CINEMA
O estraño
Director: Thomas M. Wright
Reparto: Joel Edgerton, Sean Harris, Ewen Leslie, Kameron Hood, Jada Alberts, Steve Mouzakis, Alan Dukes, Mike Foenander.
Australia, 2022
O filme comeza coa chegada dunha parella norteamericana, composta por Xulia e mailo seu home, a Bucarest, onde se dispoñen a iniciar unha nova etapa na súa vida. Xulia é protagonista indiscutible desta película. Tanto ela como a parella no seu conxunto, experimentan senllos procesos que poderíamos denominar “de degradación” ó longo do devir do filme. En concreto, é salientable que a psicoloxía da protagonista (aspectos como a autoestima e a tranquilidade) transfórmase, e vai a pior. Así e todo, os procesos de degradación non son os únicos que experimentan as personaxes da película: existen procesos de adaptación, moito máis calmosos, como o de Xulia descubrindo un novo mundo e unha nova xente en Bucarest, por mor da súa mudanza de domicilio, dun hemisferio a outro; esta pescuda de novos alicientes –e alicerces- en Bucarest non só a desenvolve ela soa, senon tamén (inda que poucas veces) conxuntamente co seu home: así, cando quedan unha noite con outra parella, un de cuxos integrantes ten relación laboral coa persoa que convive con Xulia, ou tamén con ocasión dun cocktail do persoal do traballo e achegados de aquél…
A situación de Xulia agrávase cando, nun intre no que está a ollar pola fiestra, de cara a un piso enfronte da casa na que habita, decátase da presencia dun estraño personaxe que a observa dun xeito terroríficamente imperturbable (e co que chega a facer un intercambio de signos a título de saúdo). Xa que logo, alén da soedade, Xulia é agora unha muller aterrada por este descoñecido… ¡e polo descoñecido! E a crise da parella tamén se vai agravando: a comunicación non funciona.
Podemos pensar, nunha abondosa filmografía, que máis que ter unha simple semellanza, parece ser unha posible fonte desta película. Xa que logo, o carácter claustrofóbico do filme recorda á “Semente do Demo” (“Rosemary’s baby”), do director Roman Polanski. Tamén claustrofóbicos son, poñendo por caso, os planos interiores da película “O Resplandor”, dirixida por Stanley Kubrick, ateigada de matices paranormais. Asemade, é posible ver a pegada de Hitchcock en O estraño: deste xeito, a posición de “mirón”, o voyeurismo, recorda á “Fiestra indiscreta”; ou, falando tamén do propio Hitchcock, existe no seu filme “Psicose”, en común con esta película, unha relación familiar maternal que semella ser frustrante e tóxica.
Podería reflexionarse verbo da filosofía ou mensaxe do filme en varios diversos sentidos, Denantes de nada e con carácter previo, chámanos a atención a curiosidade que se dá no idioma nacional galego, polo feito de que o título O estraño ten un dobre significado semántico: dunha banda, o que se refire a un ente masculino con certas calidades; e, doutra banda, un segundo significado que alude, con xénero gramatical neutro, a unha situación que reúne determinadas características. Pero, volvendo ó contido do filme, en primeiro lugar, coma primeira hipótese, poderíase postular que a película describe un proceso polo que algo estraño se transforma en algo maligno (ou alomenos perigoso). As Dúbidas déixanlle paso ó Terror. Nembargantes, en segundo lugar, este filme podería interpretarse, alternativamente, como a simple narración de que a vida dunhas persoas, máis ou menos normais, é interferida por un asasino múltiple. Pola ambientación e por unha serie de detalles, podería tirarse, inicialmente, a conclusión de que estamos perante unha película de terror con reveretes parapsicolóxicos (como indicio no que se apoiaría esta tese, pensemos, poñendo por caso, no Pequeno Moneco de Drácula co que Xulia agasalla ó seu mozo, que sería posible interpretar coma un presaxio). Porén, abondará con agardar ó remate deste filme para decatármonos de que en realidade ficamos diante dun thriller…, un peculiar thriller.
Outra característica desta película é que nela latexa case constantemente unha sensación, un rumor xordo, de que vai pasar algo, un perigo que non se dá concretado ata os últimos momentos do filme. Existe un proceso de constante (ou case constante) incremento da inquedanza e o suspense no espectador verbo dos aspectos angustiosos que vai desenvolvendo a trama argumental; este proceso vese incrementado por varios e sucesivos episodios que irrumpen coa máxima tensión… Doutra banda, é doado observar que, dende o intre no que Xulia establece contacto visual co “estraño”, por primeira vez, ó traveso da fiestra da súa casa, xurde espontaneamente un “duelo” entre dous observadores, que, máis que observárense, se disparan con cadansúa mirada. Este duelo non se circunscribe exclusivamente ó piso de Xulia, senón que se trasladará cara a fóra do mesmo…, de tal xeito que Xulia seguirá e axexará de incógnito ó “estraño” polas rúas de Bucarest, ata o supermercado, ata o seu posto de traballo…e mesmo chegará a irrumpir na súa casa e importunará ó seu pai.
Amáis, sería interesante facer unha análise, ou, cando menos, unha alusión ó contexto, ou, mellor dito, ós contextos deste filme. Neste censo, quizáis pola influencia da literatura romántica (especialmente Bram Stocker). Romanía, o pais onde se desenvolve a película, adoita apreciarse en Occidente como arrodeada dun halo ou aureola de misterio: relembrémos a vixencia e persistencia (poñendo por caso) do mito do vampiro ó longo de moitos anos. Romanía, dende a Europa occidental, é un país que fica na frontera do “Exótico”. Non é demasiado común poder ver cinema romanés na Península, ou alomenos en Galicia. Hai un certo aillamento do cine e da cultura romanesas. Semella que a realidade cinematográfica e cultural de Romanía se superpón a realidade xeolingüistica deste país caracterizada polo aillamento que conleva o feito de ser unha nación latina arrodeada por outras eslavas e mais por unha maxiar (que non é nin sequera indoeuropea).
Cómpre tamén ter en conta a conxuntura e ambiente dos tempos ós que se refire o filme: o dato máis salientable é a presencia, nas rúas de Bucarest, dun asasino en serie, un auténtico depredador, que tortura, maltrata e dá norte a mulleres. Ben certo é que a austeridade xeral dos escenarios do filme, é compatible cunha boa ambientación da cidade de Bucarest; a sinceridade da devandita ambientación conleva que, quen teña estado nesa cidade, recoñecerá algún monumento, algunha rúa… que, de non se-los escenarios orixinarios, verdadeiramente e de certo, serían, abofé, moi ben reproducidos e imitados.
A título de epílogo, só nos resta amentar as cuestións de ritmo e a valoración final global deste filme. En primeiro lugar, o ritmo da película é un bo ritmo, un ritmo axeitado: ás veces cadencioso, pero sen caer no aburrimento. No que atinxe a valoración global, o máis salientable é a humildade deste filme, que non é en absoluto pretencioso; esta película é humilde, mesmo nos seus investimentos económicos (nese censo, a utilización dos espazos no filme semella ser máis asimilable a unha obra de teatro que a unha cinematográfica: a acción de interiores é prevalente). A película é simple pero non simplista, no seu argumento e no seu guión.
En definitiva é un filme moi correcto e recomendable.