Das mumerosas formas de afrontar a escrita dun poema, sempre continxentes por máis que levemos séculos tentando desentrañalas, existen algunhas que disimulan o que o poeta considera central no seu esforzo. A forma da dicción ou a figuración do imaxinario? Cara onde dirixir a enunciación. Inclinarse por un formalismo barroquizante, que manifesta a claridade no alambique interminable dos xogos de sentido, ou apostar por un conceptismo de transfondo filosófico, que percuta no lectorado pola suposta profundidade da forza das súas sentencias.
Se non hai arte sen teoría, difícil atender á enxurrada de posibles respostas sen optar pola solución máis fácil: ficar calado. De feito a poesía, a boa poesía, non é máis que o atrevemento a ignorar esa resposta, sabendo que do dito, xa sexa bendito ou maldito, sempre vai devir o enigma que separa o simbólico do real e a arbitrariedade que impera entre o simbólico e o imaxinario. A inexistente e imposible igualdade entre o obxecto da vontade de dicir e o obxecto comprendido. Por iso esta Marxinalia. Poesía reunida (2001-2024) que nos ofrece Xabier Paz, a través da Editorial Medulia, ten acaso a forza inaugural dun poeta que se decide por fin a publicar pasados os cincuenta anos.
Poemas construídos paso, acompañando a súa existencia e o seu devir profesional como biólogo. Poemas vertebrados a forza de madurez persoal, unha vez coñecidos os nosos límites e os perigos de ignoralos. Poemas vertidos desde a ciencia mais tamén contra a ciencia, unha vez a corrente de conciencia que asoma destes enunciados, sábese portadora dun suxeito, imposible de obxectivar e necesariamente suxeitado pola enunciación. Simplemente voceiro do seu carácter vocativo, durativo e continxente. Lugar en que o misterio se reúne coa linguaxe.
A poesía, por tanto, como parte dunha indagación, e da súa resposta xamais culminada, un regreso interminable sen Itaca; a poesía como demanda e encomenda de comprender, como procura e como pregunta. Hai, sen dúbida, unha posición ascética que parte da constatación de sermos un baleiro enchido de linguaxe, unha oquidade de desexos disfrazados de palabas. Desde ese punto fala Xabier Paz, acaso ese lugar onde brota a enunciación, encontro de ventura e de cultura.
Deixémonos levar por este saber que reúne o poeta: “Daquela non sabías as diferentes /formas do mal, créndoo única /substancia, sempre allea. Non sabías /como depón os seus ovos na carne /da conciencia facéndose alimento /das causas que din nobres. Daquela non sabías. /Agora é tarde para dar nas aulas /a súa fisioloxía: como respira, como el se vai mantendo, / como el se move ensaiando fasquías /e hábitos miméticos e sempre poder, /e sempre xerarquía e sempre dano no outro”.
Un libro necesario e recomendable que volve a pór a disposición do lectorado libros como Materia de Lucrecio, de 2006, Filoxenia do sangue, de 2006, ou Antroposofía xeral, de 2023.
Marxinalia. Poesía reunida (2001-2024)
Xabier Paz
Editorial Medulia
A Coruña, 2024
Número de páxinas: 456