O que subxace en Compostela

Cóntame unha boa e común amiga: “Forcadela, le, e le, e le”. Foron as lecturas de Manuel Forcadela as que trouxeron a Lacan dar unha volta por Compostela, como antes as de Risco levárono a bater, aquel día de Santa Susana de 1926, na libraría da rúa Nova, mesmo á beira do pórtico de Salomé, cun rexuvenecido Stephen Dedalus. Entre unhas e outras lecturas, e as súas consecuencias, vai alá un século de cultura galega que construíu a súa identidade, coido que en excesiva exclusividade, sobre a tradición literaria e o idioma. 

Quizais o efectivo título poida chamar a confusión. Como se desprende da comparanza anterior, non se trata dunha visita do “escuro” Lacan ao Santiago sufocado polas masas turísticas; nin tampouco, advírtenos o autor, dunha tentativa de psicanalizar a nosa cultura, senón de sinalar certos lugares comúns á luz, non só da visión lacaniana, senón dende o común espazo de diversas disciplinas humanísticas. 

Xuntou o autor tres traballos. En dous deles, “Compostela criminal” e o propiamente “Lacan en Compostela”, conxuga unha análise teórica da novela de Carlos G. Reigosa, Crime en Compostela (1984), que acadou sona e edicións, inaugurando o xénero policial ou de detectives que ameaza con abafarnos tanto como os xacobeístas. Xénero ao que, por certo, na súa vertente máis negra, se achegou o autor, hai ben anos, nas tres entregas sobre Toni Barreiro “O touro do Calvario”, Sangue sobre a neve (1990), Barato, barato (1991) e Fóra de xogo (1993), as tres en edicións do Cumio e que cómpre non esquecer, non só para lembrar as orixes do triunfante “Vigo noir”, senón tamén para recuperar o perfil de narrador de Forcadela, esvaecido tras a súa poderosa obra poética e ensaística. 

O terceiro dos traballos céntrase no disperso concepto de autoría dun Álvaro Cunqueiro “escindido” entre alta cultura e antropoloxía, “suxeitado” á constante referencia onomástica (Hamlet, Orestes, Ulises, Simbad, Merlín…)  mesmo ata o “delirio”, para empregar outro termo psiquiátrico, de máis dun cento de heterónimos empregados en  traducións, certas ou finxidas, e que, dende os seus anos mozos, nunca deixou de interesarse pola psicanálise, en feminino diría el, aínda que só fose polas súas querenzas surrealistas. 

Lacan en Compostela ten un efecto “contraste” que o dota dun especial atractivo ao contrapoñer, enfrontar, sería o termo que empregaría o autor, o mundo da “comunidade” ancestral, chea de “aura”, do mundo cunqueiriano e a “sociedade” de aluvión, desarraigada da novela de Carlos Reigosa. Análise e confronto realizado a través dos “seminarios” de Lacan pero tamén da obra de Benjamin, Durkhein, Marx, Habermas, Althusser… tendo como fondo “un país decimado, empobrecido, esquilmado e colonizado, que emerxe á modernidade obrigado a deixar de ser, e que encontra no seu discurso literario o vehículo dunha protesta unánime e un idioma”. 

Lacan en Compostela 
Manuel Forcadela 
Laiovento 
Santiago, 2023 
Número de páxinas: 180