Sobre o encontro entre ficción e a realidade

Sería correcto dicir que, se nos cinguimos ao eido da literatura, ficción e realidade son as dúas caras dunha mesma moeda; dous enfoques en principio antagónicos que, unha e outra vez, teiman en se dar a man para demostrar ao mundo que entre opostos tamén é posible a convivencia. Mesmo a complicidade. Nesta sección acostumamos a prestarlle atención a traballos literarios de ficción, pero hoxe queremos poñer os ollos nalgunhas obras aparecidas nos últimos meses que se achegan ao mundo literario dende perspectivas realistas, e viceversa. E para iso seleccionamos unha pequena escolma de obras que navegan entre estes dous mundos. 

Comezaremos cun traballo que se introduce no mundo da ficción dende unha perspectiva analítica e obxectiva. Falamos de “O exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro”, unha recompilación de artigos redactados por un grupo de profesores universitarios e de Educación Secundaria, coordinados pola catedrática Nuria Araújo, que analizan diversos aspectos da obra do poeta. Nesta ocasión, primeiro chanzo da nosa andaina, a realidade achégase ao mundo ficticio creado por Pexegueiro ao longo de toda unha vida. 

Un primeiro paso para sacar o poeta do ocultamento ao que foi sometido todo este tempo e para coñecer un pouco mellor a exquisita literatura de Pexegueiro, o poeta renovador que, aínda hoxe, segue a buscar novas liñas de expresión. 

Son un total de once textos nos que podemos atopar análises dende diversas perspectivas dese mundo «pexegueiriano», se se me permite a expresión: o seu valor poético ao arriscar cun enfoque ata entón inédito, a súa concepción da infancia (tan presente en todos os seus traballos), a súa permanente vinculación coa aldea natal, ou unha interesante visión da perspectiva escenográfica do seu traballo, entre outros. Destaca pola súa extensión e clarividencia o dedicado ao grupo poético Rompente, no que se poñen os puntos sobre os íes respecto da súa orixe e do papel que cadaquén xogou no seu nacemento.  

Alfonso Pexegueiro (Foto: Wikipedia)

“O exilio de nacer” foi inducido pola proximidade da conmemoración do 50º aniversario da publicación de “Seraogna”, obra coa que Pexegueiro iniciou a renovación poética que tivo lugar en Galicia na segunda metade dos 70 e que o converteu nun dos escritores máis influentes da súa xeración. Pero a pesar da súa indiscutible relevancia, a súa figura segue a ser a dun perfecto descoñecido para un amplo sector da sociedade entre o que se atopan non poucos lectores, mesmo escritores. Esta edición, auspiciada pola Deputación de Pontevedra, ofrécenos unha excelente oportunidade para achegármonos á súa figura e a súa concepción lírica do mundo. Un primeiro paso para sacar o poeta do ocultamento ao que foi sometido todo este tempo e para coñecer un pouco mellor a exquisita literatura de Pexegueiro, o poeta renovador que, aínda hoxe, segue a buscar novas liñas de expresión. 

Outro dos textos aparecidos nos últimos meses e que se achega ao mundo da escrita dende unha perspectiva de “non ficción”, é “Literatura insólita”, de Armando Requeixo. 

Outro dos textos aparecidos nos últimos meses e que se achega ao mundo da escrita dende unha perspectiva de “non ficción”, é “Literatura insólita”, de Armando Requeixo. Neste caso falamos dunha selección de artigos que xa foran aparecendo publicados en distintos medios, nos que o crítico e profesor nos amosa unha morea de singularidades arredor deste oficio. Así, tanto podemos coñecer certas curiosidades sobre o proceso creativo de distintos escritores, como as súas teimas e manías, varias mortes que teñen moito de novelescas, as razón que motivaron determinados títulos ou tramas, dedicatorias singulares, e outras moitas achegas que nos amosan esa outra cara, menos coñecida de escritores de primeira liña. 

Literatura insólita, de Armando Requeixo.

Son moitos os libros que recompilan curiosidades deste tipo sobre algúns dos nomes máis recoñecibles da literatura mundial. Un dos grandes acertos do traballo que presenta Requeixo baséase en que non se trata dunha mera recompilación de anécdotas insólitas ou curiosidades máis ou menos clarificadoras, ás veces xa popularizadas, senón que pescuda tamén entre os integrantes do Parnaso galego para facer aflorar esa faciana máis insólita de autores de noso, tanto clásicos como contemporáneos. Trátase, xa que logo, dun novo achegamento entre ficción e realidade, de achegar ou analizar os mundos ficticios ideados por distintos autores, a través de elementos puramente reais. 

Non deixamos o mundo da “non ficción”, pero avanzamos cara á representación ficcionada da realidade, para falar dun álbum ilustrado dedicado á sobranceira figura do arquitecto porriñés que deseñou Madrid: “Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios”. Está escrito polo seu coterráneo Diego Giráldez, con debuxos de MeliMolita, e o que nos presenta é unha biografía novelada do deseñador e urbanista ou, se se prefire velo así, un traballo divulgativo sobre esta figura dende unha perspectiva literaria, pois o identificable estilo de Giráldez forma parte ineludible do proxecto. 

Palacios sobe a un tren na capital do Estado con destino á súa vila natal, na etapa final da súa vida. Durante a viaxe e a través dos seus cadernos de apuntamentos como elemento troncal do relato, vai debullando distintos episodios da súa traxectoria vital. Mención aparte merecen algunhas das súas obras máis emblemáticas, que cobran vida para falar co lector e aportar novas perspectivas do arquitecto e do seu traballo. 

