O Banquete de Conxo novelado

O que fora profesor de Lingua e literatura e director durante moitos anos do Instituto Xelmírez I de Santiago de Compostela, investigador da sociolingüística, concelleiro en dúas lexislaturas nesa cidade e novelista desde o 2010 con Denso arrecendo a salgado (Edicións Xerais) e que continuou con máis de media ducia de novelas, dez anos despois de publicar a súa primeira novela histórica (Lourenzo xograr, premiada co García Barros da Estrada), volve á senda da historia, agora no século XIX. Mazarelos está ambientada nunhas datas concretas, as da celebración do famoso e polémico Banquete de Conxo en 1856 (o 2 de marzo), que tivo como protagonistas principais aos poetas Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, amigos de Murguía e Rosalía, coa consabida polémica da denuncia xudicial por parte dos poderes reaccionarios, que case leva aos nosos poetas ao desterro das lonxanas illas pacíficas das Marianas, hoxe en poder dos EEUU. Pero estes non van ser os únicos protagonistas. O protagonista principal é o Instituto público, nesas datas ubicado no edificio que fora da orde dos Xesuítas da Praza de Mazarelos, e no que vivían tamén, no seu 3º andar, un grupo de paisanos que, a consecuencia da fame do ano 1853, o arcebispado aloxou nese lugar para aliviar a miseria máis absoluta na que se encontraban os campesiños dos arredores de Compostela. 

Novelista xa experimentado, Portas vai interpoñer entre o autor e a narración histórica, un personaxe que será quen faga a investigación nos arquivos históricos e na hemeroteca, e finalmente a elaboración da propia novela: Helena, unha profesora de Historia xubilada, sistemática e metódica, que vive soa. A investigación sobre o instituto e a novela xa está practicamente elaborada cando comeza a obra. Trátase de puíla, rematala, polo que a autora quere revisar todos os detalles, que non haxa erros sobre os feitos históricos, que os personaxes teñan vida propia, que haxa verosimilitude. 

O feito de facer responsable da novela a Helena leva a que a estrutura da obra  estea marcada polo tempo narrativo: os capítulos nos que a narración se centran na historiadora, do 9 ao 14 de febreiro de 2026, e o tempo dos acontecementos históricos e ficcionais do século XIX: do 25 de febreiro ao 27 de marzo de 1856. A obra remata cun capítulo (XXXVI) situado en 1884, no que don Xosé López de Amarante fai unha valoración da súa vida ao servizo do Instituto e da cidadanía compostelá, naquela Compostela que parecía tan conservadora, pero que por debaixo desa imaxe mantiña unha cidadanía en marcha. 

O ritmo narrativo, marcado como dixen polo tempo, está organizado dunha forma moi medida, como se fose unha sinfonía. Despois dun capítulo ambientado en 2026, no que a historiadora-narradora reflexiona sobre a obra e os personaxes, seguen 5 capítulos no que os personaxes históricos e ficcionais están vivindo no inverno de 1856. Só no penúltimo capítulo, ambientado en 2026, onde Helena discute cos personaxes da novela sobre o final da mesma, o tempo histórico-ficcional e o tempo metaliterario contemporáneo do lector mestúranse.

Un dos grandes logros da obra, toda ela contada en 3ª persoa, é a visión dos personaxes, que dan fe visual do que acabamos de ler no capítulo anterior, producindo na lectura unha profundidade de campo intensa e vital. O mesmo acontece coas dúbidas e reflexións da creadora da novela, Helena, que nos aproximan a outros personaxes históricos importantes do momento, como Manuel Murguía, que naquelas datas vivía en Madrid, ou Rosalía, que aparece discretamente no ensaio dunha obra de teatro no Liceo da Xuventude en San Agustín, no que ela era unha das actrices. 

Os personaxes históricos como D. Xosé López Amarante, director do Instituto, o arcebispo D. Miguel García Cuesta, os poetas Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, o alcalde de Santiago, D. Pío Rodríguez Terrazo, un dos líderes da Revolución de 1846 protagonizada polo comandante Solís, son tratados con moita dignidade e recoñecemento. Os personaxes ficcionados, como os populares, dignos representantes das clases traballadoras de Santiago, gozan de comprensión e tenrura. Só o caso do profesor substituto de alemán, verdadeiro señorito clasista e sen escrúpulos, encarna a todos aqueles elementos que nos fan recordar os momentos máis escuros da nosa historia. 

O estilo lingüístico da novela é moi dinámico e fluído, como o do propio autor, Manuel Portas, cando fala: empático, envolvente e engaiolador. 

Parabéns por esta obra que nos fai vivir un dos momentos máis simbólicos da Historia de Galicia, o Banquete de Conxo, ao tempo que descubrimos a importancia dos que loitaron por un ensino público, laico e científico ao servizo da cidadanía. 

Mazarelos
Manuel Portas  
Editorial Galaxia, 2025. 
Páxinas: 296