Mares da fin do mundo: en defensa do mar a través do cinema

A edición de Mares da Fin do Mundo deste ano trouxo importantes novidades que a fixeron máis especial que de costume. Non era para menos, dado que recalaba nun novo porto de mar chamado Ribeira. Deste xeito, a mostra iniciaba unha nova etapa, avanzando un chanzo máis despois dos seus primeiros pasos en Carnota (2018-19) e dos enriquecedores anos en Serra de Outes (2020-23). A chegada a Ribeira representaba, por tanto, unha expansión natural e necesaria no seu proceso de fortalecemento como evento.

Aínda semella que foi onte cando Marcos Gallego, director da mostra e cineasta, deu inicio á súa aventura arredor do cinema marítimo. O seu propósito foi ben claro dende o primeiro momento: sensibilizar á audiencia sobre a importancia de preservar o mar e as súas riquezas, así como reivindicar a defensa da pesca tradicional e todos os seus oficios. Os parámetros estaban fóra de toda dúbida, mais a principal dificultade residía en como plasmar estes ideais nun festival de cinema, algo que non tardou en definirse con mestría. Pouco a pouco, os dous días de mostra iniciais foron ampliándose ata chegar ao actual programa de cinco días, todo isto malia a termos pasado por unha pandemia ao longo deste proceso de transformación.

A edición de Mares da Fin do Mundo deste ano trouxo importantes novidades que a fixeron máis especial que de costume. Non era para menos, dado que recalaba nun novo porto de mar chamado Ribeira.

Abofé, o último Mares demostrou que viña coa lección ben aprendida de Outes. Proba diso, o apartado das proxeccións non foi tan distinto do presentado o ano pasado, mantendo un mesmo esquema consistente nunha sección competitiva, sesións especiais —cos apartados Proa e Popa á fronte— e os actos de inauguración e clausura. Mais agora, o Auditorio de Ribeira convertíase no espazo ideal para atender as necesidades do festival en termos de público, especialmente tendo en conta as implicacións co mar existentes nunha comarca coma a do Barbanza.

Alén do cinema exhibido, o marco ribeirense tamén se configuraba como o lugar perfecto a respecto da oferta de actividades paralelas. Non en balde, o estreito vínculo da zona coa pesca tradicional convertíase na última peza clave para as aspiracións de Mares, tanto a nivel artístico como teórico. Esta conexión manifestouse en todas as actividades complementarias, dende os faladoiros ata as saídas pola ría en embarcacións tradicionais. Precisamente, é esta coherencia entre todas as pezas do programa a que dá sentido último ao festival, totalmente perentorio pola urxencia do seu discurso.

Reflexións sobre o mar nos filmes a competición

Se alguén ten dúbidas sobre as posibilidades fílmicas do documental marítimo, Mares disipa completamente esas incertezas coa súa selección competitiva. Dos preto de catrocentos filmes presentados a concurso —unha cifra significativa dada a restrición temática da cita—, o festival brindounos quince títulos que definiron o bo traballo de curadoría realizado polos organizadores. Foron as miradas sobre o mar, a pesca e o medio ambiente procedentes dos máis diversos territorios de todo o mundo, deixando claro que certos problemas son semellantes aos que se viven na nosa rexión.

Sen saírmos da península, exhibíronse tres traballos destacables polas súas procuras argumentais. Entre eles, Todo lo cubre la sal (Joana Moya, 2023) afonda na comunidade de redeiras do País Vasco. É de destacar como a invisibilidade desta profesión chega a ensombrecer a súa relevancia, un aspecto que nos toca moi de preto se viramos a vista cara ás redeiras da nosa terra. Por todo iso, a fita cobra unha maior relevancia na súa posta en valor desta tradición, sobre todo ao decantarse por un enfoque suxestivo e arriscado. Igual de persoal é o traballo presentado na catalá Blow! (2023), a última creación da cineasta Neus Ballús. Tratábase da achega deste ano arredor das baleas, un tema recorrente nas últimas edicións do festival. Brillante no plano visual e estimulante no sonoro, seguimos e sentimos esa paixón por capturar os cantos das baleas, unha característica descoñecida sobre estes xigantes mariños ata mediados dos anos sesenta do pasado século. Dende entón, os estudos sobre baleas expandiron a súa mística, perfectamente visible neste traballo de alcance inmersivo, mais tamén reflexivo en canto que a comunicación destes animais está sendo alterada por mor da contaminación acústica xerada polo ser humano.

