O compostelán Mad Martin Trío celebra o seu décimo aniversario coa publicación dun novo disco de duración estendida. O disco, titulado Black & White, afianza a relación do combo picheleiro coa discográfica vallisoletana Meseta Records, fogar ademais dos tamén santiagueses e rockabillies Rockin’ Corsarios, que lidera Lou Reyes.
O artefacto sonoro recolle, en vinilo de sete polgadas, catro recentes composicións de Martín Esturao, guitarrista, vocalista e fundador da banda que actualmente completan Borja García ó contrabaixo e Nico Rodriguez á batería. Outra novidade é que Niki substitúe nos tambores a Lolo Somoza, baterista que gravou os temas de Black & White. Este lanzamento supón un adianto do que será o próximo LP de Mad Martin, onde as cancións reflexan a madureza propia do experimentado trío, permitíndose soar auténticas e profundas sen abandonar nunca o espíritu festivo e de baile.
O primeiro número é Black and White, que dá título ó EP e que foi escrito a medias con Carlos López, de The Lucky Dados. Conta coa colaboración do harmonicista Ramón Figueira, habitual nas producións de Mad Martin e posuidor dun sentido para a melodía que só pode competir con outros talentos, tanto pictóricos coma gastronómicos, dos que pode gabarse. To Las Vegas mantén os ánimos elevados a ritmo de swing, cambiando o rumbo na cara B en busca de estradas para tempos desoladores co rockabilly de Roads For Broken Hearted Times. Pero se hai alguén a quen admira o tolo de Martín, eses deben ser os Stray Cats, que reciben xusta homenaxe con Tell Me, que pecha o disco. O deseño de portada correu a cargo de Mark Polza, “home da casa” experto en plasmar as imaxes que adornan os discos procedentes do selo Meseta.
En definitiva, Black & White semella unha boa maneira de celebrar un aniversario redondo, no que Mad Martin lembrará o seu debut en 2014 con Seven Lucky Shots. Chegarían despois Time To Go Mad, publicado pola disqueira sueca Vintjärn Records en Escandinavia, ou a selección do seu tema Eileen coma un dos cen favoritos do ano 2015 en El Sótano de Radio3 por Diego R.J. O grupo ampliaría currículo en 2015 gañando o concurso Azkena Rock Party, que lles asegurou un lugar no cartel do festival organizador.
Dende entón non deixaron de actuar en Europa, participando en festivais coma o Big Lake Run ou o Rock at Sea (Suecia), Wildest Cats in Town (Inglaterra), Vintage Party (Francia), Carthago Rockin’ (Alemania) e tantos outros en Galiza ou o Estado español, cuestionando unha vez máis a suposta morte de certos estilos musicais clásicos que se resisten a abandonar o edificio das Artes.
Black & White
Mad Martin Trío
Meseta Records, 2024