ÁLBUM ILUSTRADO
Colección Makakiños de Kalandraka
por Eulalia Agrelo-Costas
A lectura debería de ser unha das prácticas máis democratizadoras, aínda que moitas persoas están privadas do seu goce. Entre elas están eses nenos e nenas afectados pola discapacidade, que non poden compartir cos seus pares a materia literaria desde a que descubrir novos mundos e configurar un vizoso imaxinario. A escasa variedade de produtos culturais elaborados a partir dos códigos e soportes axeitados para este lectorado determina, xa que logo, que a súa inclusión desde o ámbito da creación aínda resulte unha meta distante.
Co obxectivo de superar o ridículo número de obras infantís adaptadas a diversas discapacidades físicas, cognitivas ou sensoriais, Kalandraka iniciou un alentador proxecto coa asociación Bata, que presta apoio a persoas con trastorno de espectro autista e ás súas familias. Se os primeiros títulos da colección “Makakiños” os publicaron en castelán, agora asumen unha nova proeza ao editárense en lingua galega para continuar franqueando camiños cara a un encontro compracente coa palabra e a imaxe.
Os volumes de fácil lectura aparecidos en galego combinan un dos binomios máis socorridos nas escollas literarias infantís: a dos textos debedores do conto popular e a daqueles próximos ás experiencias cotiás. En ambos casos incídese en que “O debuxo-palabra, a palabra-debuxo uniu mundos, acalmou espíritos e provocou sorrisos” para explicar a esencia dunhas propostas que non só lles posibilita ás persoas con dificultades ser parte activa do acto da lectura, senón que tamén convidan a reparar en que hai outros xeitos de ler.
A verdadeira historia de Carapuchiña vermella parte da versión de A. R. Almodóvar, na que se reescribe desde o enfoque lúdico este conto do folclore francés. O estilo e gama cromática das dinámicas ilustracións de Marc Taeger sintonizan á perfección coa simpática reescritura desta historia, que se pode seguir tamén desde o sinxelo texto e a sucesión dos pictogramas facilitadores da comprensión. Todas estas linguaxes distribúense nas páxinas de forma heterodoxa para darlle un aire renovador a eses relatos de sempre.
Entre uns breves pareados que exercen de apertura e peche, en Nicolás cociña sen lume inclúense os textos instrutivos e pictogramas de doce receitas de dispar execución. Canapés, espetada de froita, boliñas de coco e zume de laranxa son algunhas das proposicións do habilidoso chef Nicolás. As ilustracións de Alicia Suárez enchen de trasfega unha cociña, na que a limpeza e a orde son prioritarias entre un traveso e animista instrumental culinario.
Estas dúas achegas insírense en coidados álbums que se dirixen, especialmente, ao lectorado con necesidades de apoio educativo. Ademais de facerlle accesible a entrada a espazos da ficción, do saber e do divertimento, salientan por ser lecturas vinculares que evitan a abstracción e sintetizan as ilustracións, pero que miman a estética e promoven o xogo. Asemade contribúen ao artellamento dun marco vivencial máis inclusivo desde a perspectiva social e lingüística.