Martes 15, Xuño 2021
HomeCultura XOSÉ RAMÓN BARREIRO: "A NACIÓN NON SERÁ, XA É"

[IN MEMORIAM] XOSÉ RAMÓN BARREIRO: “A NACIÓN NON SERÁ, XA É”

Cen anos dan para moito. Na Real Academia Galega deron para manter viva, malia os temporais que a cercaron, a conciencia de país. Están de celebración cantos fan da lingua e da cultura o fermento da nación. Non para o santoral, si para facela social e politicamente útil. Nesas anda o seu actual presidente, intelixente e apaixonado. Así o revela nesta conversa. En novembro, na casona coruñesa de dona Emilia Pardo Bazán.

 

texto Luís Álvarez Pousa

¿A Academia tamén constrúe a nación galega que vostede vén de reivindicar nunha comparecencia parlamentaria?

A nación está construída. Outra cousa é que estea recoñecida. Desde que Murguía definiu o que é unha nación sen Estado, sabemos que en Galicia existen tódolos elementos que a constitúen o que hoxe entendemos como nación. Ademais dos elementos obxectivos, hai a vontade de querer ser distintos nun país que maioritariamente fala o seu idioma. O que fixo o galeguismo sempre, o que fixo o nacionalismo despois e o que estamos facendo nós agora é coller esa realidade obxectiva e transferirlla ao pobo para que sexa un sentimento xeneralizado. Desde a súa fundación até hoxe, a Academia asumiu e seguiu esa liña de pensamento e actuación. Que á parte de conseguir que o pobo saiba que forma parte dunha nación, conste como tal no Estatuto, como pensamos que debe suceder, iso xa é conxuntural.

Non obstante, a Academia houbo de pasar por momentos nos que esa liña tivo os seus recesos, e non sei se tamén as súas traizóns. ¿Dáos hoxe por superados?

Eu como presidente e cantos a integramos fixemos xa unha sincera autocrítica. Por iso, non estou disposto a volver unha e outra vez a ela facendo un discurso inmolador. En todo caso, a Academia funcionou de acordo con como o facía a sociedade en cada época. Hai un primeiro momento protagonizado por Murguía e polos compoñentes da Cova Céltiga, no que esta institución viviu para transmitir esa idea de nación. Que posteriormente fose perdendo esa vocación de marcar identidade, é certo. Houbo momentos de cansazo, exactamente o mesmo que na sociedade galega. Pero hoxe en día, e xa desde antes de comezar o meu mandato, a Academia asume o papel simbólico que debe ter nesta cuestión. En todo caso, e recollendo o que vou dicir do que lle escoitei hai vinte días en Cataluña a Pasqual Maragall, xa temos claro o concepto de nación, e o que toca agora é sermos consecuentes e vivila como tal.

Pero Galicia non é Catalunya, nin tampouco se poden comparar os índices sociais de conciencia identitaria. Independentemente das causas que motivan ese déficit comparativo, esa é a realidade, que se nos antolla máis preocupante ca nunca polo feito de estarmos forzosamente sometidos aos efectos uniformizadores da globalización. ¿Non o ve así?

Ese atraso é real ata certo punto. De acordo coas enquisas, hoxe fálase máis galego en Galicia ca catalán en Catalunya. Falar galego significa tomar unha posición. O que sucede é que a maior parte dos que o fan non son conscientes de que están asumindo unha opción identitaria. O que temos que conseguir é que esa masa de galegofalantes acaden esa conciencia.

Son os políticos os que deberan preguntarse por que despois de 25 anos de democracia non foron capaces de conseguir que os dormentes da identidade se convertan en actuantes.

¿Quen debe liderar o proceso que leve a dar ese salto?

É unha responsabilidade que se lle debe reclamar en primeiro lugar aos partidos políticos, que son os que teñen a función de dinamizar a vida política e a vida social. Son os que deberan preguntarse por que despois de vintecinco anos de democracia non foron capaces de conseguir que os dormentes da identidade se convertan en actuantes. Terán que reformular as súas estratexias de socialización e os seus respectivos compromisos programáticos.

