Enmarcada por senllos textos de dúas grandes poetas e magníficas analistas, Pilar Pallarés e Eva Veiga, está na rúa desde hai varias semanas unha antoloxía imprescindíbel da obra poética de Luisa Villalta, responsabilidade da editora Chan da pólvora. Así vai formando parte a poeta de En concreto dos ámbitos máis dinámicos da poesía nosa desde finais dos 80 até hoxe. A recepción da súa escrita debería revitalizarse agora grazas á dedicación á súa figura do Ano das Letras 2024, proceso que, non obstante, a dous meses do central día 17 de maio, estase demorando máis do habitual. O rumor dos atrancos que explican este retraso vibra, desacougante, nos ouvidos de quen agardamos pola reedición da fundamental obra multixenérica completa de Luisa Villalta.
Completa preséntase –permítaseme o paradoxo- esta antoloxía, na que unha ben equilibrada selección de poemas de todos os libros de Luisa se acompaña dos citados textos complementarios de Pilar Pallarés e Eva Veiga e dunha escolla xusta de documentos reflexivos da propia autora. Seleccionáronse, alén dos libros publicados en vida da autora e do decisivo En concreto (2004), por ela preparado e que xa non puido ver editado, os outros dous póstumos, Papagaio (2006) e As palabras ingrávidas 2020), sorprendentemente excluídos da recompilación titulada Pensar é escuro (2023).
Considera Pilar Pallarés –con toda razón- que a rareza, a singularidade da voz de Luisa Villalta deriva da súa condición de poesía de pensamento e do seu carácter racional. Emparenta así –entendo eu- con outro poeta próximo a ela no tempo, Vítor Vaqueiro, autor dunha obra de base marcadamente reflexiva que, como ela, se expresa desde a perspectiva do suxeito colectivo –na que se integra a do eu singular-, dos formatos de vontade épica e dunha expresividade austera, de verbalización moi controlada, aínda que os efectos comunicativos resulten ben diferentes nun caso e no outro. O –relativo pero identificábel- parentesco entre ambos poetas alóngase nos respectivos procesos evolutivos, en parellos rumbos de clarificación expresiva e de acollida de máis intensas tonalidades emocionais, que no caso de Luisa se revelan de xeito claro en Papagaio e no de Vítor en 1968, libro publicado en 2018.
A poesía de Luisa Villalta consolida claramente o seu código en En concreto e Papagaio, libros onde o substrato reflexivo, de base racional, se equilibra e flúe através da emoción da voz do suxeito implicado, da muller identificada cos habitantes da Cidade, maiormente vítimas da historia, e intimamente solidaria coa agredida existencia das prostitutas. A densidade conceptual da súa escrita conforma os alicerces dunha fala poética progresivamente abeirada á distorsión expresionista na que se manifesta, alén do compromiso solidario, a indagación de carácter existencial e, por momentos, a fulguración da ollada visionaria.
Pensamento, compromiso e confidencia articulados através dun instrumento, a música, que non só constitúe o vehículo imprescindíbel do poema senón motivo temático e vital no que asenta o discurso completo de Luisa Villalta, tal como o examina Eva Veiga con exhaustiva precisión no texto incluído na antoloxía. Para a violinista e poeta, a música constituíu, segundo Veiga, “un xeito de relación interdisciplinar que lle permitiu unha evidente orixinalidade á hora de abordar e poñer en práctica as súas outras paixóns: a poesía e o pensamento”. No que fai á música rítmica e construtiva, Luisa, que non só non renuncia senón que reivindica a necesidade permanente da construción poemática desde o seu fundamento musical, vai do soneto de Música reservada (1991) ao versículo e o verso libre atonal de En concreto, máis temperado e melódico en Papagaio, manifestando así a versástil riqueza da súa voz.
Estas tres notas substanciais de autopoética, extraídas dos “Textos documentais” incluídos en Así vou en formando parte, confirman algunhas das certezas que imos tendo arredor da escrita de Luisa Villalta: “Quixen traer a poesía ao chan”. “Procurei a concreción”. “Convertín a ideoloxía en sensación”.
Así vou eu formando parte
Luisa Villalta
Chan da pólvora
Santiago, 2024
Páxinas: 226