Mércores 27, Outubro 2021
HomeCulturaISAAC NA MEMORIA

ISAAC NA MEMORIA

BIOGRAFÍA
Xosé Ramón Fandiño. Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso. Concello de Santiago, 2020.

 

por Miguel Vázquez Freire

Xosé Ramón Fandiño, colaborador próximo a Isaac nos seus últimos anos, xa participara como comisario, xunto con Gloria López López, na excelente exposición Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, organizada polo Ateneo de Santiago e a USC en 2018. Algúns dos datos biográficos que se recollen nesta Memoria do compromiso xa foran adiantados no catálogo daquela exposición, en especial os relativos á infancia de Isaac e a tráxica morte do pai, asasinado nos días inmediatos ao golpe militar fascista de 1936, triunfante en Santiago.

O texto que comentamos, complementado cunha rica parte gráfica seleccionada con excelente criterio, preséntase ao lector como un apuntamento do que no futuro ben podería ser a completa biografía que sen dúbida Díaz Pardo merece e reclama. Tralos anos de feliz infancia en Compostela, violentamente interrompidos pola irrupción golpista e a posterior ditadura, acompañamos ao mozo Isaac nos seus primeiros traballos na Coruña e os posteriores estudos artísticos en Madrid ata a súa precoz consolidación como pintor. Nese punto prodúcese o xiro máis radical na traxectoria de Díaz Pardo: o abandono da pintura “no momento en que se erixira como o valor máis consagrado da plástica do seu tempo”. O compromiso moral e político subxacente a esa decisión queda ben argumentado e referendado pola reprodución de Meu cabalete, diálogo no que o pintor confesa ao seu instrumento de traballo as razóns da renuncia.

Queda claro que a opción empresarial pola recuperación da tradición artesanal e industrial, inspirada no proxecto ilustrado do marqués de Sargadelos, responde a un espírito de compromiso co país e as xentes e non a criterios exclusivamente comerciais. Trátase de recuperar “o espírito ético de empresa, afastada de calquera tentación especulativa”. O resultado é asombroso, como o simple enunciado amosa: Cerámicas e Ediciós do Castro, porcelanas de Magdalena (a aventura dunha longa década na Arxentina), Laboratorio de Formas, Museo Carlos Maside, Sociedade Sargadelos, Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Instituto Galego de Información, Seminario de Estudos Galegos. Iniciativas nas que a súa personalidade libertaria, como gustaba de proclamar, non lle impediu construír lazos sólidos con outros socios e colaboradores, entre elas a especialmente estreita con Luís Seoane.

Non falta tampouco a relación da súa máis persoal dimensión creativa, como poeta, dramaturgo, ensaísta, colaborador en prensa e escenógrafo. Nin tampouco a triste coda final que, baixo o título equívoco “Final da utopía”, nos conta as escuras manobras que nos seus últimos anos acabaron arrebatándolle o control da estrutura empresarial que el construíra. Título equívoco digo porque, malia todo, Isaac Díaz Pardo ergueu moito máis que un proxecto utópico, ergueu nada menos que, como Xosé Ramón Fandiño xustamente salienta, “a proposta máis importante e transcendente de cantas se teñan feito na Galicia posterior a 1936”.

Unha contribución ao centenario desta figura fundamental da Galicia contemporánea que a pandemia non permitiu que fose conmemorada como sen dúbida merece.


 

Novidades