Arxentina inmensa: a xeografía do asombro

“A Pampa é tan grande que ofende o viaxeiro europeo” —escribe Xavier Alcalá. Hai países que se poden percorrer e países que, pola súa desmesura, desafían a mirada, desbordan as medidas convencionais e obrigan a reconsiderar a dimensión humana en relación coa  natureza. Así, a Arxentina. Desde La Quiaca, nos confíns setentrionais, ata Ushuaia, no extremo austral, esténdese un territorio de chairas sen lindes e silencios minerais, con   dispersos núcleos poboados. Esa é a paisaxe que Xavier Alcalá nos convida a descubrir neste libro(*) que transcende a simple crónica de viaxes para converterse nunha apaixonada exploración cultural, histórica e humana. 

Viaxar obriga a abandonar certezas domésticas e aventurarse no descoñecido, aceptar a sorpresa e deixarse transformar polo encontro con outras realidades. Alcalá viaxa coa curiosidade do explorador, coa sensibilidade do escritor e coa vontade de quen sabe que detrás de cada achado latexa algo que merece ser contado. Tutelados polo seu maxisterio narrativo atravesamos, por estradas de ripio,  infindas  chairas desoladas. Unha horizontalidade case metafísica na que sobreviven  remorsos indíxenas, mitos, cosmogonías e crenzas ancestrais. Hai algo fascinante neses desertos que  outrora foron selvas e resulta desconcertante atopar neles pingüíns… A evidencia comprácese en desmentir  ideas preconcibidas.  

Arxentina é tamén o país da auga: o Paraná, o río da Prata, o Iguazú  que resoa cun estrondo primixenio e telúrico ou  o río Negro,  que atravesa  a aridez patagónica cunha promesa de fertilidade; os altivos glaciares,  catedrais azuis erguidas cunha paciencia de milenios. Sucédense paisaxes, climas, especies… Cada ecosistema constitúe un universo distinto dunha mesma e prodixiosa vitalidade. No extremo meridional, a Patagonia culmina esta aventura. O vento, a soidade, a cordilleira, os bosques austrais e os mares embravecidos compoñen unha estampa de severa e grandiosa beleza. Lonxincuo sur,  límite, acabamento,  fronteira.  

 Nomes como Ramón Santamarina evocan as grandes transformacións, o desenvolvemento económico e  as fortunas construídas sobre o oportunismo e a especulación; lugares, como Aldea Beleiro, semellan  perdidos en   distancias de dimensións existenciais.  Buenos Aires foi durante décadas capital sentimental de Galicia, na que milleiros de emigrantes procuraron o porvir que aquí se  lles negaba.   

A vinculación afectiva, alimentada ao longo de  medio século, confírelle  á mirada de X. Alcalá unha especial profundidade, ao recoñecer na  relación co país unha parte da súa propia identidade. Arxentina inmensa  recolle, pois, vocación narrativa e experiencia vital.   

Arxentina inmensa
Xavier Alcalá
Editorial Galaxia
Vigo, 2026
Número de páxinas: 250