CINEMA
The Sisters Brothers (Francia, 2018)
Dirección: Jacques Audiard; Produción: Pascal Caucheteux, Gregoire Sorlat e Michel Merkt; Guión: Jacques Audiard e Thomas Bidegain; Montaxe: Juliette Welfling; Música: Alexandre Desplat; Fotografía: Benoît Debie. Intérpretes: John C. Reilly, Joaquin Phoenix, Jake Gyllenhaal, Riz Ahmed, Rutger Hauer.
por Yolanda López
No seu novo proxecto, Audiard mergulla nun xénero tan propiamente cinematográfico como afastado (en principio) da condición do director como francés: o western. Coñecido pola complexidade dos estudos psicolóxicos retratados en Un profeta (2009) ou en De óxido e óso (2012), o realizador escolle un cuarteto de qualité e roda en terras de Navarra, Almería e Romanía a viaxe dos irmáns Sisters. O filme adapta a novela do canadense Patrick Dewitt e preséntanos a fraternidade de Charlie (Joaquin Phoenix) e Eli (John C. Reilly), parella de matarifes durante a época da febre do ouro que, coa axuda do detective Morris (Jake Gyllenhall), cabalgarán desde Oregón a California para dar caza a Herman Kerwit Warm (Riz Ahmed).
Os Sisters viven de liquidar xente por encarga, son violentos, eficaces e tamén antagónicos: o cerebral fronte ao impulsivo. A longametraxe constrúese desde a dualidade propia do western (civilización vs. barbarie, razón vs. instinto) para achegarse á reflexión existencial con apoio na itinerancia característica do xénero. Audiard aposta pola forza da imaxe, cunha estética que bebe a un tempo do western clásico, do crepuscular e das reinvencións de Ford, Mann, Peckinpah, Eastwood ou mesmo de Tarantino. Soubémolo desde a secuencia inicial, durante a presentación da parella protagonista, onde os relustros dos revólveres emanaban lirismo no medio da noite. Desde aí até a segunda parte do filme, máis escura e máis densa, que pecha cunha derradeira secuencia rodada nunha soa toma (si, ollade ben: nunha soa toma). O falansterio de Warm, a meditación durante o campamento onde conviven os catro e as conversas entre a outra parella protagonista (Gyllenhaal e Ahzmed) converxen na hipótese: sería posible atopar un remanso de paz entre as balas, o sangue e a ambición?
Ovacionado en Venecia, onde Audiard acadou o premio como mellor director, o filme fracasou na billeteira americana, recuperando tan só a cuarta parte do seu orzamento. Poucas veces aplaudín tanto o traballo dun cuarteto protagonista. Volvemos a Tabernas para falar sobre a redención e a ambición; e, mentres soaba a partitura de Alexandre Desplat, viaxamos entre o nihilismo e a conciliación. Bendito retrato fraternal. Touchée.
__________