Tomando como factor identitario básico a lingua, deduzo das súas palabras que lles bota en cara ás forzas políticas a responsabilidade de que a día de hoxe siga existindo unha considerable asimetría entre a lingua de uso e a lingua de poder…

Dedúceo ben. O que fixeron os partidos políticos foi elevar o galego á categoría de símbolo. Así o constatamos no Parlamento, no DOG…Pero en canto pasas de aí e entras a analizalo no exercicio do poder, axiña advertimos que o galego está reducido a unha liturxia. As autoridades autonómicas falan galego, pero a maior parte delas dan a sensación cando o utilizan de que o fan como se se tratase dunha obriga que lles vai co cargo. Por outra parte, hai concellos nos que nin sequera fomos capaces de conseguir que a tramitación habitual de documentos se faga en galego. Nos das vilas e nos das grandes cidades. Que se veña mantendo unha loita desde dentro do concello da Coruña polo topónimo, é síntoma da falla de vontade política respecto da lingua. Non se pode permitir que, en contra do legalmente establecido, e mesmo despois dunha sentenza xudicial en contra, o alcalde seguise nesa posición, gastando ademais nos recursos perdidos fortes cantidades de diñeiro público.

¿Refírese ao ex alcalde Francisco Vázquez?

Claro. Foi el quen acabou creando un conflito alí onde non existía. Puido axudar a que os coruñeses acabasen aceptando a oficialización do topónimo galego con normalidade. Aínda en contra do costume ou da tradición, estou convencido que incluso os máis remisos acabarían aceptándoo. É o exemplo máis evidente de que a lingua do pobo aínda non acabou sendo asumida polo poder.

¿Que tería que suceder para que os chamados poderes fácticos deran pasos na dirección contraria?

É moi difícil sabelo. Porque ese estar de costas á lingua do pobo ten unha explicación histórica. Foron educados á marxe dos valores identitarios. E non foron quen de superar ese complexo de pensar que o galego é a lingua dos pailáns. O que para min é unha autocompracencia, para eles é unha autolimitación. Sería como recordarlles de onde veñen, e séntense mal. Un país que chegou a este nivel, sendo incapaz de superar esas barreiras simbólicas que se foron creando, é un país enfermo. É o que lle pasa a unha boa parte da clase empresarial. Polo xeral, a burguesía galega ten moi mala formación.

Os partidos políticos elevaron o galego á categoría de símbolo. As autoridades falan galego, pero a maior parte delas dan a sensación de que o fan como se se tratase dunha obriga que lles vai no cargo.

¿Será porque aínda non experimentaron que tamén poden facer negocios en galego?

Certo. Descoñecen que no mundo de hoxe calquera lingua pode ser eficaz como lingua de negocio.

Iso lévanos a outras causas non estritamente lingüísticas, senón concomitantes. ¿E así?

Efectivamente. Se por falar galego nas mesas de negociación, como sucede dos de Catalunya, os empresarios obtiveran beneficios, pasábanse ao galego. Se, sentíndose galegos e presididos polo poder político, comprobasen a capacidade que teñen para apertaren fronte a outras burguesías, e se manifestándose galegos e unidos en galego, comprobasen que conseguían máis poder, pasábanse ao galego.

Ou sexa, que ese desleixo tería no fondo raíces económicas e políticas…

Eu veríao desde a condescendencia coa que o poder político veu enfrontando o problema. Cando un conselleiro se reúne con empresarios, ten a obriga de facerlles ver que de manterse unidos na identidade e na galeguidade, terán moita máis forza fronte a outros competidores.

