Morcegos e anguías habitan os lugares onde ferve a memoria do poeta. Ao coñecemento poético do ser destas criaturas enigmáticas e abisais entrégase Xavier Rodríguez Baixeras no seu último libro, insólito e orixinal reto de atrevida procura do que resulta un produto literario tan desacougante como feliz en efectos estéticos. Ao substrato de base científica –que semella derivada dun importante labor documental- superponse a ollada evocativa, a memoria que ferve, tensa, grave, no seu discurso desde Fentos no mar (1981) e a visión transcendente, de moi especial significación simbólica, que caracteriza a súa voz..
Os morcegos trazan coa súa danza escura un signo de “pavor e maleficio”. Pronuncian ameazantes avisos, un tremor que sobrevoa por riba dos corpos humanos. Son seres familiares, habitantes da casa por onde, noutros libros de Baixeras, vagan as sombras dos devanceiros. Convocan os morcegos o enigma do Tempo, definen no seu voo a “estraña idade do poeta”, tal vez as horas da adolescencia consumida, acaso a orixe mesma da existencia.
A memoria persoal conversa coa memoria migratoria das anguías. A emoción da nostalxia promove a súa aventura oceánica, o seu “impetuoso amor polo quimérico”, semellante á ansia de “navegación por augas nunca ousadas” propia dos humanos. Nós, como os morcegos, como as anguías, somos tamén seres abisais. Axítanse no libro as augas lamacentas, as tebras medoñas da memoria do habitante da casa enigmática, do protagonista e autor de Visitantes (1991) e Beira Norte (1997). Vibran as raíces remotas das orixes zoolóxicas de nós, a vida primitiva do submundo.
O poeta tentou comprender o significado profundo da existencia de morcegos e anguías ( e certos ángulos da nosa propia existencia) co aparello do poema interrogativo, asombrado e rotundo, labrado con gramática de precisión e un uso moi acertado do matiz adxectival… Se en A gándara da noite (1987) o ritmo demorado do tren se expresaba con pautas musicais de verso despacioso e a construción sonora de Nadador (1995) parecía responder na súa modulación ao esforzado bracear do protagonista, a dicción concentrada, case lapidaria, resolta con frecuencia en versos elípticos de estilo nominal, emparella de xeito natural cos movementos vibrantes e sorpresivos dos seres que percorren as páxinas de Onde ferve a memoria. O ritmo quebrado, tecido coa alternancia de versos longos e breves e co uso frecuente do encabalgamento, tempérase co curso fluído das series enumerativas, combinación da que resulta un efecto certamente suxestivo, o propio dun dos códigos poéticos máis sólidos da poesía de nós desde os anos oitenta do pasado século –e por que non desde moito antes?-, a palabra de Xavier Rodríguez Baixeras, permanentemente renovada, rotundamente firme neste lugar de hoxe onde ferve a memoria.
Onde ferve a memoria
Xavier Rodríguez Baixeras
Editorial Galaxia
Vigo, 2023