SERIES
THE PLOT AGAINST AMERICA (USA, 2020)
Dirección: Thomas Schlamme e Minkie Spiro; Produción: Claire Shanley; Guión: David Simon, Ed Burns, Philip Roth e Reena Rexrode; Montaxe: Joe Hobeck e Brian A. Kates; Fotografía: Martin Ahlgren; Dirección artística: Jordan Jacobs.
Intérpretes: John Turturro, Winona Ryder, Ben Cole, Jacob Laval, Azhy Robertson, Anthony Boyle, Zoe Kazan, Michael Kostroff, David Krumholtz, Morgan Spector, Johanna R. Griesé, Caleb Malis.
por Yolanda López
Agardamos con ansia a miniserie A Dry Run de David Simon sobre os batallóns norteamericanos que loitaron contra os fascistas durante a Guerra Civil Española. Cando o proxecto se deu a coñecer hai un ano, o creador de The Wire, Treme ou The Deuce recibía ameazas por Twitter. Seica levamos moi ben isto da memoria histórica e as cunetas, e algúns decidiron advertilo sobre tratar as lerias do franquismo segundo se tiñan silenciado. Como se as historias de Simon non reflectisen con acerto complexidades sociais e intereses confrontados… Neste compás de espera HBO estrea The Plot Against America, novo guión de Simon e Burns a partir da novela homónima de Philip Roth.
Seis episodios presentan un xogo do pasado que transloce como espello a realidade máis inmediata. A máxima “Tonight We Have Taken Back America” funciona como liña de guión (na trama televisiva e no fantochismo de Trump). O populismo como primeiro chanzo do estado fascista. Trátase de imaxinar en chave ucrónica unha historia alternativa dos Estados Unidos. En 1940 Charles Lindbergh derrota a Roosevelt, sendo elixido como presidente, e pon en práctica unha política arredista de pactos con Hitler que rematará coa persecución de xudeus norteamericanos.
A capacidade para fantasiar e reler o pasado a partir de feitos reais caracterizaba xa a proposta literaria. Lindbergh, ademais de por ser o primeiro aviador que cruzara o Atlántico sen escalas, era coñecido polo seu antisemitismo, pola súa crenza na euxenesia e por ter liderado o movemento American First que apostaba pola posición neutral na Guerra Mundial. A voz literaria descansaba nun narrador adulto que evocaba a crónica familiar na veciñanza de Newark (os paralelismos coa infancia de Roth eran máis que evidentes). A serie toma relevo co berro “Lindbergh ou a guerra!”, co retrato dos Levins nas voces dos seus membros e cun reparto actoral encabezado por Winona Ryder e John Turturro. Non vos enganedes: os dous primeiros capítulos cocen a lume lento para logo amosar como unha sociedade aparentemente cohesionada estoupa até facer desaparecer valores e crenzas asimiladas como inmutables.
Atopamos a vinculación estadounidense cos nazis en series como Hunters (2020) e a ucronía noutras como The Man in the High Castle (2015-2019), pero Simon traballa un
guión apetitoso, unha recreación visual asoballante e un fresco social coa mestría habitual. Denunciar como a intolerancia e o racismo sobreviven no presente amósanos a forma abxecta na que o fascismo segue presente. Outro día falamos do desta beira do Misisipi.