Se alguén ten dúbidas sobre as posibilidades fílmicas do documental marítimo, Mares disipa completamente esas incertezas coa súa selección competitiva.

O marco peninsular completábase cunha proposta moi especial chegada de Portugal: Percebes (Laura Gonçalves – Alexandra Ramires, 2024). É de salientar que estamos ante a primeira produción de animación que se exhibía en toda a historia do festival, froito das actuais sinerxías, cada vez máis habituais, entre o xénero documental e o tratamento animado. Non en balde, esta práctica define moi ben o traballo destas afamadas animadoras portuguesas, xa ratificado anteriormente con Água Mole (2017). Unha vez máis, o enfoque baséase en entrevistas gravadas que guían a narrativa e a montaxe da fita. É deste xeito como se vai fiando un retrato sobre o Algarve e a problemática do turismo que padece de vello, intensificada nos últimos anos pola xentrificación desmedida que golpea a moitas cidades e rexións. Do mesmo xeito, o simbolismo e o uso do humor son elementos fundamentais no estilo das autoras, aspectos que xa se poñen de manifesto no dobre sentido do título, ora en referencia aos degoxados crustáceos, ora como forma conxugada —segunda persoa de singular do presente de indicativo— do verbo ‘perceber’ (entender). Deste xeito, nace a preocupación por unha xente e a súa humanidade, ademais do impacto xerado na súa calidade de vida a causa de factores externos como o turismo incontrolado. Todo isto, sumado a un acabado artístico único, explica o enorme éxito colleitado en festivais, incluído o premio á mellor curtametraxe no Festival de Annecy, o principal evento de animación do mundo.

 'Percebes' (2024) de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, filme gañador da Mención Especial do Xurado

Percebes (2024), de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, filme gañador da Mención Especial do Xurado

Estas realidades trouxeron consigo o enfoque máis localista deste Mares. Aínda faltaban moitas outras problemáticas chegadas de todas as partes do mundo coas que seguir ampliando ese espírito de concienciación cidadá tan necesario. Aí estivo a mirada rexionalista como gran protagonista da maior parte destes traballos, existindo un abano de situacións que ían dende o recoñecible ata o máis impensable.

Nesta última categoría, áchase o caso particular de Isblink (Olga Krüssenberg, 2024), unha produción sueca ambientada no arquipélago Svalbard, situado no extremo máis setentrional do mundo en pleno Océano Glacial Ártico. Este traballo xorde como un punto de non retorno fronte á crise climática, intuíndose as nefastas consecuencias que afectan a este territorio aparentemente inmutable. A través das voces anónimas dos habitantes locais, percibimos os cambios sufridos neste inhóspito lugar como unha chamada de atención global. Aínda así, esta mensaxe alarmante logra o seu perfecto equilibrio cinematográfico coas espectaculares imaxes desta rexión, resultando así unha proposta a medio camiño entre o documental de natureza e o documental comprometido co ecoloxismo. Os efectos negativos das accións humanas sobre a vida dunha poboación son tamén o tema central da franco-palestina Aimer la mer à Gaza (Sarah Katz – Samia Ayeb 2023). Neste caso, o problema afecta á actividade pesqueira dos palestinos residentes na franxa de Gaza, vítimas do interminable conflito palestino-israelí. No plano cinematográfico, esta produción adopta un estilo tradicional, case televisivo, se ben destaca polo retrato estarrecedor que fai desta comunidade castigada a sufrir a vulneración dos seus dereitos máis fundamentais. A pesca non é unha excepción a esta problemática, afectando á supervivencia de moitas familias, incluíndo os tratos vexatorios que sofren as pequenas embarcacións pesqueiras por parte dos buques de guerra israelís.