Pode que tamén se debera a que non tiveron ese líder que os convocase e que os convencese facendo valer con eles a súa autoridade moral. Por certo, foi con eses argumentos que moitos xustificaron vai para dezaoito anos a chegada de Fraga Iribarne a Raxoi. Á vista dos resultados, unha de dúas, ou foi condescendente ou fracasou…

Os dezaseis anos de Fraga foron para o galego unha etapa non aproveitada. Fracasou porque non captou a importancia decisiva que tiña a lingua para o noso futuro. Esforzouse por situar na súa estrutura mental a cuestión diferencial de Galicia, pero nunca a deu entendido na súa perspectiva identitaria. Malia dispoñer dunha grande intelixencia, tiña unhas enormes lagoas. El descobre, por exemplo, que a homosexualidade non é tan mala despois de que a súa filla lle explicase que naceron con esa opción sexual e que é polo que non se lles pode culpar. Que descubra iso aos 80 anos, é moi significativo. Logo está a súa biografía: non esquezamos que militou no franquismo máis duro e que perseguiu o uso do galego. Defendelo como debera non lle saía de dentro.

Non é ningún segredo que Fraga tentou atraer desde o primeiro día á intelligentsia do país. Tampouco o é que o conseguiu en boa medida. Se para o avance no proceso de concienciación e no afianzamento social do galego como lingua de uso e de poder, ese largo periplo á fronte da Xunta serviu para moi pouco ou resultou un fracaso, ¿como hai que entender o papel que xogou a intelectualidade ao seu carón?

Penso máis ben que ante a rotunda vitoria do fraguismo, hai na intelectualidade galega unha actitude de repregamento. Outros optaron polo camiño máis posibilista de ir conseguindo determinadas vantaxes para a cultura. Iso non quere dicir que non existiran intelectuais que se atreveron individualmente a facerlle fronte. Foi por exemplo a actitude adoptada polo meu antecesor, Paco Fernández del Riego, cando Fraga ordenou que se frease a aprobación do novo estatuto da Academia, só porque no informe que encargara o seu autor anotou que o articulado se metía nas competencias da Xunta. Fraga e Del Riego acabaron colgándose os teléfonos. Tivera que mediar Rajoy, que era daquela ministro de Educación, para que finalmente fosen aprobados.

Agora que Francisco Vázquez ten capacidade de intercesión no Vaticano, ben podería suceder que a igrexa se sumase a ese reforzamento dos sinais de identidade galegas ¿non cre?

(Ja, ja, ja). Roma xa non é o problema. Iso sucedeu ao comezo, cando o cardeal Quiroga tivo que apertar, por certo que coa inestimable axuda de Guerra Campos, para que acabasen bendicindo as misas en galego. A quen hai que convencer hoxe é aos bispos, para que encabecen unha acción pastoral en galego. Temos un arcebispo de Santiago que é boa persoa e un  fino intelectual, pero non vexo que estea convencido diso. Cando nomearon bispo de Ourense ao noso amigo Quinteiro, pensei que ía liderar un proceso desta índole, pero tampouco se fixo notar. Non hai un líder no episcopado galego que asuma ese papel pastoral. Roma xa non elixe líderes, senón persoas moi sometidas e que non destaquen. E se elixe a algún, como sucedeu co que hoxe é un dos bispos auxiliares de Madrid (Uxío Romero Pose), non sei por que razóns acaba convertido nun inquisidor. Temos un episcopado manso, aínda que non agresivo. Hai que agradecerlle con todo que non lidere un movemento en contra do galego e da galeguización.

¿Introducir no Estatuto o deber de coñecer o galego formaría necesariamente parte da solución?

Sen dúbida. E non só a nivel simbólico. Que unha persoa que fala galego acuda ao xulgado e que un xuíz se negue a xulgalo porque non sabe o galego, é inconcibible. Por iso considero, e así o defendín no Parlamento en nome da Academia, que as autoridades e cargos das administracións se vexan obrigados polo Estatuto a coñecer o galego.

Eu creo que Feijóo non tería ningún problema en asinar que Galicia é unha nación. Pero non lle deixan. Esa disfunción é responsabilidade de Fraga, por non aproveitar a ocasión de facer un partido galego.

