Xoves 28, Outubro 2021
HomeCulturaMEMORIA DE QUEER

MEMORIA DE QUEER

ENSAIO
Daniel Amarelo (Coord.). Nós, xs inadaptadxs. Representaçoes, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza. Através Editora, 2020.

 

por Carme Adán

Daniel Amarelo, o coordinador, destaca no prólogo deste libro a importancia de que a editora de referencia no ámbito do reintegracionismo nos agasalle esta conversa queer para tecer unha casa común. Un lugar de encontro polifónico e plural que convida a sumarnos ao compromiso cos dereitos lingüísticos e ecolóxicos desde a diversidade sexo-xénero. O texto componse de seis apartados nos que se incorporan vinte colaboracións, todas elas relevantes para comprender, como sinala o propio título, as representacións, os desexos e as historias LGBTIQ na Galiza. Seguindo a afirmación que percorre o índice: “Un território…a explorar…os límites…dos desejos… e da palavra…que clamamos” agroman debates, narrativas, prácticas artísticas e colectividades. Todo un esforzo por rastrexar máis alá das identidades e as categorías ríxidas do cisheteropatriarcado modos de falar e actuar máis libres.

É imposíbel sintetizar todas as voces que transitan no texto. Por iso, só a modo de exemplo, quixera apuntar dúas ideas ou, seguindo coa metáfora da casa, dous cuartos nos que deternos a conversar. A primeira parada: a importancia da comunidade. As reflexións sobre a comunidade e o colectivo están presentes en moitos dos textos. Neste sentido, destacan a reflexión sobre a iniciativa de “Sete Outeiros” baseada noutra forma de crear vínculos a través das identidades decididas, tamén a necesaria escrita sobre a memoria do movemento político de liberación homosexual na Galiza dos anos oitenta, ou o apartado dedicado ás colectividades, nomeadamente Avante LGBT, Arelas e Nós mesmas. Fronte á quimera do individualismo neoliberal, crear vínculos e pensar a comunidade como espazo político desde a teoría crítica queer é un exercicio que vai moito máis alá da transformación discursiva, e afonda nas transformacións materiais da vida.

A segunda estancia é ampla e diversa, incluso diverxente. Nela toman forma unha chea de esforzos por deconstruír o dado, o que semella natural, as categorías hexemónicas. Queer devén un topos para pensar a arte contemporánea, o teatro, o ensino, a medicina ou a literatura galega desde a radicalidade de quen non se conforma nunca; porque somos sabedorxs de que detrás de cada etiqueta hai un silencio, algo que fica fóra, unha violencia que se asume como natural.

O libro tenta explorar esa dificultade para categorizar sen caer no hexemónico, no que dita norma e polo tanto exclúe. Este exercicio de reflexividade crítica tan necesario, non só no activismo senón tamén na teoría, é un dos sinais do queer como teoría política crítica. De aí, o esforzo dxs autorxs por fuxir do normativo, do imposto. Crea isto unha nova norma? É posíbel unha apertura constante como lóxica alternativa no proceso de conceptualización? Deixo aí os interrogantes a modo de interpelación colectiva.

Quixera rematar destacando a capacidade de todo o texto para situármonos na Galiza. Mellor dito, para situármonos pensando desde “Nós” as nosas contradicións. Contradicións sobre o rural e o urbano, sobre a nosa lingua e a literatura, sexa esta maronda ou como se quixer definir, sobre buscar espellos no Bronx e obviar as experiencias que temos a pouco quilómetros. Fala Daniela Fernández no texto da necesidade de ter elementos para unha xenealoxía situada.

Fico con esa expresión para animar xs lectorxs a situarse na Galiza, recoller a referencia ao clásico texto de Risco, que latexa no título de Nós, xs inadaptadxs, e “despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galiza” ten memoria e futuro queer.


 

Novidades