Isblink (2024) de Olga Krüssenberg

Isblink (2024), de Olga Krüssenberg

A nivel temático, o protagonismo feminino emerxe como outra das liñas fundamentais da selección deste ano. Ademais de moitos dos títulos xa analizados, este enfoque define a trama de Mermaid (Eilif Bremer Landsend, 2023), unha fita norueguesa que explora o relevo xeracional a través da figura dunha capitá que segue os pasos do seu pai á fronte dun barco pesqueiro. A aposta do filme non é para nada intrascendente canto á mirada de xénero, especialmente tendo en conta a forte presenza masculina no mundo da pesca. A actividade no barco e a paisaxe conseguen a combinación perfecta co formato de entrevista, xurdindo aos poucos unha progresiva empatía coa historia que se nos presenta. Velaí temos a moza que non entende a súa vida sen o mar, sendo esta a clave do seu equilibrio persoal. Pola súa banda, o rudo pai representa a tradición máis intransixente, mais tamén ese piar fundamental sen o cal todo sería moi distinto. Todo o conxunto irradia unha naturalidade única que nos fai partícipes deste apaixonamento pola pesca.

A mirada feminista domina tamén o discurso da mediametraxe francesa Voyage de documentation de Madame Anita Conti (Louise Hémon, 2024). Tal como reza o título, a historia céntrase na oceanógrafa Anita Conti, unha pioneira na súa disciplina que percorreu os mares de todo mundo a partir dos anos cincuenta, sempre en compañía de tripulacións completamente masculinas. O uso do material de arquivo define o estilo desta produción, tanto no plano visual, con fotografías e filmacións capturadas durante estas viaxes, como na locución das reflexións extraídas dos diarios de Conti. É especialmente destacable como a poética eleva toda esta documentación a un nivel superior, ofrecéndonos un retrato hipnótico dunha figura irrepetible e profundamente comprometida co seu traballo. Son imaxes que nos transportan ao pasado a través dun ollar, en moitos sentidos, virxe, xa sexa capturando os duros momentos da pesca, ben rexistrando os momentos de lecer destes homes incansables. Falamos dunha obra mestra do cinema documental contemporáneo que se alzou co Premio do Público do festival, evidenciando a certeira mirada dos espectadores do festival.

'Voyage de documentation de Madame Anita Conti…de Louise Hémon, gañadora do Premio do Público

Voyage de documentation de Madame Anita Conti, de Louise Hémon, gañadora do Premio do Público

Case como unha paréntese neste eloxio ao mundo marítimo, o achegamento á pesca de río tampouco deixou de ter o seu espazo no festival. Esa foi a achega das dúas producións chegadas do Brasil, concretamente Fishing With Timbó (Aida Harika Yanomami – Edmar Tokorino Yanomami – Roseane Yariana Yanomami, 2023) e Das águas (Adalberto Oliveira – Tiago Martins Rêgo, 2023). En Fishing With Timbó viaxamos ata a selva amazónica, onde coñecemos as prácticas ancestrais da pesca con timbó do pobo yanomami. Concretamente, o timbó é unha vide usada por estes indíxenas como recurso pesqueiro, cuxo veleno lles serve para atordar os peixes. Esta técnica serve de pretexto para unha lectura moito máis profunda, gobernada por un sentido activista que aborda temas como o colonialismo, o capitalismo descontrolado e a destrución da natureza a mans dos invasores brancos. Pola súa banda, Das águas condúcenos a Pernambuco, concretamente á súa capital Recife, ofrecéndonos unha visión de distintas familias pescadoras que loitan contra a pobreza provocada pola progresiva contaminación do Río Capibaribe. Acompañamos a súa loita pola supervivencia, ao mesmo tempo que sentimos a súa mesma impotencia ao vermos un río cheo de lixo e plásticos. Este contexto converte a homes e mulleres en vítimas dun sistema que permite a aniquilación das súas tradicións debido á irresponsabilidade política e social.

Dun xeito ou doutro, a sobreexplotación dos recursos naturais configura unha nova liña temática albiscada en varios dos títulos anteriores, debendo cuestionarnos ata que punto o progreso sería o maior mal proveniente do ser humano.

