Luns 4, Decembro 2023
HomeCulturaMIES ALLER MOLDES

MIES ALLER MOLDES

ARTE

XIV Bienal de Lalín Pintor Laxeiro. Menos é máis. Máis ou menos

Comisariado: Álvaro Negro
Lugares: Casa do Concello, Praza da Igrexa e Museo Municipal Ramón María Aller, Lalín (Pontevedra).
Até o 31 de xullo.

 

por Daniel L. Abel

“Non pretendín describir a indescritible fermosura dos ceos” senón “converter unha fascinación estática, case estéril, en dinámica e frutífera”. A figura de Don Ramón María Aller Ulloa, que facía esta advertencia ao introducir o seu libro de divulgación Astronomía a simple vista, publicado no ano 48, serve de primeira referencia temática para a XIV Bienal de Lalín Pintor Laxeiro. O artista Álvaro Negro encárgase do comisariado dun evento que vai camiño de converterse no único capaz de concitar de maneira periódica o desencantado e famélico espectro da arte contemporánea galega.

O lema escollido é un dos seus acertos. Menos é máis. Máis ou menos dálle unha volta de retranca á famosa frase atribuída a Mies Van der Rohe e busca suxerir os cruces de dous campos, o da arte e o da ciencia, nos que non se sabe moi ben quen enmascara ou desenmascara a quen. Procede dun texto inédito de Manuel Moldes, pintor pontevedrés –pero sempre moi vinculado a Lalín– falecido a finais de 2017 e ao que se lle dedica a Bienal. Un gran cadro da súa serie + O – serve de pano de fondo para unha mostra que presenta, ademais, varios proxectos producidos especificamente para a ocasión.

Misha Bies Golas xoga coa colección fotográfica de Aller Ulloa –que constitúe un fascinante retrato do Lalín da época– e engade, coma quen non quere a cousa, unhas mostras da súa propia biopoiesis involuntaria. Jorge Varela replica en cemento pulido parte da colección de modelos cristalográficos que o Museo de Historia Natural da USC herdou doutro científico ilustre –e ilustrado– de Lalín, o Matemático Rodríguez. Estruturas dunha pasmosa regularidade angular que o artista acompaña cunhas Notas xeométricas en fichas de biblioteca: unha amalgama de textos e imaxes que introduce a variable do tempo e a memoria a través dunha especie de deriva psicoxeográfica, perversa, por París. Rubén Ramos Balsa explora tamén a dialéctica entre o macrocosmos calculado e o microcosmos íntimo e indeterminado de Ramón María Aller, neste caso intervindo no pequeno observatorio que este construíu na súa propia casa, convertida hoxe en Museo. Cristian García Bello actúa de maneira sutil pero contundente na Praza da Igrexa, aos pés da estatua do astrónomo que fixo Asorey. Vítor Mejuto recréase nos seus debuxos de observación. E un infrecuente Eduardo Outeiro presenta unha peza, coma sempre, discreta, elegante, que bascula entre o humor intelixente e o haiku. Seis bastóns de madeira elaborados co agarimo do mellor artesán e coroados con reproducións a escala, en cerámica negra, de asteroides reais. Algúns deles, escollidos polo tratamento humanístico que lle deron os seus descubridores, como o caso do asteroide Eros, e outros, porque a calidade dos modelos 3D atopados na rede facilitaban a copia fidedigna dunha representación matemática. Todo un exercicio de ergonomía estética e, de paso, tendo en conta a dobre función do bastón como soporte físico da verticalidade e símbolo de poder, unha imaxe da prepotencia da razón.

________