A vida como debuxo ou como borrancho

Dous dos fundamentos da arte poética de Xosé María Álvarez Cáccamo, e constato que se refiren exclusivamente á súa poesía escrita, radican en dous artificios gozosos e convertidos en hábitos para satisfacción do lectorado. O primeiro ten que ver coa percepción sonora do seu discurso, esa vocación de música que está implícita, por máis que se mostre deturpada ou disimulada, en toda obra poética. O segundo, coa construción imaxinaria do mundo que se evoca.

No primeiro, somos conscientes dunha raíz formal e auditiva, que ten como fondo o simbolismo francés e o modernismo hispánico, e que se deu en chamar a música de Francia, sempre co pé rítmico do heptasílabo, repetido ou non en alexandrino, un heptasílabo que se mostra tanto como se esconde, que se rompe e se corrompe para ausentarse ou presentarse, para facerse querer ou brillar pola súa ausencia, mais que se mantén latente ao longo de todo o enunciado, emparentándoo con outras numerosas poéticas de século ou de xeración, nos dous séculos que leva esta obra transitando.

O outro dos artificios inclúe unha moi persoal antoloxía, non só literaria, que abranxe as artes en xeral, e unha posición histórica, mais próxima da calidade e do innumerábel ca do numérico e repetible, vencellada sempre ás vangardas, acaso co surrealismo como centro, e a procura do insólito e do inaudito, do inédito e do inesperado. como un neno eterno a brincar con dous xoguetes prodixiosos: a metáfora e a metonimia, o desprazamento e a condensación.

Nese xogo nos sitúa o seu último libro, A liña da vida, publicado por Chan da Pólvora no pasado 2023, e primeiro conxunto de textos poéticos centrados no seu particular percorrido de madurez, continuador de percursos anteriores celebrados e inscritos xa na historia, desde o anterior Tempo de cristal e sombras (2014).

O libro articúlase en tres unidades, Corpo de inverno, O tempo que arde, Agosto completamente negro, que, malia mostraren perspectivas diferentes e de extensión, dan forma a un corpo único e inseparable. Como ten sinalado o próprio autor, téntanse recoller os tons vivenciais dun corpo en senectude, desde a “austera disciplina da melancolía”, aínda na sombra da emoción e da expectativa.

Digamos que entre os dous principios que rexen o signo, a arbitrariedade e o carácter linear do significante (A liña da vida, é o título do libro), asoma agora a noción do continxente, do inesperado, do que, malia ser poesía e estar feito de linguaxe, abre a perspectiva da pulsión de morte. A vellez é, por tanto, a perspectiva desde a que inaugura a linguaxe como finitude, esvaecéndose a linguaxe como proxecto de vontade dun suxeito. Acabar de falar, rematar o discurso, definir, delimitar, determinar, tentar aprender un sentido, enunciacións dun suxeito que se constitúe suxeitado na propia enunciación en tanto que existente, (espazo e tempo finitos), sexuado, falante e mortal (a morte como delimitador necesario dese suxeito enunciante).

A liña da vida
Xosé María Álvarez Cáccamo
Chan da Pólvora
Santiago, 2023