Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaLITERATURA REFRESCANTE

LITERATURA REFRESCANTE

por Manrique Fernández

De entre as novelas aparecidas nos últimos meses, unha das que conta con máis posibilidades para se converter en “novela do ano” é O meu sangue (Galaxia), de Diego Giráldez, da que xa se falou no número anterior. Pero hai outros títulos que lle presentarán batalla. Un dos máis interesantes é O negociador (Xerais), de Miguel Sande, un relato que parte da realidade, as negociacións  en Arxel entre o Goberno Español e a banda terrorista ETA, para adentrarse de cheo no mundo da ficción. Non se trata de novela histórica, senón de fabular arredor dun suceso real para presentar outros mundos posibles e afondar na alma dos seus protagonistas.

Sande é un recoñecido poeta e dramaturgo que, de cando en vez, se adentra na narrativa. E acontece con el o que con tantos poetas que percorren o mesmo camiño: o seu hábito na procura da palabra precisa, sonora, suxerente, expándese ás novelas e relatos e fai que a súa sexa unha prosa limpa, fresca e puída. O  negociador é un exemplo claro: frases curtas que a miúdo se superpoñen; unha linguaxe aparentemente casual e exenta de adobíos, mais que agocha un traballo fondo e silandeiro; unha sensibilidade a proba de bombas, e unha clara vocación transgresora, son algúns dos seus elementos máis destacados.

O negociador é un relato estruturado en catro partes que poderían pasar por contos independentes, tanto polos protagonistas como polos temas tratados ou os espazos xeográficos e temporais, pero segundo avanzamos en cada un deles atopamos as conexións con esa reunión en Alxer da que nace toda a novela.

Outro dos relatos máis afortunados aparecidos nos últimos meses vén da man de Blanca Riestra e trae consigo o Premio Blanco Amor: Aquí comeza o mar (Galaxia) É un retrato da Coruña dos anos 80 que supón unha reflexión sobre toda unha xeración de mozos que asistía abraiada aos movementos políticos para converter a cidade na capital galega, mesmo nunha cidade-estado, ou ao espectáculo de roubarlle espazo ao mar para crear “O Recheo”, mentres procuraba nas rúas e nos bares de moda o seu propio camiño vital. Logo da caída do franquismo, esa mocidade abraza as súas ansias de liberdade cun espírito bohemio e transgresor, con altas doses de nocturnidade e con moito rocanrol.

Se no caso de Sande partiamos dun feito real para entrar na ficción pura e dura, no de Riestra podemos falar de “autoficción”, agora que tal apelativo está tan de moda. A autora semella reflectir a súa propia experiencia vital (e, probablemente, así sexa), con certas concesións literarias. Abundan as personaxes reais, moitas delas recoñecibles para calquera que vivise a cidade nesas datas, e situacións que naquel tempo eran cotiás e que hoxe poderían non parecelo.

Pero un dos grandes acertos desta novela, ao igual que no caso de Sande (e no de Giráldez), é esa linguaxe coidada e medida ata o límite, esa clara vocación de estilo que, ás veces, semella diluirse en moitas das novelas que se publican na actualidade.

Tamén resulta interesante a nova proposta de Charo Pita, unha colección de contos (case todos) breves que responde ao título de Retratos en branco e negro (Galaxia). Son historias fantasmais, as máis delas, narracións extraordinarias nas que o mundo real e o irreal se superpoñen cunha ensamblaxe desconcertante e con finais case sempre sorprendentes e cheos de maxia. Charo Pita amosa neste monllo de relatos unha gran facilidade para falarnos do que acontece ao noso arredor dende unha visión ampla e enormemente imaxinativa.

Poboan este particular mundo principalmente mulleres de variada tipoloxía, dende a arroutada aventureira ata a máis comedida amante ocasional, que de cando en vez escapan dos seus propios contos para facer aparicións estelares nos de outras personaxes. Beben todos eles da tradición oral, fonte á que Charo Pita acode con asiduidade, tanto respecto da temática como do xeito de narrar, con esa fluidez e esa precisión tan recorrente nas historias de lareira.

Outro monllo de contos interesante é o que nos ofrece César Concheiro na súa primeira incursión literaria: Relatos de cascarilla (Grupo Beroly) que leva como artinado subtítulo “12 contos de xente da Coruña”. O que Concheiro nos ofrece é, certamente, o que anuncia: uha ducia de relatos centrados en personaxes ficticias, cos que ofrece unha atinada visión da cidade a través dos seus poboadores. Como singularidade, trátase de textos encadeados, nos que un secundario dunha historia pasa a protagonizar o seu propio conto nas páxinas seguintes. Con esta particular estrataxema, o autor dálle remate a algunhas das historias que, de primeiras, parecen non acabar no punto final.

