Dous libros de poemas de Isolda Santiago, escritos nos anos finais do século XX, permaneceron en silencio durante máis de dúas décadas. Son Cando levante a brétema e Correspondencia, os dous títulos que integran o volume Escrita oculta, acabado de editar por Chan da Pólvora. A súa autora, que se estreara en 1993 con Flor de tan mal xardín e publicara un par de libros máis e un feixe de poemas dispersos en revistas e suplementos de xornais, nos arredores do cambio de século decidiu abandonar a escrita e “fuxir de calquera tentación poética como se foxe do lume”, como declara nun dos poemas iniciais desta nova entrega.
Cando levante a brétema obtivera o premio Avelina Valladares en 1998. Unha serie de atrancos administrativos impediu daquela a súa publicación, feito que talvez explique en parte o retiro voluntario da poeta, interrumpido agora, se non no curso íntimo da escrita, si no da comunicación exterior.
Escrita oculta, como os demais libros de Isolda Santiago publicados ao longo da década dos 90, conecta cunha das liñas expresivas máis interesantes das poéticas de muller que se manifestaron ao longo daquela década e continúan activas no tempo de hoxe. Son as voces afirmativas e críticas –feministas, pois- dun suxeito construído como personaxe que, malia a aparente distancia a respecto do eu vital, permite percibir o substrato autobiográfico da experiencia poetizada, frecuentemente ubicada no ámbito rural ou de arrabalde urbano. Salvadas todas as diferencias de estilo e ollada persoal entre elas, esta é unha das claves –non a única- da obra de autoras como, entre outras, Olga Novo, Olalla Cociña ou Yolanda Castaño, neste último caso sen presenza dun espazo social definido.
Nos dous libros incorporados a Escrita oculta maniféstanse outras constantes que caracterizan a escrita das poetas citadas e de outras máis ou menos próximas. Así, a utilización discreta da técnica do fluir de conciencia de ritmo dilatado que se insere nun discurso xeral máis transparente, relato e descriciòn do acontecer cotián, abeirado ao rexistro conversacional, o uso da perspectiva do diálogo lírico, a instalación da voz no presente da enunciación ou a rotura da liña clara do discurso por vía de sorpresa e paradoxo.
Isolda Santiago aporta ao desenvolvemento deste conxunto de poéticas de muller, alén da expresión dun mundo propio moi atractivo, un especial efecto de naturalidade expresiva co que consegue de xeito doado a participación –e mesmo a complicidade- lectora. A tal resultado conduce tamén o ben temperado emprego do humor, visión irónica e desmitificadora coa que se obteñen os mellores froitos na lectura interpretativa do universo rural e na declaración crítica e solidariamente implicada na vida colectiva.
Escrita oculta
Isolda Santiago
Chan da Pólvora
Santiago, 2023