De laretas a benfaladas

Caladas. Sempre máis guapas caladas. Este dito é o punto central do novo ensaio de María Xosé Porteiro. A fala das mulleres ou está prohibida ou non ten valor. Ou mudas ou laretas. Está disxuntiva é o mandato de xénero que moitas mulleres racharon. Mulleres que falaron e falaron ben poboan as páxinas dun evocador libro cheo de reflexións e interpelacións. Un libro que nos acompaña na tarefa de escoitar as que falaron para subvertir a comunicación misóxena.  

As benfaladas conta con quince capítulos nos que se debulla diferentes aspectos das estratexias do patriarcado para desacreditar o pensamento e opinión das mulleres. Entramos en materia a través dun magnífico adro escrito por Priscila Retamozo. Desde o seu coñecemento da Teoría feminista e desde unha perspectiva vital máis achegada á mocidade actual, Priscila amosa a sorpresa por ter que voltar a levar esa pancarta que nos lembra que os dereitos hai que pelexalos sempre.  

A loita por rachar o silencio é un símbolo do feminismo. De aí o acaído do título deste libro, que pula por recuperar o saber das que nos precederon, das que loitaron por desfacer as fronteiras do público e o privado. Porteiro reivindica a capacidade que ten a linguaxe para crear a realidade. Deste xeito podemos ler, a modo de exemplo, afirmacións como esta: “Estou certa de que acadar unha comunicación non sexista, igualitaria, sería o reflexo dese cambio ideolóxico, desa nova visión do mundo en que non existirían persoas de primeira, segunda e terceira clase.” A linguaxe como base da comunicación e como construtora da realidade necesita toda a atención do feminismo.  

Porteiro sabe ben do que fala. A súa ferramenta como xornalista foi a palabra. A maneira como os outros reciben os nosos xestos e ton marca o recoñecemento que no espazo público ten a voz das mulleres. O xornalismo, oficio feminizado nas últimas décadas, segue contando cunha cadea de mando onde na cúspide os homes deciden o que importa e o que é unha nota breve. Sempre houbo mulleres que relataron a realidade. Que o fixeron nas prazas públicas ou nos lavadoiros. Nomealas e recoñecelas é unha das apostas do libro. Así podemos achegarnos a María Balteira, Dorotea Bárcena, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Andrea López, María Barbeito, Maruxa Boga ou as que formaron Mugacom nos anos noventa do pasado século.  

Temas como o aborto ou a violencia machista non podían faltar neste achegamento aos logros do feminismo. Para as máis novas é importante ter compilado as voltas e reviravoltas dos camiños lexislativos destas cuestións fundamentais para a liberdade das mulleres. O control dos corpos das mulleres é o complemento da negación do saber e a palabra. A posta en cuestión dos saberes tradicionais no que respecta á sexualidade e a reprodución é parte dunha apropiación patriarcal do coñecemento, unha exclusión feita pola Academia, en nome dun empirismo, que despreza os datos se proveñen da práctica feminina. Por outra banda, a violencia contra as mulleres, tanto de xénero como sexual, é o mecanismo máis eficaz para ese control que analiza Porteiro ao longo de todo o ensaio.  

Palabra, corpo e violencia. Tres conceptos centrais para o gran reto de futuro. Ese co que pecha esta obra unha escritora, xornalista, política e feminista que recoñece que só na forza das nosas mans collidas con forza está o éxito do relato das mulleres. Non por ser noso, senón por ser máis obxectivo no sentido feminista: máis plural e inclusivo das visións e relatos do mundo. A liberdade e a xustiza necesita das palabras das benfaladas.  

As benfaladas 
María Xosé Porteiro
Editorial Galaxia 
Vigo, 2024 
Número de páxinas: 288