A memoria é un tema recorrente no cinema dos derradeiros anos. Sen ir máis lonxe, unha das películas máis importantes do ano pasado, Cerrar los ojos, a primeira longametraxe de Victor Erice dende os 90, xira en torno á perda e a recuperación da memoria. Dende o terreo do real estreouse nas derradeiras semanas La memoria infinita, un documental sobre como o alzheimer afecta ao xornalista chileno Augusto Góngora, e a súa muller, Paulina Urrutia, actriz que chegou a ser ministra de Cultura no primeiro goberno de Michelle Bachelet.
A cineasta Maite Alberdi combina con astucia dous relatos sobre a memoria. Por unha banda, temos a memoria histórica de Chile. O golpe de estado de Pinochet, a represión salvaxe, a ditadura, o retorno a democracia… Recuperar esta memoria e evitar que os horrores do pasado caesen no esquecemento foi un dos principais traballos que levo acabo Góngora como xornalista. Empregar as imaxes para lembrarlle ao pobo chileno que foi o que aconteceu e como coa instauración do réxime autoritario “comezouse a ocultar a cotián desde país”.
Por outra banda, temos unha aproximación sensible e dura a intimidade dunha parella que leva máis de vinte anos construíndo un proxecto de vida común que se ve truncado pola irrupción do alzheimer nas súas vidas. Xunto aos vídeos domésticos anteriores a enfermidade, vemos imaxes cotiás que xa non se teñen que ocultar como nos anos escuros de Pinochet. Imaxes rodadas en espazos de vida. Imaxes gravadas de forma caseira por mor das limitacións que nos impuxo a covid. Anacos de vida que poden ser profundamente fermosos, como unha noitevella compartida, ou terriblemente desacougantes, como un home que se esperta e non sabe xa nin onde se atopa, nin quen é a muller que o intenta calmar. Esa persoa da que leva décadas namorado.
Desta maneira, poderíamos dicir que La memoria infinita conxuga a reconstrución da memoria histórica dun país coa conservación da memoria común dunha parella. O popular co íntimo. O político co sentimental. Ao fin e ao cabo, que é unha parella senón un país coas súas propias normas fundamentais, cultura, infraestrutura e patrimonio?
Se por unha banda temos a dexeneración colectiva dun país gobernado por monstros, por outra, atopámonos con esa máquina de aniquilación de recordos que é o alzheimer. Ese animal voraz capaz de vencer aos coidados máis amorosos e infatigables.
Un dos milagres de La memoria infinita é que a pesar dos temas que aborda, fuxe con éxito do derrotismo. Nun momento no que a sombra da extrema dereita se proxecta con forza sobre a democracia chilena que mira dende o outro lado dos Andes ao que acontece na Arxentina, esta película combate a través das imaxes e as palabras o odio como proxecto político. Fronte aos estragos do alzheimer e como dana a vida das persoas que o padecen e das que as coidan, escribe un eloxio belísimo do amor e dos mellores sentimentos que somos capaces de desenvolver as persoas, incluso nas situacións máis difíciles, sen deixar de lado nunca o sentido do humor.
La memoria infinita
Dirixida e escrita por Maite Alberdi
Reparto: Augusto Góngora, Paulina Urrutia.
Chile, 2022