ARTE
Vestiges d’un ici. Loreto Martínez Troncoso
Comisaria: Chus Martínez Domínguez. CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), Santiago de Compostela. Até o 10 de xuño
por María Marco
*Metatexto e oralidade/ Vestixios de si é un metatexto, un relato fragmentado en forma de exposición escrito por Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) en sintonía coa arquitectura subterránea do CGAC. O proxecto está formulado como unha revisión en proceso de dúas décadas de brillantes traballos dentro da escultura desmaterializada e da investigación no Spoken Word, esa práctica performativa da oralidade herdada da arte conceptual. En 1959 John Cage crea Lecture on Nothing, un texto escrito a modo de partitura no que aparecen as palabras, os ruídos e os silencios que se deben interpretar na representación.
*Ficcións-resonancias/ Troncoso desafía as dinámicas expositivas con pezas que funcionan como resonancias ou ecos unhas doutras, nas que utiliza o refugallo como materia prima. Restos de bágoas solidificadas que recolle dunha peza anterior, unha parede que chora –exposta na Galería PM8 de Vigo– e que agora traslada, tras un proceso natural de cristalización do soro fisiolóxico, en forma de po sobre unha peaña. Os xestos dos pequenos espazos que quedan cando suxeitas algo entre as mans. Os excedentes de barro cru case óseos, despregados coma se tivesen sido descubertos nunha escavación arqueolóxica.
*Panta rei/ A exposición resoa como un mergullador que exhala no interior do seu escafandro a 25 metros de profundidade. Está viva pero irá morrendo seguindo un protocolo de desactivación; algunhas obras irán desaparecendo. Un xiro experimental que pon en xaque a tradición expositiva clásica e as dinámicas da propia institución, cuxa ousadía celebramos sinalando a lúcida praxe comisarial de Chus Martínez. Unha vez atravesas a instalación lumínica de amarelos e azuis de Elena Narbuitaté, unha coreografía de murmurios e respiracións mestúrase cos teus pasos. Sentes a fisicalidade da túa presenza.
*Lamber os teus ollos/ Nun único plano secuencia en bucle un home lámbelle as pálpebras á artista insistentemente, unha acción a medio camiño entre o belo, o sensual e o repugnante que lembra a idade dourada da performance de Mariña Abramovic e Ulay. Así tamén en La llamada (2013), na que un puño recita un poema en código morse, ou en Parlez-moi d´amour (2013), onde unha pequena radio sintonizada nunha frecuencia descoñecida rumoréanos unha e outra vez “fálame de amor…”.
*Nota/ A narrativa cinematográfica despraza a palabra. A exposición articúlase a partir de tres pezas de 16mm producidas polo CGAC. O proxecto Floresta (2018) xorde do desexo de facer unha película desde a escuridade, desde o ver e o non ver, onde o óptico deriva no háptico a través dunha preciosa colaxe que flúe entre o cinema experimental dos 60 e os documentais submarinos.
*Cita/ O 27 de abril ás 20h. estréase a ópera experimental Euphoria (en grego: enerxía para soportar) producida xunto ao compositor Ramón Souto. Un relato sonoro que variará as coordenadas da exposición producindo á súa vez outros novos vestixios.