Coñecín a Xosé Gándara Arxomil alá polo 1972, empoleirados na Aula Magna da Facultade do que hoxe é Historia, praza de Mazarelos, no primeiro curso de Comúns. Logo, compartimos Burgo das Nacións, amigos e terapéutica efervescencia política. El xa mestre, preparaba as oposicións que, por suposto, aprobou. Pero licenciaríase tamén en Historia, sería o padriño do meu fillo, e logo opositaría a Galego, materia da que chegou a ser catedrático, un mundo do ensino que amou e hoxe renova dende a nostalxia activa do feliz xubilado.
Percorre o autor a historia dos camposantos senlleiros galegos, dende o panteón grecolatino á Galicia actual, con incursións na mitoloxía e na prehistoria, cemiterios da Igrexa e laicos.
Home entrañable, positivo, sempre remozado en aconteceres cotiáns e ideas. Un optimista conxénito e, porén, ben informado. Por iso mesmo, non me estraña este libro, Cemiterios egrexios e tumbas de poetas, orixinal onde os haxa, con fotografías de Rosa M. Pumar Fernández, e editado por Teófilo Edicións. Obra sobre o patrimonio material e inmaterial, “lugares da memoria” onde todo se inicia e renova, e que nos corroboran no asombro horaciano da vida, “ese lóstrego deciduo”, como carpe diem (et noctem).
“Este libro vai de escritores devanceiros e da súa última morada…non trata da morte”, dinos o autor no Limiar, talvez porque a morte, “ese rumor apagado” é diáfana, sempre allea, e só asequible aos ollos do amor, da admiración e do respecto. Pero si é un “libro de mortos”; isto é, de “recordos” de vivos, de quen nos falou e poetizou. “Palabra/ que é raíz seminal/ semente viva/ cargada de arrolo e futuro”. Somos seres de palabras e dos que se foron é a lingua que falamos, “fría flor de camelia ancestral, brasa na pel das mil primaveras en flor”.
Percorre o autor a historia dos camposantos senlleiros galegos, dende o panteón grecolatino á Galicia actual, con incursións na mitoloxía e na prehistoria, cemiterios da Igrexa e laicos, que o autor clasifica en: Antiguísimos, Panteón de Galegos Ilustres, Cemiterios urbanos, Vilegos, Aldeáns, de Circunstancias, Recentes, Aldraxados, Minúsculos, cemiterio Catacumba, Inexistente e incluso un Cemiterio enxebre, para rematar coas Tumbas de poetas, dende Pai Gómez Chariño ata Xela Arias. Cada imaxe está salferida de Historia e historias, tanto da arquitectura e contorna coma dos personaxes xacentes, da súa obra e vida, que nos achega á sacra intimidade deses “dormitorios da memoria de Galicia”.
Pero a palabra é tamén patrimonio emocional que nos abraza dende o epitafio, epigrama elexíaco ou aforismo –póstumo ou propio–, destinado a glorificar a memoria do “defuntiño”, e tamén como memento mori! Memoria que se fai libro, bosque de palabras, folla perenne, arribada ao alén…,única maneira de recuperar a liberdade e sermos os donos do tempo que inda nos queda.
Pepe Gándara ve a luz o mesmo día en que o esplendor de Castelao se apaga. Azar? Destino? O poder oculto dos deuses é intraducible! Pero dá froitos tan apetecibles como o desta obra, que consideramos de obrigada e curativa lectura!