Fascismo y populismo é o relatorio que Antonio Scurati presentou na 54.ª edición dos Reencontres Internationales. Ressentiment. Périls et espoirs démocratiques de Xenebra, onde falou do seu proxecto literario sobre Mussolini e reflexionou sobre o fascismo e o populismo, aínda baixo a conmoción que provocou, en setembro de 2022, o triunfo de Fratelli d’Italia e Giorgia Meloni, dirixente política cunha biografía macerada no neofascismo.
Unha revolución narrativa. Scurati explica o seu xiro narrativo desde Il tempo migliore della nostra vita (2015), unha novela aleitada polo «mito da Resistencia» coma narración fundacional da democracia italiana, que fala do fascismo desde o punto de vista das súas vítimas —co foco en Leone Ginzburg, intelectual antifascista cofundador da editorial Einaudi, morto en 1944 tras ser torturado polos nazis—. Catro anos máis tarde, en M. Il figlio del secolo, adopta a perspectiva oposta: narrar o curso da historia fascista desde os propios fascistas e, en primeiro lugar, a través do seu capo: Benito Mussolini.
Para Scurati, o perigo para a democracia non provén fundamentalmente daqueles que se declaran abertamente fascistas no século XXI, senón dos partidos e movementos de masas populistas.
Scurati percibiu a necesidade doutra narración, xa que identificarse coa posición simbólica das vítimas impedía a asunción dunha responsabilidade indispensable para poder axustar contas co pasado. «Para poder facelo —anota— é esencial partir do suposto de que nós, os italianos, fóramos fascistas, e que o fascismo fora unha invención do noso pobo, de que o fascismo fora, e seguiría sendo, non unha desviación do curso regular da nosa historia contemporánea, senón un dos seus lugares centrais». Sen esta revolución narrativa, o fascismo «continuaría infestando a nosa casa común».
Violencia e sedución. Scurati identifica as dúas raíces do fascismo. A máis canónica: «a violencia política sistemática, ostentada e homicida» dos ousados e o escuadrismo. A segunda, que se desprega en paralelo, é a sedución, cristalizada no liderado populista de Mussolini. Para Scurati, «só redescubrindo, por debaixo dos riscos marciais da máscara fascista, os trazos persuasivos do populista, poderemos explicarnos o meteórico ascenso no consenso popular que leva o marxinado de outrora á irrefreable conquista do poder de hoxe, ou de mañá».
O modelo de liderado populista de Mussolini segue a ser operativo. A personalización autoritaria, como sinécdoque («Eu son o pobo») ou redución do colectivo ao xefe carismático («O pobo son eu»). O ataque oblicuo, cando non directo, á democracia parlamentaria, combinando antipolítica e despolitización. O oportunismo sen escrúpulos, sempre atento a sintonizar cos peores humores cidadáns e as paixóns tristes. A promoción da política do medo. A conversión do medo en odio. A redución da política a un único problema para sinalar un inimigo a quen temer e odiar. Características todas do populismo de Mussolini e, hoxe, de outros moitos.
Comunicación e liderado populista. Con Mussolini —afirma Scurati— «comparecen a forza física da violencia escuadrista e a eficacia retórica dos medios de comunicación: Porras e papel impreso». Por iso debulla a «revolución lingüística que Mussolini achegou ao xornalismo»: Frases curtas, moi breves, sintacticamente elementais. Unha linguaxe absolutamente comprensible para a xente común. Cada frase é unha sentenza memorable, doadamente reproducible. Cada sentenza, un slogan. Sen ningunha preocupación pola coherencia histórica: as palabras non teñen que axustarse ao que realmente sucedeu, non teñen porque estar ancoradas na realidade. O voluntarismo subxectivo remuda o razoamento racional obxectivo. Enunciación en primeira persoa, personalismo lingüístico. Un «ego omnívoro». Conclúe Scurati: «Algúns poderían dicir que [os artigos de Mussolini] foron os precursores da política a golpe de tuits. E non se equivocarían».
Democracia ameazada. Para Scurati, «os partidos e sobre todo os dirixentes políticos que hoxe cuestionan a democracia parlamentaria, teorizando ou practicando fórmulas intimamente contraditorias como a da “democracia autoritaria”, non descenden do Mussolini fascista. Descenden do Mussolini populista». Na súa idea, o perigo para a democracia non provén fundamentalmente daqueles que se declaran abertamente fascistas no século XXI, senón dos partidos e movementos de masas populistas. Un perigo que afecta á deterioración da «calidade da vida democrática, non á súa supervivencia».
Esta última diagnose, á vista da vaga ultradereitista do último trienio en Europa e do devalo autoritario que estimula a vitoria de Trump nos Estados Unidos, quizais sexa demasiada esperanzada e optimista. Nada hai que nos permita pensar que o ataque á algúns dereitos e liberdades non remate como un ataque á cerna mesma da democracia. Aínda máis, como sinalou Hanna Arendt, é moi probable que «todos os argumentos contra a democracia se converterán en argumentos contra a esencia da política».
Antifascismo cívico. Nestes nosos anos vinte, constata Scurati, esvaécese de vez «a ilusión dunha democracia eterna». A democracia non é unha «condición natural», un ben común adquirido dunha vez para sempre. Medra o seu descrédito interesado. Aguillóase a desconfianza cidadá. Ante a crise da democracia liberal e a deriva cara á democracia autoritaria, defende «un antifascismo cívico, xa non ideolóxico, un antifascismo que non impoña aliñarse baixo bandeiras de vivas cores, senón que nos convide a todos a tomar posicións baixo a bandeira da democracia».
Ende mal, esta alianza entre os demócratas, que non lle teñen medo á liberdade e á igualdade, e a esquerda autenticamente democrática tarda xa moito en concretarse. Como evidencia a experiencia alemá, unha política de contención é necesaria, pero non abonda. É preciso (e urxente) un proxecto compartido de radicalización democrática. Coma lembra Scurati, «a democracia non é un regalo do ceo, senón unha conquista; a historia da democracia é a historia da loita por alcanzar a democracia». Cómpre non extraviarse, non hai declaración formal de inicio de hostilidades, pero a guerra contra a democracia xa comezou.
Antonio Scurati: Fascismo y populismo. Mussolini hoy. Madrid: Debate. 2024. Tradución de Carlos Gumpert [Fascismo e populismo. Mussolini oggi. Milán: Bompiani, 2023]. 102 páx.