A Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara ocupa un espazo de 42.000 m2. Divídese temporalmente en encontro profesional e, a seguir, feira aberta ao público. Canto aos formatos, é dobremente feira de libro tradicional e do cómic. Alén diso, separa en pavillóns diferentes empresas e institucións mexicanas das procedentes do resto mundo.
É a maior feira da Hispanoamérica respecto ao profesional. Sumando profesionais e público, conta cunha asistencia de 1 millón de visitantes. Só a supera a de Buenos Aires con 1,3 millóns (Guadalaxara ten 7 millóns de habitantes, a metade dos do Gran Buenos Aires).
Os resultados medidos das vendas das miñas novelas nas plataformas revelan que na maior porcentaxe proveñen de México, seguido de inmediato polas da Arxentina, Colombia, Estados Unidos, Perú e Chile.
A miña base física foi o stand da Xunta de Galicia. Tamén asistín a encontros con empresas do eido literario (editoriais e axencias de difusión de obra) no Centro de Negocios. Paralelamente, estiven presente en presentacións diversas. Quero sinalar as correspondentes á incursión da Intelixencia Artificial na Literatura e á da explicación da importancia da Lusofonía.

Stand da Xunta de Galicia
Os resultados medidos das vendas das miñas novelas nas plataformas revelan que na maior porcentaxe proveñen de México, seguido de inmediato polas da Arxentina, Colombia, Estados Unidos, Perú e Chile. Curiosamente, vin descubrir a seguinte coincidencia: as empresas editoriais “tradicionais” coas que tratei teñen as súas sedes na capital de México e delegacións nas outras dúas grandes cidades do país, Guadalaxara e Monterrei. Estenden as súas representacións aos países mencionados, aos que dan valores porcentuais semellantes aos do meu experimento de autoeditor.
Tamén son conscientes da estraña condición da Arxentina, sempre en crise económica mais sen perder lectores. Aínda máis, salientan o crecemento de lectores en Colombia. Igualmente ocorre cos Estados Unidos (en paralelo co aumento da súa poboación castelán-falante).
A vitalidade da publicación en galego
Nos representantes das editoriais causou notable sorpresa a aparente vitalidade da publicación en galego, e a existencia dunha empresa como Galaxia con 75 anos de resistencia, 25 deles baixo a bota franquista e cun fondo editorial de máis de 4.000 obras.
En todos os casos mostraron a súa disposición a colaborar coa nosa decana. En palabras do director editorial da decana das mexicanas, “de cuatro mil títulos bien pueden publicarse cien o doscientos en cualquier idioma”.
Comentando este feito co Bernardo Atxaga (que nos levou aos tempos de Verines onde o Carlos Casares nos xuntaba), o admirado autor vasco sentenciou: “Es que vosotros teneis hasta a Rosalía en catálogo”. En xeral, tanto para profesionais como para público (que preguntaba o significado de Ksunta), Galicia é unha rareza con idioma propio. Todo o contrario do caso catalán: o stand de Barcelona entraba nos tamaños do de países coma Alemaña. A capital de Cataluña é a cidade convidada á FIL do 2025.

Manel Craneo na FIL de Guadalaxara presentando Cousas de mortos
O corpus literario galego, o número de títulos de todas as editoriais do país, leva a unha reflexión coma a feita polo editor mexicano: hai moito escrito en galego, unha fala en retroceso polo autoodio secular e a pola despolítica lingüística dos últimos corenta anos. Cómpre un labor de información ao mundo e difusión de obra galega traducida.
Foi notorio o caso do discurso do embaixador de Portugal en México no stand da Comisión Europea, veciño (con visión directa) do de Galicia. O autor laureado da FIL 2024 era Mía Couto, e con ese motivo o diplomático falaba dun idioma que no 2025 vai ter 500 millóns de falantes en catro continentes. O embaixador esqueceu falar das orixes do portugués, alguén no público chamoulle a atención sobre tal esquecemento e recomendándolle Assim nasceu uma língua do profesor Fernando Venâncio. Iso deu lugar a que o embaixador se achegase ao lugar da galeguidade.
A pantasma da Intelixencia Artificial
Nas conversas con profesionais, editores e creadores, houbo consenso en que a Literatura naceu como manifestación oral, ás veces con ilustración (lémbrense os narradores de feira e os seus carteis), pasou ao escrito (tamén con ilustracións) e agora retoma os formatos oral e textual-icónico.
Os programas da IA reducen o traballo humano ao da revisión. Aínda máis, o revisor pode dialogar coa máquina lóxica e axudala a aprender o estilo do autor e as trapelas impresionistas que adoita pór.
A pantasma da Intelixencia Artificial pairaba por toda a FIL, concretouse en conferencias e mesas redondas. Nelas concedéronselle algunhas virtudes aproveitables.
En primeiro lugar está o da tradución. No estado actual os programas de IA para transferencia de discurso entre idiomas teñen fiabilidade case absoluta procesando documentos administrativos e técnicos, ou prosa literaria sen excesiva carga emocional do autor.
De calquera xeito, reducen o traballo humano ao da revisión. Aínda máis, o revisor pode dialogar coa máquina lóxica e axudala a aprender o estilo do autor e as trapelas impresionistas que adoita pór.
Máis complicada é a tradución da poesía pola súa concentración suxestiva. Con todo, os programas tamén se poden adestrar para cada poeta. No caso do galego, para prosa ou verso, cómpre conxugar esforzos do desenvolvido no país co que xa ofrecen as plataformas de tradución universal, mesmo para o noso idioma.
Os editores tradicionais consideran unha cuestión de supervivencia empresarial a oferta de todos os novos formatos, con novas necesidades: plataformas para a venda dos produtos dixitalizados, que poden ser propias ou alleas, ou robots de lectura coa mellor prosodia.
