NARRATIVA
Un señor elegante, de Suso de Toro. Xerais, Vigo, 2020. 544 páxs.
por Eduard Velasco
Como vai ler un catalanlector as máis de cincocentas páxinas de Un señor elegante? Será capaz de asumir a garantida crise de percepción e de pór en cuestión os seus prexuízos?
A dúbida é inmediata: interesa unha historia con tantos referentes da cultura e da política galegas onde raramente se interesaron por esa rexión entrañable? Porque a novela é unha biografía ou unha reportaxe tecida cos mecanismos da ficción na que, arredor de Ramón Baltar, cirurxián santiagués comprometido co país, danzan figuras que son familiares para calquera galegolector mais totalmente alleas ao público non iniciado.
Esa é, cremos, a clave dun dos posibles intereses pola novela: a descuberta da posguerra en Galicia, do exilio galego en América e da resistencia no interior, representada aquí por Ramón Baltar. A revelación dunha constelación de individualidades que termaron dun país nun tempo de traxedia e de supervivencia e que se moven nun romance que é un monumento aos que tentaron salvar os mobles da Galicia devastada, grazas aos que aínda hoxe imos ao rebusco do que foi.
E dicimos novela como poderiamos dicir biografía ou reportaxe biográfica tecida cos mecanismos da ficción: «Porque isto é un romance, unha historia, mais non pode ser unha historia de ficción». Sexa como for, un relato centrado nunha figura sobre a que non é habitual que se dirixa a atención cando se revisan os anos escuros, porque Ramón Baltar non é nin un artista, nin un político nin un escritor, mais tampouco é o protagonista dunha vida humilde e anónima coma as que se adoitan rescatar cando se reivindica a resistencia e a oposición ao fascismo. Mais é alguén que sufriu boicot e que ten unha obra social descoñecida tamén en Galicia. Un personaxe posto baixo o foco mesmo contra a súa propia vontade: «nunca pretenderas ser figura pública, sempre quixeras ficar no avesío».
Con tantas vidas para traer do esquecemento, por que Suso de Toro se aventura a reivindicar un burgués, un profesional liberal rico? Pódese ver relación, se se quere, con Madeira de Zapatero, longa conversa cun –para o autor– atravesado entre os seus, coma Baltar, figuras que alteran a orde cunha educación e unhas maneiras tan refinadas que irritan, por distintos motivos, tanto aos da súa condición coma aos máis revolucionarios.
Os catalanlectores, afeitos a unha prensa que segue a ollar a exótica Galicia desde a superioridade, se cadra descobren que alá hai persoas autocentradas que loitan polo seu país, que hai movemento político e intelectual. En resumo, que alguén lea esta novela e poida chegar a dicir «m’agraden els gallecs perquè fan coses» é unha magnífica noticia.
Suso de Toro, escritor galego que asume riscos, que aparece en prime time nos programas de máis audiencia das televisións de Cataluña, onde ten decenas de miles de seguidores –foi dos poucos que ergueron a voz en favor dos dereitos civís da cidadanía catalá nos últimos anos– é un gran activo para dar a coñecer Galicia nos Países Cataláns, e temos que celebrar que Un home elegant vaia ver a luz nos próximos meses.