Dun xeito ou doutro, a sobreexplotación dos recursos naturais configura unha nova liña temática albiscada en varios dos títulos anteriores, debendo cuestionarnos ata que punto o progreso sería o maior mal proveniente do ser humano. Esta perspectiva define a narrativa de Arrullo (Amauta García – David Camargo, 2023), fita neerlandesa que reflexiona sobre as extraccións de gas natural en dous volcáns extintos do Mar de Wadden. A nivel estilístico, estamos quizais ante a proposta máis experimental da competición, algo totalmente comprensible tendo en conta os vínculos dos seus autores coas artes visuais. Nace así un comentario en off guiado por un folclorismo imaxinado que honra estas impresionantes estruturas xeolóxicas. Deste xeito, a crítica diríxese cara aos efectos nocivos da actividade extractora existentes nesta zona, ao mesmo tempo que se revela un profundo e desinteresado amor pola terra.

 'Arrullo' (2023) de Amauta García e David Camargo

Arrullo (2023), de Amauta García e David Camargo

Mais, que sucede cando o tema de debate xira arredor do progreso a calquera prezo? Tal é a cuestión que nos propón Boca Chica (Ái Vuong – Samuel Díaz, 2023), filme estadounidense que nos fala sobre a apropiación indebida da área costeira de Boca Chica de man da multinacional SpaceX. As leis texanas son claras ao respecto: o acceso as praias é un dereito público, de tal xeito que o poder incontrolado dunha empresa privada pode chegar a vulnerar unha lei con total impunidade. Este é só o principio do debate proposto no filme, xa que as secuelas medio ambientais na zona froito das actividades aeroespaciais da empresa de Elon Musk son moito máis atroces. Asistimos á destrución dunha biosfera cunhas implicacións maiores alén da propia zona, dado que Boca Chica é un importante lugar de paso para moitas aves migratorias. Neste sentido, a curtametraxe apenas raña a superficie deste enorme problema, ofrecendo certos puntos de discusión que darían para unha longametraxe.

'Boca chica' (2023) de Ái Vuong e Samuel Díaz

Boca chica (2023), de Ái Vuong e Samuel Díaz

Semellante en intencións, temos a produción italo-francesa Toxicily (François-Xavier Destors – Alfonso Pinto, 2023), cunha duración próxima á hora. Neste caso, o problema vira cara a un dos máis impoñentes complexos petroquímicos de Europa, situado en Siracusa (Sicilia). Unha vez máis, somos testemuñas da gran mentira chamada progreso, ficando totalmente invalidado dende o momento que se torna nun perigo para as persoas. As imaxes do documental son esclarecedoras á hora de entender como este xigante industrial afecta a toda esta poboación, mais sen esquecérmonos tamén do impacto que ten na fauna, na flora e mesmo na paisaxe. Son tales os efectos da contaminación que cabería preguntarse “canto vale a vida das persoas cando esta se contrapón á ditadura do interese económico?”. A resposta é tallante: absolutamente nada. Este é o desesperanzador panorama que nos expón este documental sobre unha problemática con máis de setenta anos de historia, facéndose patente que unha solución realista a curto prazo é pura utopía.

Como puido comprobarse, os títulos deste ano lograron espertar as nosas conciencias como espectadores e cidadáns. A prioridade deste cinema activista subliña a importancia de festivais como o Mares da Fin do Mundo.

Como remate, tocaría avanzar ao derradeiro chanzo temático desta competición, no que se reúnen os tres últimos filmes que fomos adiando para esta recta final. É a quenda das relacións paterno-filiais, que destacan por unha maior intimidade respecto dos outros retratos familiares xa vistos. O traballo man a man entre un pai e un fillo a bordo dunha pequena embarcación de pesca define a posta en escena da polaca 4 AM (Kuba Zalewski, 2023). Carente case de diálogos, a poética do filme descúbrenos a dura realidade desta parella de pescadores, cuxas travesías polas augas do Mar Báltico mostran como a escaseza de recursos ameaza o seu oficio. Este relato invítanos a reflexionar sobre a importancia de coidar do mar, presentando unha estampa desoladora que se repite en moitas comunidades de todo o mundo. Por parte, o abuso que sofren os recursos pesqueiros adquire unha nova perspectiva na arxentina Oro rojo (Milton Ferreira Monteiro, 2023). Neste caso, viaxamos até as costas austrais, onde un capitán e os seus tres fillos comparten a complicada travesía do Canal Beagle na procura da centola foguina, un marisco moi prezado en Sudamérica e actualmente en perigo de extinción. A historia familiar representa o peso central do filme, se ben tamén atopamos o enfoque científico e mesmo o gastronómico para fixar un pouco máis o coñecemento sobre esta variedade de centola. En última instancia, esta historia fala de esforzo e tesón, tales son os principios que guían a esta familia sumida na traxedia a causa da perda dun dos seus membros. Entender o oficio é abrazar toda a súa dureza, algo que este traballo logra transmitir á perfección en cada unha das súas tomas marítimas.