Unha decisión á inversa fixera precisamente moi polémica a etapa en que presidiu a Academia un intelectual da talla de Domingo García Sabell, que desenvolvera inicialmente iniciativas moi novas para a institución. Foi ese outro dos momentos máis críticos polo que pasou, xa en democracia, a Academia…

Hai unha primeira fase da presidencia de Domingo moi positiva para o idioma. É cando a Academia se incorpora aos estudos filolóxicos, en boa medida grazas a Constantino García. Neste momento estamos na punta da investigación. Incluso se estivo a piques de converter esta institución na Academia da Lingua, con  só vintecinco numerarios. Pero tivo a desgraza de subsumir na súa persoa dúas representacións moi contraditorias entre si. E aí se explica o disparate de levar a cabo o recurso contra a lei de normalización lingüística que asumía o deber de coñecer o galego. A consecuencia diso, el mesmo comezou a separarse cordialmente da Academia, que entrou nunha apatía total.

Vivimos no tempo da cultura de masas, que desafía aquelas culturas populares que posúen menos recursos, e tamén menos poder, para sobrevivir valéndose dos seus mesmos instrumentos. Tanto o futuro da cultura galega como o da lingua que lle dá base e xustificación teñen por iso un difícil futuro. ¿Hai conciencia disto no país? ¿Estanse adoptando as estratexias e os recursos que se necesitan para afrontar con éxito ese choque, ou no mellor dos casos, ese tránsito?

Imos pensar que estamos nunha situación de tránsito, e que vén unha avalancha cibernética que pode ter consecuencias de todo tipo. Na Academia, e penso que tamén están facéndoo así noutras institucións, tentamos apropiarnos deses instrumentos de inculturación para utilizalos a favor da nosa propia expansión. Apostamos por introducirnos nas novas tecnoloxías, porque entendemos que ese é o camiño para competir cos mesmos instrumentos que teñen os outros. Temos un convenio coa consellería de Industria para situar en rede todo o que imos producindo. Termigal é un ambicioso proxecto que cofinanciamos nós e outras institucións para ir pasando ao galego a terminoloxía tecnolóxica máis actual. Podería chegar a ter o carácter de instituto especializado, dependente da Xunta. A propia confección de dicionarios temáticos contribúe ao obxectivo de adaptación á nova realidade.

Pero o que vén superará seguramente todas esas iniciativas filolingüísticas. Non sei eu se, malia o esforzo da institución que preside e doutras, imos poder resistir a avalancha á que vostede se refería, que é pluriforme e caótica…

Estamos certamente nun cosmos globalizado, que ameaza directamente as culturas resistentes. Pero tamén miro cara a Europa, e observo que lles está restando poder aos Estados, non optando en cambio por eliminar as rexións, cada unha das cales lle achega algo distinto, enriquecéndoa na diversidade de culturas e de linguas. Os europeos que pensan en Europa non a queren convertida nunha sociedade como a china ou como a americana. Velaí a nosa defensa.

¿É tan optimista, pese a termos constatado como os intereses estatais fixeron imposible até agora unha constitución europea que garanta o dereito á diferenza dentro dun proxecto común?

Eu votei negativamente o Estatuto que tentaba constitucionalizar Europa, porque era moi centralista e non favorecía para nada esta idea da diversidade que eu defendo. Hai que repensalo de novo, e apertar para que referende o recorte do poder dos Estados en beneficio das rexións. Son optimista, pese a todo. Entre outras cousas porque o pobo galego, que pasou por tantos traumas e hostilidades, demostrou que ten capacidade para resistir. Superaremos tamén ese tránsito do que falabamos antes.

Diríxome agora ao historiador. ¿Que vantaxes e que desvantaxes ten o feito de que Galicia non pertenza agora a un Estado distinto do español?

(Risos) Historicamente, pertencemos a Castela. Foi Gelmírez precisamente quen apoia que sexa entón cando Portugal iniciara o camiño da súa independencia, quedando nós sometidos a Castela. O pasado, pasado está. Non estou de acordo coas montaxes que fan os historiadores norteamericanos sobre hipóteses que nunca se chegaron a dar. Hoxe estamos en España. Para que haxa a independencia dun país, requírense dous elementos: que se manteña vivo o espírito propio, que é algo que polo momento xa o temos gañado; o outro é de raíz xeopolítica, referido ao contexto internacional. Nós estamos situados no occidente da Hispania, non a carón de Francia, como están Euskadi e Catalunya. Non estamos no ventre brando de Europa como están Serbia, Checoslovaquia ou Hungría, onde ademais de manter ese espírito de rebeldía permanente, de quereren ser eles, ao mesmo tempo se atopen nun espazo que está en permanente remodelación, que é o que nunca se producirá onda nós, por estarmos onde estamos.

