller do leste que perdera o seu traballo e se viu envolta nun caso de pornografía infantil. Documentarse para a nova obra foi un labor extremadamente duro. “Se o soubese, non me tería metido nesta outra historia”comentou. Para aproximarse ao desacougante tema da pornografía infantil deixouse guiar da man experta de Luís García Mañá, Comisario Principal Honorario.
“Nunca quixen contar un caso real, pero todos os elementos están tirados da realidade”. Con esta obra dixo ter completado o díptico Tabares/Sotillo e aproveitou para adiantar que non vai haber unha terceira historia con esta parella de sabuxos. Mais inmediatamente despois e con retranca galega recoñeceuse “un tipo contraditorio”, por se nalgún momento lle dera por cambiar de idea.
Sobre a saída agora da primeira entrega de Presas fáciles coloreada, o autor lembrou que aquela historia naceu en branco e negro. Pero de novo por suxestión dos editores franceses que pensaban xa en publicar unha edición integral coas dúas novelas, o seguinte paso foi coloreala con ferramentas dixitais. “Penso que o resultado é un libro coherente con dúas historias que non desentoan”.
Sobre o seguinte libro no que está atraballar, o Premio Nacional de Cómic adiantou que se trata dunha obra de ficción ambientada no século XXI. “Estes días estou a facer unha defensa encarnizada da ficción”, sostivo entre sorrisos para distanciarse da cruda realidade que abordou nas dúas historias de Presas fáciles. “Estou un pouco canso da literatura que se di baseada en feitos reais”, sostivo. “Creo que os que facemos creación temos que facer ficción –e aínda así pode ter moitos elementos tomados da realidade–, que non só se proxecte cara ao pasado, senón tamén cara ao futuro”. Defendeu asemade a ficción como vía para reflexionar sobre os asuntos que non marchan ben en calquera momento e sociedade.
Presas fáciles/Voitres
Miguelanxo Prado
Retranca Editora, S.L., 2024
Número de páxinas: 85