Koka (2024) de Aliaksandr Tsymbaliuk, filme gañador da Competición Oficial

Koka (2024), de Aliaksandr Tsymbaliuk, filme gañador da Competición Oficial

Finalmente, a competición do festival completábase con Koka (Aliaksandr Tsymbaliuk, 2024), un novo filme polaco capaz de converter as adversidades propias dunha terra hostil en tenrura. Esta é a mellor carta de presentación para describir a vida cotiá dun pai e o seu fillo preadolescente, moradores dunha pequena aldea nas remotas costas do Mar de Bering. O potencial cinematográfico desta rexión é verdadeiramente envexable, o que explica a súa presenza habitual noutros títulos vistos en edicións previas do festival —o pasado ano puidemos gozar das impresionantes historias recollidas en Haulout (Maxim Arbugaev – Evgenia Arbugaeva, 2022) e Piblokto (Timofey Glinin – Anastasia Shubina, 2023)—. Non é para menos tendo en conta as características deste lugar que semella encapsulado no tempo, cun estilo de vida máis propio doutra época. Malia a pobreza característica do lugar, que subsiste principalmente grazas á pesca da balea, Koka, o rapaz protagonista, desprende unha vitalidade e unha despreocupación dignas de eloxio, conquistando o noso afecto en cada situación vital. Así pois, o ritmo da historia agroma como a amálgama perfecta entre a inocencia infantil do neno e os momentos afectuosos compartidos co seu pai, deixando de lado toda a miseria adxacente a este lugar e as circunstancias. Dada a súa excepcional calidade cinematográfica e humana, non é de estrañar que o xurado se sentise engaiolado por todos os seus logros, converténdose na gran gañadora do Mares deste ano.

Como puido comprobarse, os títulos deste ano lograron espertar as nosas conciencias como espectadores e cidadáns. A prioridade deste cinema activista subliña a importancia de festivais como o Mares da Fin do Mundo. Así, exemplos como este realzan a relevancia da cultura, entendida como unha poderosa ferramenta capaz de impulsar o mundo cara ao cambio.

Completando o programa

O resto do programa presentado para esta VII edición de Mares brindounos outros tantos momentos destacados, dende a inauguración ata a emotiva clausura. As proxeccións ocuparon as tardes ribeirenses cos filmes a competición e outras propostas fílmicas adicionais, entre as que sobresaíron as tres longas fóra de concurso. A primeira delas, que formou parte do acto inaugural, foi a produción india Against the Tide (Sarvnik Kaur, 2023), que viña de triunfar no Festival de Sundance. En moitos sentidos, o seu argumento prefiguraba moitas das liñas temáticas presentes na competición (pesca tradicional, familia, pobreza, sustentabilidade en risco…), converténdose así en toda unha declaración de intencións.

En canto ás dúas longas restantes, estas conformaron a sección Proa, o espazo para o debate cinematográfico arredor dunha temática específica. A materia escollida para este ano foi a explotación industrial dos fondos mariños e o seu impacto medio ambiental, evidenciando os escasos escrúpulos da meirande parte das empresas enerxéticas e tecnolóxicas. Así o vivimos en The Oil Machine (Emma Davie, 2022), centrada na conflitiva extracción de petróleo no Mar do Norte; e en Deep Rising (Matthieu Rytz, 2023), sobre a explotación descontrolada dos fondos mariños —replicábase aquí parte do discurso visto en Arrullo—. O carácter divulgativo destes dous traballos só pode cualificarse de imprescindible, ao tempo que nos interpela como cidadáns nesta chamada de atención sobre o último recuncho da Terra por expoliar.

