ARTE
MUSEO [DO ERMITÁN] MAN
Manfred Gnädinger (Man de Camelle)
Comisarias: Andrea Serodio e Carmen Hermo
CGAC, Santiago de Compostela
Até o 30 de agosto de 2020
por María Bella
No CGAC pódese visitar unha exposición dedicada ao artista Manfred Gnädinger, coñecido coma o Alemán de Camelle. Na praciña de entrada ao museo, dispúxose unha reprodución da súa casa-taller. No recibidor, un mostrario da súa obra. E no piso inferior, o seu proxecto de “Non-Posible Museo” e mais un documental sobre a súa vida e obra.
A exposición leva o nome do seu museo imaxinado e insistentemente reclamado ás institucións. Museo [Do Ermitán] Man está comisariada por Andrea Serodio, responsable en Camelle do Museo Man, o “si posible museo” inaugurado en 2015 transcorrida máis dunha década desde a morte do artista.
Ao visitar a exposición –desprazándome desde a Costa da Morte e como coñecedora da obra e o proxecto de Manfred– asáltame unha pregunta. Para que toda esta escenificación despregada no CGAC, a 70 km de Camelle,? Sen lugar a dúbidas hai elementos a celebrar: o merecido recoñecemento aos protagonistas desta historia –especialmente a Manfred–, a función lexitimadora das institucións, a amplificación da obra cara a outros públicos ou as incidencias de calado político durante o proceso. Malia todo, penso que neste proxecto expositivo opera algo máis. O mesmo relato é infinitamente máis potente cando se experimenta no seu contexto, esa pequena vila case esquecida á que chega Man. De feito é en Camelle onde poden entenderse as súas condicións de traballo e vida, e onde Andrea Serodio e colaboradores levan anos desenvolvendo, con escasos recursos, un importante traballo de recuperación e ordenación do acervo do artista. Alí é onde está a casa-xardín e o museo que custodia e mostra a súa obra. É alí onde se desprega a potencia desa materialidade e memoria aínda percibibles e imposibles de reproducir noutro lugar. Onde están o vento, o mar e as súas xentes –a paisaxe e o territorio–; axentes activos cos que Man mediaba na súa labor de artista. Daquela, para que pode servirnos esta especie de matrioska museística de “Non-Posible Museo”, de Museo Man en Camelle e de Museo [Do Ermitán] Man no CGAC? Cal podería ser o metarrelato que produce?
Hai unha fermosa e sinxela historia de Leo Lionni, ilustrador e creador de contos para crianzas –e non só–, que resulta infalible para falar do oficio da arte. Frederick forma parte dunha familia de ratos que traballan almacenando víveres para sobrevivir ao inverno. Os seus irmáns afánanse noite e día carrexando millo, noces, trigo e palla, pero Frederick parece alleo ás tarefas. Sorprendidos, pregúntanlle por que non traballa e el responde que si o fai: apaña raios de sol, cores e palabras para axudar a pasar o frío, gris e longo inverno. Avanzada a estación, cando os víveres se esgotan e a moral fraquea, os irmáns acoden a Frederick para que saque o que ten recollido. El, pedíndolles que pechen os ollos, enche o refuxio de calor, de cores e de historias. A exposición no CGAC convídanos a deixarnos engaiolar pola historia de Manfred, que nos esixe activar unha intelixencia sensible similar á que emprega Lionni para poñer en valor o traballo da arte. En lugares pequenos como Camelle os oficios aínda se distinguen: o mariñeiro pesca, as palilleiras fan encaixes, as mestras ensinan e o médico cura. E o artista?… En case ningún pobo se tivo o privilexio de contar cun artista entre os seus habitantes, artista oficiante que –do mesmo xeito que o mariñeiro se bota ao mar– traballa coleccionando cores para o porvir. A figura de Manfred é excepcional e o feito de que exista un Museo como o de Man, dedicado á arte contemporánea nun pobo como Camelle, é case que un milagre. A historia que se celebra no CGAC é ese (non)posible feito realidade.