Luns 25, Setembro 2023
HomeCulturaMADUROS PERO AÍNDA ANOXADOS

MADUROS PERO AÍNDA ANOXADOS

MÚSICA

The Specials. Encore . Universal Music Catalogue. Febreiro, 2019.

 

por Carlos Rego

Unha das mellores consecuencias do punk foi a reescritura dunha historia do rock que daquela parecía estar protagonizada pola importancia suprema de Beatles e Rolling Stones ou xigantes como Pink Floyd ou Led Zeppelin. Pola físgoa que se abriu coáronse nomes case esquecidos que se converterían nun novo santoral (Velvet Underground, Stooges, Neu!), e estilos que semellaban desaparecidos reaparecían como revivals case simultáneos, do rockabilly ao soul, da psicodelia ao country.

Un dos máis estimulantes foi o rescate do ska, a música xamaicana previa ao reggae que se converteu en punto de encontro entre brancos de clase obreira e fillos da emigración das colonias. Nun momento de repunte do racismo fascista do National Front, a aparición en 1979 de Two Tone Records supuxo unha chamada á acción que combinaba a exuberancia rítmica do ska e a afouteza do punk coa reivindicación social. O cerebro do selo, Jerry Damners, érao tamén do seu grupo matriz, The Specials, unha agrupación multirracial que protagonizaba concertos de irrefreable participación popular e inesperados éxitos de vendas. De vida curta e intensa, deixaron unha traxectoria impoluta que se freou entre leas persoais. Agora, tras anos de idas e vidas, reunións das que nunca formou parte Damners e litixios legais, aparece o seu primeiro disco con cancións orixinais dende a súa época dourada. A dúbida estaba en como sairían do enguedello con só tres membros orixinais e sen o seu principal compositor e ideólogo, en se Encore ía ser digno dun nome lendario.

As dúas primeiras cancións descolocan. O ton funky non decepciona, pero non é iso o que un espera deles, aínda que a mensaxe, sobre todo o recitado de Linval Golding en «B.L.M.» baseado na súa propia vida de fillo de xamaicano transplantado ao UK, encaixa na súa historia antirracista coma un guante. Cando chega «Vote for Me» entramos en terreo coñecido, case unha continuación da inesquecible «Ghost Town» que retrataba en tons menores e sons espectrais a desfeita das cidades británicas baixo o mandato de Thatcher, agora dirixido aos políticos embusteiros. Tamén na voz de Terry Hall, outro dos sinais de identidade do grupo, recuperan «The Lunatics» de The Fun Boy Three, froito inmediato da disolución de The Specials, antes dedicado a Ronald Reagan e a súa ameaza nuclear (“Os tolos tomaron o manicomio”), agora posiblemente con Trump no punto de mira.

Recuperando o seu gusto polas voces femininas aparece Safiyah Kahn, activista coñecida por enfrontarse a unha concentración neonazi cun sorriso provocador, reescribindo desafiante unha canción de Prince Buster en clave feminista. O resto de Encore mantén a altura e fai xustiza a súa historia, por suposto sen a urxencia do principio, pero si coa elegante e gozosa mestura de ritmos bailables e letras que tratan o persoal (a depresión de Hall) e sobre todo o social co racismo como eixe, as máis das veces pelexando pero tamén coa esperanza dun futuro diferente.