Poesía e teatro

Se nos adentramos no eido da poesía, destacaría o último traballo de Daniel Asorey que titulou Negras (Xerais) no que a través dun xogo simbólico protagonizado polas mulleres norteamericanas de raza negra, fai unha férrea defensa da lingua galega, tan menosprezada coma elas. E faino, lonxe de violentar, con esa actitude agarimosa para cos débiles tan característica da súa escrita.

Máis que dunha colección de poemas, interpretamos este texto como un único poema dividido en tres partes, presentada cada unha delas en pequenos fragmentos, no que Asorey nos lembra continuamente a nosa responsabilidade en que tales cousas sucedan (a fobia racial e a fobia lingüística), así como a nosa capacidade de provocar os cambios necesarios coa insubordinación fronte ao abuso dos poderosos. Un poema de loita e de xustiza.

Tamén é interesante o novo traballo de Iolanda Castaño, Materia (Xerais) no que a autora pescuda no pasado legado polos nosos devanceiros, nas relacións familiares e nas consideracións sociais tradicionais, para acabar propoñendo unha visión do concepto de maternidade.

O que nos ofrece é un texto reivindicativo ao tempo que explicativo, por momentos case didáctico, vinculado a tal decisión. Unha colección de poemas de corte intimista non que o que se nos prantexa é a posibilidade de decidir sobre tal cuestión sen condicionantes: sen que a memoria herdada se converta na materia que moldee as nosas decisións.

No eido do teatro, o colectivo DramaturGA presentou un interesante volume coral baixo o título de Cartoturxia incompleta da represión (Ediciones invasoras) no que media ducia de autores de primeiro nivel (Afonso Becerra, Raquel Castro, Carlos Labraña, Ana Abad, Marcos Abalde e Julio Fernández) presentan pezas teatrais breves que teñen en común a temática: a represión franquista. Son seis monólogos vinculados a distintos espazos xeográficos cos que se pretende facer un mapa, necesariamente incompleto, das atrocidades do réxime.

Resulta un acerto que cada unha das pezas veña acompañada por un pequeno apéndice con diverso material (fotografías, documentos, recortes de prensa…), co que se certifica a veracidade do relatado. Na maioría dos casos fálase de personaxes ou situacións esquecidas e escasamente publicitadas que, deste xeito, saltan ao primeiro plano da man dos nosos dramaturgos. Unha reviravolta na nosa memoria, tan fráxil e destemida.

Outra interesante proposta é a que presenta Edgar Costas, a titulada Casa de feras (Galaxia) avalada polo premio do IV Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño. É unha especie de fábula protagonizada polos animais que habitaban a Casa de Fieras que existíu no Parque do Retiro de Madrid antes da creación do actual Zoolóxico. As crónicas da época falan dun lugar case tétrico no que os animais eran tratados sen miramentos. O autor recorre ao humor para falarnos da organización interna dos inquilinos, agrupados segundo o seu xeito de alimentación, e de como reaccionan perante un tráxico acontecemento que ten que ver con un dos coidadores. Deste xeito aborda temas que van dende o maltrato animal ata as relacións de poder dentro do grupo, pois as reaccións dos protagonistas reflicten á perfección o comportamento humano, as súas teimas e prexuízos.

Literatura infantil

E  pechamos este primeiro artigo adicándolle un capituliño á literatura infantil, que tantas ledicia ten dado ao noso panorama literario. Neste eido destacamos o traballo dun clásico como é Antonio García Teijeiro, que recentemente deu ao prelo un conto titulado Que demo de monicreque! (Galaxia) fermosamente ilustrado por Xosé Cobas. Cun acento enormente lírico, como corresponde a un poeta da súa categoría, Teijeiro presenta a historia de Martiño, un monicreque mariñeiro, que un día aparece nunha praia afastada para axudar a un poeta que anda escaso de inspiración para escribir.

Do que nos fala este conto é da maxia que rodea o proceso creativo; e tamén do valor da palabra e da comunicación; e, sobre todo, de como, cando as nubes semellan atoldalo todo, sempre hai espazo para que unha raiola de luz nos dea esperanza. Máis aínda cando contamos coa axuda dunha personaxe tan peculiar coma Martiño.

Pero estas son só algunhas das posibilidades que ofrece o torrente editorial dos últimos tempos. Hai outras moitas e, dende aquí, o noso consello aos afeccionados á lectura é que pescuden nese río caudaloso para atopar as súas propias follas soltas.