Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaMario Regueira: "Gustaríame que os meus lectores escoitasen as cancións que saen...

Mario Regueira: “Gustaríame que os meus lectores escoitasen as cancións que saen na novela”

Jazz cantado, emigrantes galegos nunha lonxana cidade do norte (sen porto), análise da familia, como un elemento máis opresivo que liberador, reflexións sobre a parella e a sexualidade e unha visión non edulcorada da realidade (sen caer no pesimismo). Eses son algúns dos elementos da nova novela de Mario Regueira, Outono aquí. Conversamos co escritor ferrolán sobre a súa obra e tamén sobre outras cuestións que teñen que ver co mundo da cultura galega nestes tempos de demolición.

“Outono aquí” é unha novela de temática adulta, de reflexión sobre a vida fronte a outras obras que enfocan máis a literatura como entretemento…

Si, é o camiño que escollín, quizais pola miña formación en teoría da literatura. Neste país sempre houbo as dúas tendencias: por unha banda unha literatura máis reflexiva e interesada polas formas, pola arte e a innovación, e por outro lado a da literatura como entretemento. Eu considerei que era máis importante ou máis interesante seguir o camiño da experimentación, de facer traballar ao lector e sacalo un pouco da pasividade. Pero a literatura de entretemento é algo moi respetable e que me gustaría facer nun momento determinado, e que seguramente é algo que se desfruta moito máis como creador. Non descarto facela máis adiante. Ben, máis adiante quere dicir cando me xubile, ou, dentro de dous meses se me din que así vou vender moitos libros (risos). Supoño que faría algo así como xogar cos xéneros, como a ciencia ficción, policial…

[quote style=”boxed” float=”left”] Non descarto facer literatura de entretemento [/quote]
Nunha entrevista en Letra en Obras falas sobre o retrato xeracional. Moitos escritores foxen de ese tipo de etiquetas, afirman que eles non querían retratar a ninguén.

Si, diso falouse moito, quizais demasiado coa miña anterior novela, L’affiche rouge, na que quería explicar como a miña xeración se achegaba á política, aos mitos do nacionalismo, a determinadas formas de esencialismo… aínda que non é un retrato ao uso. Aos escritores dísenos que falemos de algo que coñecemos moito. Por iso pretendín tratar temas sociais, políticos, temas laborais sobre os que tampouco hai moito escrito nin existe un discurso explícito na literatura galega.

Chama a atención a presenza constante da música no libro, os capítulos con nomes de cancións. Non sei se recomendas que os lectores escoiten a un tempo as cancións.

Recomendo que se busquen as cancións e que non se queden tampouco coa interpretación máis habitual; porque os temas que aparecen no libro son versións dentro do estilo de “crooner” do protagonista. A música é algo que aparece en todos os meus libros, tamén en L’Affiche Rouge (que é unha canción de Leo Ferrré) porque é algo que forma parte tamén da miña vivencia e quizais das miñas frustracións, quizais pola miña incapacidade para entender como se compón ou interpreta unha canción. Eu escoito moita música, desde o punk-rock ata o jazz que interpreta o protagonista da novela. Tamén me interesa o tema das versións, porque como di Xoán (protagonista da novela) unha boa versión faiche escoitar unha canción como se fose nova.

Ambientas a novela en Gante por algún motivo?

Non sabería dicilo, aínda que por algún motivo, a posteriori descubrín unha certa fixación por espazos onde a francofonía é un elemento do conflito lingüistico: Bretaña, Nova Orleáns, Gante. Quizais iso ten que ver coa miña vivencia como galego do conflito lingüístico, e por iso falo do bretón en L’Affiche ou do flamengo en Gante, como unha parte non central do discurso, pero que si aparece como pano de fondo. Tal vez é máis sinxelo falar diso que do conflito lingüístico en Galiza. E logo tamén é un lugar verosímil nesta historia porque hai unha escena de jazz potente nesa zona de Europa.

Na devandita entrevista suscitouse un pequeno debate nos comentarios acerca do carácter innovador da literatura galega nos 90 fronte a un suposto “estancamento” actual. Non é esa unha actitude algo negativa?

É certo que nos 90 se exploraron campos novidosos na nosa literatura, polo menos a nivel galego aínda que non o fosen a nivel europeo, internacional. É a época da explosión do bravú, de reivindicación dun punto de encontro entre a posmodernidade, a globalización e por outra banda a tradición galega. Tamén se internacionalizou máis a nosa literatura e ao tempo fixéronse obras arroutadas, arriscadas, bravús, se se quere, como as de Jaureguizar, por exemplo ou todo o que fixo o propio Xurxo Souto como escritor. Creo que marcaron un camiño moi interesante pero que se esgotou pronto tamén, e polo tanto afirmo que a literatura que se fai agora non ten nada que envexar á dos 90. A nosa literatura é valente de por si, escribir na nosa lingua é xa un acto de valentía. En todo caso é unha literatura algo menos “explícita” e quizais con menor promoción mediática.

Ti segues mantendo o teu blog, O porto dos escravos, mentres outros pecharon. Sobre ese tema ocórrenseme varias preguntas. Que foi do blogomillo? Que significou?

Creo que o pasou co blogomillo ou a blogosfera galega é que se lle deu quizais unha entidade que non lle correspondía, chegándose mesmo a dicir que era un novo xénero literario. Os blogs son ferramentas novas de comunicación, e poden ser lugar de creación, de experimentación, pero creo tampouco que darlle maior transcendencia. O blogomillo tivo durante moito tempo unha transcendencia social, serviu para facer quedadas, coñecerse moita xente e facer proxectos comúns e foi un momento bonito. Agora os blogues perderon iso, que derivou máis a redes sociais como o facebook ou o twitter e agora na blogosfera queda o que era a súa esencia, unha forma de comunicar para a xente que che queira ler. Non todo o mundo ten acceso a un xornal pero todo o mundo pode ter un blog para quen o queira ler. A min gústame empregalo para falar de libros, da actualidade e despois hai un que emprego para experimentar que é dorfantasma.

Xa para rematar quixera que nos falases sobre a túa experiencia como participante no proxecto de Estaleiro Editora e sobre a situación actual do mundo editorial galego.

Por mor dunha estadía en Barcelona estiven un pouco desvinculado do proxecto, aínda que agora tento retomalo. O bo de Estaleiro é que cada socio ten unha perspectiva propia: están os que o ven como unha alternativa absoluta á edición convencional e os que o vemos como algo complementario a outros proxectos, onde por coherencia me teño que incluír eu, posto que como escritor traballei moitas veces con editoras comerciais. Sabemos convivir persoas que nos 80 ou nos 90 igual estabamos rifando por cuestións como a guerra das normativas. A editorial serve para sacar libros que o tecido editorial galego non está preparado para sacar, tamén, pensa que xa temos un catálogo de 16 libros. A diversidade sempre é boa, e nese sentido, Estaleiro axudou a que nos últimos 3 anos xurdiran moitas outras editoras por así dicilo “alternativas” ou de carácter amador, como Urco, Corsárias, Acha Escrava, Axóuxere…