O humor delirante de Álex Alonso

| Libros

A última década ten sido ben feraz para o escritor e tradutor vigués Álex Alonso. Alá polo 2011 estreábase con Xénero imperfecto, un texto co que gañara o Certame de Relatos Matilde Bares. Xa antes recibira unha mención no Certame Manuel Murguía de Narracións Breves polo conto “Estremonías”, mais a súa carta de presentación como nova voz da nosa narrativa non chegou ata a publicación de Tempos de bebidas isotónicas e fast-food (2016), merecedora do Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, unha andaina en progreso que confirmou coa obtención no 2019 do Premio Torrente Ballester por Granito. 

Aos libros anteriores, que xunto ao relato xuvenil Bullying (2023) completan a súa opera omina ata o de agora, sumouse recentemente O estranxeiro, texto co que se fixo acredor do XXIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2022, unha obra publicada por Edicións Xerais de Galicia sobre a que me presta aquí chamar a atención. 

Porque acontece que O estranxeiro se inscribe nese non abondo cultivado ámbito da nosa literatura que ten no humor un dos seus esteos principais. Tanto pola historia proposta coma polas estratexias discursivas empregadas a obra destila un refinado e intelixente humor no que alternan, segundo os momentos, a retranca de noso, a ironía e o sarcasmo, todo vaporizado por un surrealismo de particular selo que fai destas páxinas un artefacto literario ben xenuíno e inconfundible. 

A propia formulación do argumento espella o que asevero: un individuo un tanto chaíñas, Manuel María Pereira Nespereira, vese arrastrado por unha serie de estrañas circunstancias de xeito que o día do enterro de seu pai acaba matando un tipo nos servizos dunha estación de autobuses polo tan expeditivo coma chambón método de afogalo meténdolle a cabeza nunha bolsa do supermercado que sempre leva consigo no peto do chándal das olimpíadas, indumentaria ‘oficial’ que nunca abandona. A partir dese momento todo se complica, pois acaba por ser detido e vese envolveito no máis esperpéntico dos xuízos: o seu avogado defensor é, asemade, o fiscal da acusación, o xuíz padece narcolepsia e sofre ataques na sala da Audiencia, as testemuñas son absurdas e (case) non teñen que ver co caso que se xulga e así todo. 

Agora ben, O estranxeiro é moito máis e, dende o mesmo título, achega tamén unha inequívoca vontade de diálogo literario. En efecto, a narración de Alonso pode lerse como unha versión alternativa da obra homónima de Camus. En ambas as dúas narracións, preséntasennos a homicidas dos que non se sabe moi ben como chegaron a selo, nin cal foi o móbil que os levou a cometer tal delito. A diferenza é que no Meursault homicida de Camus esa indefinición abre á dúbida sobre a veracidade do narrado, namentres que os pasos que vai dando o Manuel María de Alonso sitúano de cheo no absurdo das eleccións disparatadas, nun cadoiro de episodios despropositados que tal parece que se alían para subliñar o caprichoso e inconsistente do azar vital e da razón da sen razón que só se decodifica por vía do humor. 

De por parte, a novela de Alonso camiña tamén en paralelo con outras voces e obras de ácida reivindicación, na liña do Swift e o Wilde máis corrosivos, mesmo de A conxura dos necios de Toole. Como nas obras dos irlandeses e do estadounidense, tamén na do vigués se afonda na crítica social e, moi especialmente, na denuncia do proceder administrativo en xeral e do estamento xudicial en particular, debuxando unha caricatura de trazo groso e nada favorecedor de xuíces, policías e toda a caterva de leguleios que polo libro pululan. 

Entre o delirante e o visionario, O estranxeiro de Álex Alonso resulta unha desafiante proposta de lectura á que convido na convicción de que ha de traer, a quen con ela se atreva, inmellorables momentos de lectura e non poucos sorrisos cómplices. 

O estranxeiro 
Alex Alonso
Edicións Xerais 
Vigo, 2023