En Guadalaxara houbo consenso sobre unha longa convivencia de formatos literarios fronte ao avance imparable do audiolibro e da novela gráfica. O papel é soporte imprescindible para o libro-obxecto e para a novela gráfica de tamaño grande (as pantallas de teléfono só valen para cadriños; as de tablet e ordenador portátil apenas deixan ver ben os mangas pequenos). Hai moito lector que necesita “tocar papel”. En México estanse a editar clásicos de poucas páxinas por prezos mínimos mesmo alá (entre medio e un euro ao cambio) para “gente de pueblo que quiere tener libros”.
Fronte a esa realidade, crece a escolla do formato dixital textual e disparouse a do dixital de audio (este segundo con usos “de paseo con auriculares”). Os editores tradicionais consideran unha cuestión de supervivencia empresarial a oferta de todos os novos formatos, con novas necesidades: plataformas (servidores conectados á web global) para a venda dos produtos dixitalizados, que poden ser propias ou alleas; robots de lectura coa mellor prosodia, mesmo adaptada aos diferentes “acentos” de cada idioma (véxase a oferta da Google Play: en primeiros lugares, o norteamericano para o inglés, o mexicano para o castelán e brasileiro para o portugués).
A experiencia cos audiolibros leva a esa necesidade, pois os lidos por actores resultan lentos na produción e moi caros na posprodución do audio. As apostas tecnolóxicas céntranse na mellora constante (por aprendizaxe) dos robots, a escolla de voces de narrador e personaxes (que xa iniciou a Google Play) e a inclusión de sons de apoio con axuda da IA. Estase e retornar aos tempos das radionovelas.
Outra necesidade é a das aplicacións que permitan descargar os audiolibros no dispositivo polivalente que é o teléfono móbil.
Xa está robotizada unha voz correcta resultante da recollida de moitas que definen un “galego común” de todo o país. Mais falta a interface lóxica pública para o uso desa voz en todo tipo de dispositivo electrónico.
Indo ao caso galego —tratado polo miúdo en Guadalaxara— cómpre enfrontar unha realidade: é moi difícil para un locutor ou un actor que traballe en castelán por necesidade económica manter a fonética galega.
Fronte a isto xa está robotizada unha voz correcta resultante da recollida de moitas que definen un “galego común” de todo o país. Mais falta a interface lóxica pública para o uso desa voz en todo tipo de dispositivo electrónico. Facilitala é un obxectivo inmediato para a normalización do idioma.
O seguinte obxectivo sería conseguir un elenco de voces galegas, femininas e masculinas, de adultos, de rapaces e de nenos, que permitise “xogar ás radionovelas”. Un acordo coa Google Play debería ser considerado: os robots portugueses desa plataforma xa len moi aceptablemente textos en galego, sobre todo substituíndo neles o ñ e o ll por nh e lh.
As historietas ilustradas para a xente nova
Outro consenso entre editores mexicanos e foráneos está na importancia do audiolibro e das historietas gráficas na indución á lectura para nenos e rapaces. Ao comezar a feira do cómic instalouse fronte ao stand da Xunta o de Pinguin-Random House Comic cunha morea de mangas en mostrario de entrada.
Esa inauguración coincidiu coa presentación conxunta dos tres ilustradores da embaixada galega na FIL: Santy Gutiérrez, Luís Sendón e Manel Cráneo. Co seu show sobre humor galego fronte á morte (nun país onde se celebra o día dos Defuntos con ledicia) concitaron a presenza de mozos mexicanos iniciados na arte do cómic.
Estes profesionais non contemplan con temor a “competencia” dos programas de intelixencia artificial aplicados ao seu oficio. Pode ser un instrumento de aceleración de tarefas coma os programas de axuda gráfica que xa están a usar: por exemplo, a IA aforraríalles traballo repetitivo no debuxo de cadriños.
A demanda de historietas para xentiña nova debe ser satisfeita, canto máis as que xoguen con elementos culturais galegos, modernos ou míticos.
¿Por que recorrermos aos mangas xaponeses traducidos? O reto está en poder exportar a creatividade propia, se cadra exótica para grandes consumidores coma os dos mercados americanos.
As novas iniciativas
Non se pode pechar este informe sen ter en conta as novas iniciativas —algunhas non tanto, xa consolidadas— a competir coas grandes plataformas globais e coas editoriais de vello concepto.
En Guadalaxara estaban presentes empresas que compiten en modo “tenda virtual”: recollen os textos en PDF e ofrécenos nesta presentación máis en formatos ePub, textual, e MP3, de audio. Tamén ofrecen a tradución aos idiomas de maior uso no mundo. Entre os seus usuarios actuais están Planeta Libros e Santillana.
Deberíase considerar a posibilidade de expansión por venda directa. Autores, editoriais e a administración teñen a palabra, por separado ou conxuntamente, contando coa axuda de voces normativas e dixitalizadas do idioma de Rosalía.
Coma esas grandes empresas, calquera autor pode “subir á tenda” os PDFs das súas obras. Tería que facer algo de arte cunha presentación atractiva dos libros e usar as ferramentas de promoción da tenda. A empresa xestora cobra unha cantidade mensual básica moi razoable, que aumenta coa cantidade de libros que se lle entreguen, e garante o pago dunha porcentaxe alta (sobre o 70%) dos prezos de capa.
Pisando de novo terreo galego, deberíase considerar esta posibilidade de expansión por venda directa. Autores, editoriais e a administración teñen a palabra, por separado ou conxuntamente (de novo contando coa axuda de voces normativas e dixitalizadas do idioma de Rosalía, a poetisa universal que recordaba o Atxaga).