BANDA DESEÑADA
The end of the fucking world. Charles Forsman. Sapristi. Barcelona, 2018.
por Manu Barreiro
Esta obra será coñecida, para moita xente, máis pola serie producida pola cadea británica Channel 4 e logo distribuída a nivel global por unha plataforma de vídeo por demanda, que polo libro de Charles Forsman. Un erro craso!
Dous adolescentes –que por sorte saen do atragoante, sobreexposto e repugnante estereotipo da pastelosa Os Goonies– Alyssa e James, en plena busca do seu sitio, do que son e do que queren ser. Sen falsos problemas e sen esa dobre moral tan norteamericana de «as guerras están mal, agás as nosas que son pola vosa liberdade». Non. Nesta parella ningún é un santo. James descobre moi novo que matar bichos prodúcelle pracer, ou polo menos algo que facer. Alyssa é unha rapaza en pleno espertar sexual, e tamén o catalizador necesario para que o reactivo James estoupe e remate de saír da cáscara. Xuntos comezan unha viaxe vital de descubrimento mutuo e do mundo exterior que se transforma nun road comic no que todo se complica, e que eles aínda complican máis.
É rechamante o éxito dunha proposta que está tan lonxe do politicamente correcto, da «epidemia Disney» tan de hipsters, da boa onda spilbergiana tan milenial, da vulgaridade da nostalxia oitenteira. Aquí o que impera é a liberdade sen complexos, sen sociedade, sen hipocrisías. A asunción do aquí e agora con tódalas consecuencias, do nihilismo que leva á beleza da autodestrución. Esta novela gráfica ten pouco que ver co docísimo E.T. e coa horterada aquela do verano azul (por certo, versionada nunha coprodución da televisión pública galega, acadando cotas de vergoña allea só ao alcance dos capillitas que alí mandan).
A Forsman non lle fan falla cores nin un estilo depuradísimo e virtuoso, só unhas liñas, un sinxelo e límpido branco e negro; nu de todo alarde e mesmo sen fondos, nun esquema de nove cadriños por páxina que varía poucas veces. A historia está narrada en primeira persoa, mais o autor diferenza as voces dos personaxes usando fondo negro nos cadros de texto de James e brancos para Alyssa. A potencia da historia e o dinámico e fantástico fluír narrativo fan que para este bordado só se precise fío e talento. E aquí vai sobrado.
Esta banda deseñada bebe directamente do máis transgresor dos noventa, da distorsión do grunge, do atrevemento formal, estético e temático de Tank Girl ou Hellboy. Non se confundan, nada teñen que ver nin historia nin debuxo, mais si que sobrevoa esa incontinencia violenta dunha xeración que xa nos viamos condenados polas anteriores a ser precarios, máis pobres, con menos protección social e, iso si, con máis preparación para que emigraramos polo menos sabendo inglés. Si, definitivamente, hai unha xeración á que nos tería ido mellor de termos tirado por este camiño de rebentalos a todos antes de que nos rebentaran eles a nós.
___________