Hai quen pensa nun futurible con Portugal…

Acabariamos sometidos tamén. Portugal é un Estado centralista, centralizador, que para nada ten en conta as rexións. Galicia non resolvería nada. O que é fundamental é seguir mantendo vivo o espírito propio, porque se os serbios ou os croatas non alimentasen esa vontade, non conseguirían nunca ser un Estado independente.

Estamos en España. Xa que logo, a cuestión podería formularlla así: ¿como a pesar de que a maioría da poboación española segue sen entender os chamados feitos diferenciais, pode Galicia acadar maiores cotas de poder e de proxección estatal e europea, aínda que só sexa para manter  ese espírito propio do que vostede fala?

Elimino de entrada o poder das armas, porque iso non é ter poder. Teremos poder se temos poder económico, cousa que até o de agora non se deu. Está en terceiro lugar o poder político. Velaí o camiño a elixir polo momento. Simplemente con que a correlación de forzas fora diversa e tiveramos un partido nacionalista que en vez de dous tivese quince ou vinte deputados, seria Galicia e seriamos nós os que participásemos nas grandes decisións políticas do Estado.

¿É fiable Rodríguez Zapatero cando fala da España plural? ¿Entende que esa é nestes momentos a posición do socialismo español?

Penso que o partido socialista non se merece o líder que ten. Zapatero é un home de empuxe e de acometidas, abríndolle ao socialismo portas que estaban histórica e estupidamente pechadas. Esa concepción da España plural está na Constitución, e soubo vela así. Tivo que vivila con tensión polos problemas que tivo cos cataláns, pero a tiña asumido desde antes. Abriu o socialismo a esa realidade, cousa que Felipe González non fixera. Enténdese por iso que a vella garda estea resentido con el, porque os desbordou a todos poñendo voluntariamente o dedo na chaga. Vese na súa decidida e valente maneira de afrontar a fin da violencia e de ETA, que oxalá lle saia ben. Esa capacidade de aguante e de empuxe é o que fai que Zapatero non sexa un líder común.

Choca precisamente niso coa parte máis correosa do seu partido, da que participou ata hai pouco o socialismo galego. ¿Nótao vostede máis liberado e sensible no que ten que ver coa galeguización do seu ideario e da súa estratexia? 

Nótase un gran cambio no socialismo galego. Zapatero contribuíu a despexar os obstáculos ao desprazar a Vázquez facéndoo embaixador no Vaticano. Cando os da ponencia do Estatuto me chamaron para que comparecese no Parlamento, notei en xestos e preguntas que por parte dos socialistas había unha aceptación case literal de todo canto eu propuxen. Percíbese unha maior sensibilidade, no que tamén incide seguramente que estean gobernando co Bloque. Coido que se pode dicir que, sen seren nacionalistas, asumen a identidade de Galicia, cousa que sería impensable hai uns poucos anos.

¿Nota esa mesma sensibilidade no Partido Popular e en quen o lidera despois de Fraga? 

No PP hai unha disfunción entre o que queren os dirixentes medios, que son os que teñen contacto coa realidade social, e o que lles vén de arriba, que os está limitando moito. Eu creo que Feijóo, como persoa intelixente que é, non tería ningún problema en asinar agora mesmo que Galicia é unha nación. Pero non lle deixan. Esa disfunción actual tamén é responsabilidade de Fraga, por non aproveitar a ocasión que tivo de facer un partido popular galego. Nunca se atreveu, porque o PP era o seu partido e el foi o seu presidente.

¿Ten o nacionalismo algunha responsabilidade en que o PP se manteña baixo mínimos de galeguidade, e de que Galicia conte cunha dereita tan escasamente concienciada do papel que debera xogar nun país autoabastecido de ideas e proxectos?

