MÚSICA
Familia Caamagno. Había que intentalo . Fole Redords. Abril, 2019.
Selvática. Macumba . Discos de Kirlian. Marzo, 2019.
por Carlos Rego
Adoita asociarse o espírito despreocupado e xoguetón do rock and roll máis básico coa falla de compromiso político ou social nas súas letras. A estas alturas un ten claro que o rock and roll, a música en xeral, non precisa de coartadas ideolóxicas ou obrigacións sociais para cumprir co seu auténtico compromiso co oínte: emocionar, divertir, facer bailar… É certo, porén, que cando un traballa nun estilo xa ben definido e con pouca capacidade para a sorpresa, unhas letras que vaian máis aló do tópico axudan a elevar o resultado final.

Familia Caamagno están especializados en rock sesenteiro de espírito bailongo e rebuldeiro. Crentes nas gravacións analóxicas e as melodías instantáneas, os de Oroso quixeron darlle unha volta ao seu estilo neste Había que intentalo. Non é que o cambio os faga irrecoñecibles, pero si se nota máis elaboración na produción, sen pasarse e conservando ese toque ye-ye fedellón que de cando en vez lles sae. Aínda morden en cancións como «Cocogualla» ou dan conta de aventuras nocturnas que se torcen, pero o máis salientable é que no medio do baile, da ironía e do bo humor aboia un bo aquel de retranca malhumorada. Hai retratos dun adolescente eterno deses que non deixan a casa dos pais, quizais por falta de iniciativa ou talvez porque hai moito “traballo en negro, moito escravo branco”. En «Guapos de primeira» atrévense con ritmos bailóns de aire latino que agochan unha moi aceda crítica aos mozos que marchan e non volven: “Os que marchades moi mal, aquí non hai traballo, non temos un can. E cando vai chover, mellor que sexa en Londres, sen lama nos pés. Morriña en lata que manda mamá. Facémolo skype cando morra o avó e non quede nin dios”, cantan dándolle a volta á habitual queixa pola emigración da mocidade. Tamén traballan unha especie de costumismo ao revés advertindo aos aventureiros de cidade que queren coñecer onde viven eles que miren ben “se isto é para ti”, un lugar cheo de “rotondas permanentes e tabernas con serraduras”. Baile e rock and roll si, pero os tempos non están para moitas bromas.

Os textos de Selvática non van por aí. Os improbables seguidores desta páxina xa coñecerán a un dos grupos máis persoais da nosa contorna. Manu G. Sanz e Paula Vilas seguen a repartirse liderado e micro dunha banda na que aínda quedan rastros da súa formación en Rio de Janeiro: Macumba é un ritual brasileiro de feiticería, así que non estrañan as letras escuras e as imaxes morbosas, sempre suxestivas e a ton coa música que as envolve, e cun certo aire de cómic de serie b: abundan o sangue, sombras sen nome que te abrazan, caras que arden… Por outro lado, ao final do disco cantan «electrocútate y siente la tensión», como se quixeran definir un son xa inconfundible á altura deste seu cuarto LP: teclados con recendo garaxeiro, guitarras de reverberación surfeira e gume after punk, saxo atmosférico e unha intensidade que levanta a un morto.
_________