CINEMA
Blinded bay the light (Gran Bretaña, 2019)
Dirección: Gurinder Chadha; Produción: Jane Barclay, Gurinder Chadha, Jamal Daniel; Guión: Paul Mayeda Berges, Gurinder Chadha, Sarfraz Manzoor; Montaxe: Justin Krish; Música: A. R. Rahman; Fotografía: Ben Smithard. Intérpretes: Viveik Kalra, Hayley Atwell, Rob Brydon, Kulvinder Ghir, Nell Williams, Aaron Phagura, Meera Ganatra, Dean-Charles Chapman, Nikita Mehta.
por Yolanda López
Nos últimos meses, veñen chegando ás salas títulos que apostan por distintas conexións entre música pop-rock e cinema. Achegas desde o biopic como Rocketman (Dexter Fletcher, 2019) ou Bohemian Rhapsody (Bryan Singer, 2018) –recollían a traxectoria de Elton John ou Queen, respectivamente– ou filmes que gustan afondar na importancia da pegada emocional que cancións e melodías deixan na banda sonora de cada quen. Yesterday (Danny Boyle, 2019) contaba a historia dun mozo que loitaba por facerse camiño na música mentres abraiado descubría ser a única persoa que lembraba os Beatles. Nesta corrente atopamos ademais Blinded by the Light que, logo de entusiastas críticas en Sundance, chega aos cines nos estertores do verán.
Quero ser coma Beckham (2002) deu a coñecer a súa directora Gurinder Chadha, non só como comedia inglesa con mellor billeteira na historia do seu país, tamén pola traxectoria no mercado internacional. Unha historia sobre iniciación, mestizaxe e costumes culturais protagonistas tamén nesta estrea do mes. Javed (Vivel Kalra) é un adolescente de ascendencia paquistaní, oprimido tanto polo crecente racismo durante o goberno da Thatcher como polas expectativas dos seus proxenitores. Cando grazas a un compañeiro descobre a música de Bruce Springsteen, atopará os paralelismos e a inspiración para afrontar os seus soños. O filme sabe botar man dun feixe de temas (Dancing in the Dark, The Promise Land ou Born to Run, ademais da estrea de I’ll stand by you canción composta tempo atrás) para subliñar a esperanza que, durante anos, teñen dado as letras do Boss á clase obreira.
A trama bebe da novela autobiográfica Greetings from Bury Park do xornalista Sarfraz Manzoor, quen colaborou na escrita do guión. O propio Springsteen deu o beneplácito á historia e a directora (outra fan confesa do músico, xa somos tres) decidía en 2016 que era o momento de levala á pantalla ante o preocupante xiro cara á dereita da política inglesa. Desde a perspectiva da comedia musical, o filme retrata ao inmigrante que deixa atrás a súa familia e a súa cultura na procura dun futuro; así mesmo describe o racismo e a discriminación aos que se enfronta mentres loita cos obstáculos económicos.
O resultado é unha fita amable, conciliadora e entretida que afonda en algo tan serio como os referentes culturais, os libros, os filmes, as cancións que nos acompañan cara á vida adulta (e onde, penso, adoitan resoar sempre). Nick Horbny sabe expresalo moito mellor. O xeito no que a música mellora a vida e como presta deixarse atrapar por ela. Logo estamos aos felizmente cegados pola luz de Springsteen, aqueles que desde a adolescencia quixemos ser a Mary de Thunder Road, e que gozamos en pantalla grande das melodías da nosa banda sonora. Todo axuda.