Ten moita responsabilidade. Como mostra, todo o que sucedeu a partir do achegamento entre Fraga e Beiras. Escoiteilles dicir a persoas moi significadas do partido que ese era o fracaso total do Bloque, e que Beiras era un elemento que estorbaba. Xusto cando iso podía acabar provocando que se creasen unhas condicións obxectivas para que Fraga, que se deixa levar por persoas ás que admira e el admiraba a Beiras, puidera entrar noutra dinámica máis aberta á autonomía do partido fronte a Madrid.

¿Cre que este tipo de comportamentos están na raíz de que o BNG non teña acadado o respaldo social necesario para liderar o país desde unha posición maioritaria?

Xa llo expliquei unha vez, e quedaron moi molestos comigo. Díxenlles que se equivocaron en comprender Galicia. E por iso presentaron proxectos imposibles de aplicar aquí. Estou falando daquel primeiro Bloque hipersocialista e nacionalitario, no que practicamente non aparecía a propiedade, e non se tiña en conta a familia…Non deron chegado sobre todo á sociedade rural, que é onde tiveron o seu fracaso.

Falamos antes da cultura de masas, que ten na sociedade de masas e nos medios de produción masiva de información e entretemento o seu caldo de cultivo. Polo mesmo, é a través dos medios como maioritariamente perciben agora os cidadáns galegos a súa maneira de estaren no mundo. ¿Veos nesa complicidade identitaria e participativa?

Vexo que hai en tódolos xornais galegos un compromiso cos intereses de Galicia. Non estamos ante unha prensa evasiva respecto dos grandes problemas estruturais, económicos e sociais. O que pasa é que ese compromiso téñeno e execútano a través de ópticas localistas.  O que non existe neles é un compromiso coa cultura e coa lingua do país. Haberá que cambiarlles as cabezas aos donos dos xornais, que son case todos unipersoais. Cando un deses propietarios che di “é que ata as páxinas de deportes empezaban a estar en galego, dáste conta de que entenden o uso da lingua nas páxinas do seu medio como unha concesión sen máis.

Tampouco o poder galego fai nada para que esa tendencia vire a favor do galego nos medios…

Tamén o creo así. O Goberno ten nas súas mans a chave das concesións de licenzas para a creación de novas emisoras de radio e televisión. Pois ben, non as condiciona o suficiente á presenza obrigada da lingua galega nas súas futuras programacións. Hai outros determinantes que condicionan esas concesións. O goberno de Fraga niso foi un desastre. E coas concesións de televisións dixitais que fixo o bipartito sucedeu o mesmo. Iso é moi grave porque impiden que se consolide o espazo de comunicación galego.

Para rematar: ¿volverán ao proxecto dos anos 80 que tentaba facer da institución que vostede preside unha Academia da Lingua?

Non. Nin cando se creou foi da lingua, nin será da lingua mentres eu a presida. Outras academias, como a catalá, tamén teñen o mesmo modelo interdisciplinar. Funciona na de Catalunya un Instituto de Estudos Cataláns que é un sector privilexiado. Como nós temos o sector de investigación sociolingüística e todo o que ten que ver en xeral coa lingua, que leva o oitenta por cento do presuposto da Academia. Debe permanecer nela o carácter simbólico da cultura en todas as súas manifestacións.

¿Ve necesario afrontar novos consensos normativos?

A resolución da concordia, que foi un paso importante, posiblemente máis político que lingüístico, salvouse razoablemente ben. Con fortes tensións dentro da Academia, e fóra, pero foi necesario facela porque temos que seguir paso a paso a evolución da lingua, e actuar en consecuencia. Haino que facer, iso si, con mesura e con prudencia. Non podemos marear con continuos cambios de normativas, sobre todo aos máis mozos, rapaces e rapazas dos institutos. Se as necesidades de dentro duns anos o requiren, teremos que volver sentar e consensuar os cambios a que desen lugar.


Esta entrevista foi publicada orixinalmente no número 115 da revista TEMPOS NOVOS (decembro 2006).

 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]