Manolo Rivas e o optimismo do futuro

Afirma Manolo Rivas, flamante Premio Nacional das Letras Españolas, que non é un individuo, senón o herdeiro dunha tradición. Únese así a voces como a música Mercedes Peón, a quen hai pouco sentín dicir que o seu cantar era o de voces que veñen de lonxe e atravesan o seu corpo. Coincido con ambos e discrepo a un tempo . Porque si, Manolo Rivas é herdeiro dunha tradición que o cruza, ergueuse sobre ombros de xigantes e soubo mirar máis alá. Pero, nesa viaxe a través do seu corpo, o legado dos antergos non saíu indemne. Enriqueceuse do seu sangue de albanel, tomou as correntes do nordés dos feros corvos de Xallas, anicouse con Rosiña e o seu rato; escribiu na madeira co lapis do carpinteiro; sentiu a balada dun músico fracasado; abrazouse a unha pira de libros no peirao coruñés onde os libros arden tan mal e acariñou a pegada libertaria dos ateneos e sindicatos republicanos. Soubo da libraría da fin do mundo, da friaxe do levedar da neve nos dedos, de amores que andan ás crebas, de luzes desveladoras e mesmo sufriu o andar tolleito de Charlot agarrado á maleta de Walter Benjamin. Abrazado á porca terra de Berger e coa sombra do aire na herba de Pimentel enmudecéndolle as dedas. Ese murmurio polifónico chegado do onte houbo calar para deixar falar a mestra e o raposo, o monte da nai, as migallas de pan na mesa, a boca da terra na que Manolo pousa a orella e sente o mundo.

Porque Manolo Rivas é un escoitador, un corpo aberto atravesado pola traxedia ecolóxica e pola desgana da sociedade contemporánea, pero consegue a través da súa carne facer do drama esperanza. Forma parte da poderosa estirpe de quen vence aínda na derrota. Porque se algo caracteriza o autor coruñés é o optimismo do futuro. A man tendida. O desexo sen capitulacións. A vontade de sobrepoñerse á catástrofe anunciada. Érao cando subiu no Xurelo camiño da foxa atlántica, foino atrás das pancartas de Nunca Máis ou nas Pasarelas de Traba ou Defendamos o galego ou tantas outras consignas ás que se sumou e suma. Porque Manolo Rivas sempre ha estar coas causas que tantas consideran perdidas e nas que el sempre logra abrirnos unha físgoa de ilusión.

Podemos conseguilo. Non imos rendernos diante das profecías autocumpridas.

Trabúcase quen di que Manolo ten un corazón de ouro porque o ese metal non ten valor agás para o capitalismo que todo o esmaga. O seu é unha presada de terra fértil que agarda as sementes pousadas polo vento e mailos paxaros para facelas medrar.

Por iso, cando Rivas suba recoller o seu galardón non estará só. Canda el erguerán o voo os feros corvos de Xallas, baterán as ondas do Orzán e do Mar de Fóra, camiñarán as mulleres que levamos cousas na cabeza, espertarán as quitamerendas, enlearán os brazos Díaz Pardo, Ánxel Casal e María Miramontes, sacudirán as sabas as lavandeiras do río, os percebelleiros afincarán as ferradas, as libreiras farán bailar as páxinas no aire coma bandas de estorniños nas derradeiras horas do día e soará o alalá da noite.

Canda Manolo Rivas estaremos nós.

Todas nós.

Grazas, Manolo.