O rito de conexión | Mercedes máis eu 

Foto de apertura: Antonio Urquijo

Mercedes escoita, a través da música, o corpo de Janet. Esta non escoita o corpo, está nel, desde unha plenitude á que contribúe a vibración coa música de Mercedes. A sincronía e as sinerxías entrambas son fondas e brillantes, delicadas e arroutadas. 

Esa música que escoita o corpo e ese corpo que danza alén dunha coreografía prefixada, desde a improvisación pactada e dramaturxicamente estruturada, retornan en presenza todo aquilo que o ecosistema dos micro-hábitats non colonizados nos ofrecen. Mercedes, naceu nunha cidade, pero foi á aldea, alí recolleu da terra a base da súa música. Janet naceu na aldea e foi para a cidade, na procura doutros horizontes, pero trae consigo, do lugar en que naceu, Buraco, parroquia de Atios no Porriño, esa mesma vibración. 

Onde se poden cifrar eses arcanos? Nos cantares, nos agudos que despegan a voz da articulación verbal cara ao aturuxo e cara a vocalizacións limiares. Na maneira de mover as ancas, as cadeiras, sen perder o peso, como o arado que abre o rego nunha leira, como os chimpos nunha troula por un prado ou no torreiro. Movementos libres, coa ledicia que se escapa dos compartimentos estancos de xénero, de identidades e de xestións ou de axencias. Non hai nada que axenciar perante o vitalismo feliz do movemento enraizado á terra. 

A pandeireta, a gaita, o sacho, o tambor, e outras instrumentacións gravadas e mesturadas parecen traer un eco arcaico, igual que a voz. De maneira análoga, e en diálogo, acontece o mesmo co movemento de Janet e coa terra na que se mestura, nun dos momentos da peza. Porén, trátase dun presente moi intensificado, que vén cargado de pasado, habitado polos corpos das mulleres desta paisaxe que chamamos Galiza. 

Vin esta peza en 2019 na Cidade da Cultura, e volvo vela en 2026 no 15º GUIdance, festival de danza contemporánea de Guimarães (Portugal), vía Aeroawaves, unha rede europea na que participan 34 países que procuran a danza máis innovadora e prometedora de artistas emerxentes, apoiándoa e poñéndoa en circulación. 

Se calquera espectáculo ou obra de artes escénicas nunca se repite, debido ao seu carácter de experiencia compartida, viva e presencial, neste caso, en Mercedes máis eu, o irrepetible aínda é maior. Hai unha estrutura dramatúrxica (de accións sonoras, musicais, bailadas e faladas) pactada, pero dentro dela entra a arte da improvisación, que sempre require unha maior escoita e conexión. 

Despois de oito anos, percíbese o pouso do tempo e unha sincronía que flúen con certeza e tranquilidade. Malia ao artificio musical, dancístico e lumínico, todo parece acontecer dun xeito “natural”, ecolóxico, espontáneo e auténtico. 

Janet parece posuída por unha enerxía e unha forza que veñen de lonxe, alén dos tempos. Acontece o mesmo, de maneira análoga, coas vocalizacións cantadas e cos ritmos de Mercedes. Nalgúns momentos, Janet revira os ollos, a súa expresión facial contúrbase. A intensidade alcánzanos. 

E cando nos falan, rememoran as crianzas, falan unha pola outra como se o fixesen por si mesmas, ofrecéndonos a necesaria acción da complicidade, do entendemento mutuo que abren e comparten. E aí brilla, con sinxeleza, coidado e amabilidade, a forza e a firmeza das conviccións que nos liberan dos colonialismos xa naturalizados e mesmo herdados. 

Neste sentido, Mercedes máis eu, é unha alianza pola conexión co feminino que habita en nós, e incluso co que está alén dos xéneros e de calquera compartimento estanco. Ten algo de ritual ou de conxuro que nos desconxestiona o ser e o pensar, que desfai nós e solta rixideces, que nos leva a lugares des-alleadores. 

Desfrútase e agradécese, porque, por mor da tendencia global, das modas, das urxencias, da anestesia dixital do “scroll”, andamos bastante fóra de nós. Mercedes e Janet ofician o rito de levarnos de volta ao substrato nutricio e primixenio. 

Mercedes máis eu
Dirección: Janet Novás 
Creación e performance: Janet Novás e Mercedes Peón 
Dramaturxia: Ricardo Santana 
Asesoramento: Pablo Esbert 
Composición musical, concepto e cancións: Mercedes Peón 
Deseño de luz: Cristina Bolívar 
Son: José Vilas 
Vestiario: Juanita Rodríguez 
Apoio: Comunidade de Madrid, Centro Danza Canal, Graner Centre de Creació Barcelona, Sede Losdedae 
Residencia artística: Alcalá de Henares 
 
15º GUIdance, festival de dança contemporânea de Guimarães, Teatro Jordão, 6 de febreiro de 2026.