A odisea dos irmáns Cabezas

Antón Seoane (Ferrol, 1949) é unha das grandes figuras da cultura galega contemporánea. Coñecido polo seu traballo como médico e psiquiatra e, sobre todo, pola súa monumental aportación á percepción acústica da Galiza do noso tempo, en diversas formacións, primeiro, no Movemento da Canción Galega, e, finalmente, no grupo Milladoiro, no que exerceu como un dos seus motores creativos, non é, porén, tan salientado no seu oficio como escritor, no que na miña humilde opinión, reúne méritos máis que suficientes para ser considerado.  

Por diversos azares caeu nas miñas mans un volume titulado Avelino Cabeza e os seus irmáns, publicado por Galaxia, no 2023, libro que, tamén por diversos azares, permaneceu até o momento completamente invisibilizado, malia conter, por estilo, trama e contido, un fluír de roman fleuve, de novela río, que sen olvidar a súa raíz de crónica, de relato que se axusta á descrición dunha serie de feitos e acontementos realmente sucedidos, ergue o seu propio voo como narración independente, até o punto de que, se nalgún momento dubidamos da magnitude do sobrevido, agradecemos que esa mera posibilidade puidese ser constatada mediante a escrita, sempre impecable e rigorosa.  

Cóntasenos a historia de Avelino Cabeza, emigrado con 13 anos ao Uruguai para, despois, se establecer na cidade de Buenos Aires, daquela unha cidade emerxente fortemente influenciada pola cultura francesa na arquitectura, no urbanismo e na vida cultural, ata o punto de ser alcumada “o París da América do Sur”. Ademais, a inmigración europea, especialmente de Italia, Galiza e Francia, mudou o aspecto e a idiosincrasia da cidade. Estes factores contribuíron a fortalecer os lazos culturais entre Bos Aires e París a principios de século.  

Contando, pois, a vida de Avelino Cabezas e os seus irmáns, Antón Seoane procede a facer un relato a un tempo, do lugar de partida, Narón, e do lugar de acollida, Buenos Aires, nunha “novela de familia”, como se refere nalgún momento, nunha época que vai desde a década final do século dezanove até o fatídico 1936, do alzamento fascista.  

Hai moito de investigación na construción do relato, de datos e detalles refeitos ao longo de toda unha vida de meditación e recreación do que puido ser a Odisea destes galegos emprendedores e titánicos, que, partindo da máis extrema pobreza, ergueron xigantes do comercio e da distribución de bens e mercadorías. As peripecias de Avelino, Ramón, Emilio, Remedios e Paulino, nados entre 1870 e 1878, e mortos entre 1916 e 1945. Hai, por tanto, unha mestura de interese sentimental, de índole persoal, e histórico-documental, ao que se aúna unha vertante de corrección no estilo e de interese por manter o fío da historia.  

Empresarios innovadores e imaxinativos, de ideario humanista e sentido equitativo, adiantados no mundo da publicidade e o éxito comercial, que parecen conciliar nas súas figuras a contradición radical da modernidade entre beneficio e explotación.  

Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón 
Antón Seoane 
Editorial Galaxia 
Vigo, 2023