Outra das novidades dos últimos meses nas que se mistura a realidade cun claro traballo literario é a entrega asinada por Xurxo Souto: “A novela do bravú”. 

A pesar de estar perfectamente documentada (Giráldez é un dos meirandes coñecedores da obra de Palacios), o certo é que a vocación deste álbum achégase máis, como dixemos, á divulgación, que a un estudo profundo sobre a súa pegada. O que propón é unha aproximación histórica e realista ao traballo e o pensamento do arquitecto, pero sen renunciar a certos apoios literarios que axudan a comprender mellor o exposto. As ilustracións de MeliMolita (mesturadas cos apuntamentos do propio arquitecto), danlle un aire fresco e renovador ao conxunto e achégao a lectores de todas as idades.

Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios (Diego Giráldez)

Outra das novidades dos últimos meses nas que se mestura a realidade cun claro traballo literario é a entrega asinada por Xurxo Souto: “A novela do bravú”. A pesar deste título, non estamos a falar dunha narración novelada en sentido estrito, senón dunha crónica de todo o que atinxe a este xénero musical tan rompedor no seu día e do que aínda nos chegan pegadas acotío. 

A novela do Bravú (Xurxo Souto)

Como é sabido, Xurxo Souto, vocalista dos Diplomáticos de Monte Alto, foi un dos grandes referentes do movemento bravú dende o seu nacemento en Chantada, mediados os anos 90, en resposta a unha iniciativa dos Rastreros. Naquela mítica xuntanza decidiuse que, en contra da moda imperante, o galego tamén era posible no rocanrol. E a partir de aí, a reivindicación da aldea e a loita por eliminar “a repunancia” entre a xuventude galega e esa ansia que estoupa no peito. Velaí un movemento que arranca con forza e un punto de inocente candidez, para reorganizar o mundo. 

Pois ben, nesta “novela” que non o é, Xurxo rememora esa xuntanza e moitas outras a través de textos breves de clara vocación literaria: lembra anécdotas (algunhas inéditas, outras pouco coñecidas), viaxes, concertos, repasa o traballo de moitos dos grupos integrantes, o papel dos instrumentos, a colaboración entusiasta de Manu Chao e a celebración da “Feira das Mentiras”, mesmo a participación de escritores vinculados ao auxe do bravú (velaí Manolo Rivas, Jáuregui, Fran Alonso, Rodríguez Pato ou Miguel Anxo Murado, entre outros), para, con todo este material, darlle forma ao espírito que impulsou este movemento. 

No remate, mesmo defende a existencia dunha “poesía bravú” e atrévese a incluír unha breve “primeira antoloxía” que parece chamar por un traballo máis concienzudo ao respecto. Ao noso entender, nesa escolma faltarían as letras dalgunhas das cancións máis emblemáticas do movemento, claramente merecentes de figurar nunha selección coma esa. 

De Toro semella querer reconstruír unha parte da biografía de Ramón Piñeiro, principalmente a que se refire á entrevista que tiña previsto celebrarse en París, en 1946, logo de que Castelao fose nomeado ministro do goberno no exilio. 

E pechamos a andaina entre ficción e realidade coa nova novela de Suso de Toro, “Terra de sacrificio”, na que o autor parte dun suceso histórico e documentado para construír unha ficción literaria. O formato é o dunha novela, si, mais tampouco neste caso se limita á fórmula tradicional do xénero ao xogar con elementos máis propios do teatro, mesmo da entrevista. Vexamos por que.

Terra de sacrificio (Suso de Toro)

De Toro semella querer reconstruír unha parte da biografía de Ramón Piñeiro, principalmente a que se refire á entrevista que tiña previsto celebrarse en París, en 1946, logo de que Castelao fose nomeado ministro do goberno no exilio. Pero tal entrevista nunca chegou a realizarse e Piñeiro abandonou a capital francesa antes da chegada do rianxeiro, o que afondou nunha división do galeguismo que tivo consecuencias importantes nas décadas posteriores. Ata aquí o que nos di a historia. A proposta de De Toro é a de traer a Piñeiro ao presente dende o Alén e, a través dunha longa entrevista, tratar de profundar naquel suceso e as súas consecuencias. Falamos, xa que logo, de ficción pura e dura, pero nacida no berce da realidade máis diáfana. 

A habilidade narrativa do autor xa fai moito tempo que deixou de ser unha sorpresa pero, neste caso, o xogo literario que propón implica unha nova ruptura entre xéneros. É unha novela e como tal se presenta, na que De Toro se disfraza de xornalista para entrevistar a ánima dun Piñeiro morto 30 anos atrás; este fantasioso punto de partida e a estrutura dialogada, visten a narración de tintes puramente teatrais, con actores que entran e saen de escena e unha morea de elementos máis propios da dramaturxia que da novela tradicional. 

A maiores, De Toro aproveita para pescudar na división do nacionalismo de mediados de século. As diferencias pragmáticas e ideolóxicas entre os nacionalistas no exilio e os do interior, quedan patentes no que podería ser un traballo de hipótese histórica. Contrasta a capacidade de verosimilitude da palabra co seu carácter imaxinativo noutro xogo de contrastes que definen á perfección este traballo. 

Mais, como lembramos sempre, existen outras moitas propostas similares a estas, nas que realidade e ficción xogan a mesturarse. O lector interesado en afondar na cuestión pode consultar na súa libraría habitual onde, de seguro, será ben asesorado sobre esta e outras cuestións.