De Proa saltariamos á sección Popa, deseñada para dar cabida aos filmes históricos e de arquivo. Esta mirada ao pasado ofreceunos este ano a oportunidade de gozar na gran pantalla das creacións do director neorrealista Vittorio de Seta, o máis humilde e espontáneo dos cineastas pertencentes a esta corrente. Foi nos anos cincuenta cando ideou un valioso decálogo sobre o mundo rural (1954-59), composto na súa gran maioría por filmes que retratan a cotiandade de Sicilia —aquí, a conexión cos filmes competitivos tiña a súa correspondencia en Toxicily—. Catro deles, os exhibidos en Mares, centraban a súa atención exclusivamente no tema pesqueiro, amosando realidades e costumes xa perdidos debido novamente a un modelo de progreso mal entendido. Así o manifestaba o propio De Setta na entrevista que completaba a sesión, crucial para entender todas as súas buscas creativas a través do respecto por estas tradicións. Como legado fílmico e etnográfico, esta colección configura un patrimonio único e inesquecible.

Momento do espectáculo audiovisual en directo EADZ / Severiano Casalderrey

Momento do espectáculo audiovisual en directo EADZ / Severiano Casalderrey

Pechando o círculo audiovisual, tivemos a oportunidade de gozar dun espectáculo en directo ideado a catro mans polo artista visual Adrián Canoura e o creador sonoro Anxo R. Ferreira. Baixo o título EADZ —iniciais de Echo alfa delta zulu, en referencia ao código de radiotelefonía marítimo—, xurdiu unha peza caracterizada polo inmersivo, a medio camiño entre o real e o imaxinario ao longo dunha xornada en alta mar. As súas catro partes configuraron os distintos procesos desta viaxe (a ida, a embarcación, a marea e a volta), sempre coa improvisación como fundamento distintivo da proposta. Foi pois unha experiencia irrepetible que dotou de poética o rico arquivo sonoro e audiovisual do mar que se foi conxugando en directo, demostrando o incrible que pode ser a faena dun mariñeiro.

Finalmente, as proxeccións encontraron o seu complemento perfecto nas actividades realizadas de mañá. O abano non foi para nada fraco. No primeiro día, o programa radiofónico Mar de Ardora, da Radio Galega, deu o pistoletazo de saída a esta outra vertente do festival, tan relevante como a parte cinematográfica propiamente dita. A partir de aquí, sucedéronse diversos espazos de debate sobre o mar, entre eles faladoiros, relatorios, mesas redondas e mesmo os obradoiros de creación, concibidos como ferramentas para a concienciación sobre o patrimonio marítimo.

Como pode intuírse, apenas houbo tempo para o lecer. Porén, o festival tiña reservado un derradeiro prato forte para a recreación dos convidados, tales foron as saídas pola ría en embarcacións tradicionais. Cómpre lembrar que o ano pasado non foi posible saír a navegar por mor do mal tempo, un contratempo que se resolveu con fartura nesta edición. Foi o galano concedido polo verán de San Martiño que nos acompañou eses días en Ribeira.

Equipo-ao-completo-e-convidados-a-piques-de-sair-no-balandro-Joaquin-Vieta-_-Sam-Ponsford

Equipo ao completo e convidados a piques de saír no balandro Joaquin Vieta / Sam Ponsford

Deste xeito, puidemos experimentar o contacto directo co mar grazas a estas navegacións, ofrecendo un achegamento inédito á Ría de Arousa. Así nolo transmitiron as tripulacións das dúas embarcacións escollidas para a travesía: o balandro Joaquín Vieta e a tarrafa Chasula. Velaí quedan para o recordo as xeniais e divertidas historias de Isidro, un verdadeiro lobo de mar, cuxas anécdotas nos acompañarán sempre. Se a isto lle sumamos a oportunidade de gozar duns mexillóns ao vapor e un albariño en plena ría, máis nada se pode pedir.

Todo isto foi o Mares da Fin do Mundo deste ano: moito cinema, moita diversión, mais sempre co obxectivo claro de ofrecer unha mirada renovadora e de conciencia cara ao mar.

Vista-do-balandro-Joaquin-Vieta-navegando-pola-Ria-de-Arousa-_-Sam-Ponsford

Vista do balandro Joaquin Vieta navegando pola Ría de Arousa / Sam Ponsford