Xoves 28, Outubro 2021
HomeCulturaIMAXINAR O RETORNO

IMAXINAR O RETORNO

NARRATIVA
Eva Moreda. Para toda a vida. Aira Editorial, 2020.

 

por María Alonso

A emigración é un dos temas máis recorrentes, por non dicir manidos, da literatura galega. Disto non hai dúbida. Sen embargo, Para toda a vida (Aira, 2020), a nova novela de Eva Moreda, achégase ao xénero dun xeito xa non só brillante senón tamén necesario dende un canon literario que amosa signos de esgotamento e que demanda novas perspectivas e posicionamentos ao falar de emigración e/ou retorno.

Non é a primeira vez que Moreda aborda a emigración galega na súa produción literaria; ben coñecida é a súa aportación con A Veiga é como un tempo distinto (Xerais, 2011), mais nesta ocasión xoga dun xeito bastante efectivo coas expectativas das lectoras ávidas dos seus textos, tanto en galego como en inglés. É case obrigatorio, ao rematar a novela, facer unha busca rápida por internet para ver se Moreda, efectivamente, está asentada de volta en Galicia despois de pasar anos no Reino Unido, ou se segue en Glasgow. Acaso a autora está a imaxinar o regreso a través da ficción? Se é así, implica isto que o regreso é unha opción imposible?

Paula, a protagonista da obra, pertence a esta xeración entre-crises dada á improvisación, consciente como é de que nada é para toda a vida: nin a parella, nin o traballo, nin o fogar, nin o país de residencia, nin sequera a vida é xa para toda a vida. Crúzase na súa andaina á madurez con persoas que aparentemente teñen todo quizais máis encamiñado; ese tipo de persoas faltas da excitación ao descoñecido. A narración en primeira persoa denota un ar de nostalxia ao inespecífico. Como personaxe principal é críptica até a confusión, non porque teña algo que agochar, senón porque este comezar de novo que motiva a novela fai que non teña moito máis que aportar a unha trama á que parece se deixa levar. Como representante da nova diáspora galega, Paula cumpre con todos os requisitos: é muller, ten unha licenciatura (e mesmo un doutoramento), vive en Londres e ten varios traballos relacionados coa súa formación, aínda que poderiamos dicir que precarios todos eles, que lle permiten subsistir, que non vivir. O que non sabemos aínda se é un tópico, xa que isto da nova diáspora galega é un work-in-progress polo de agora, é o seu regreso a esta Galicia que moito se asemella á que deixou anos atrás.

       Para toda a vida é un paréntese, un impase; é un contradiscurso que cuestiona tanto a retórica épica da emigración como a do retorno cando a propia narradora recoñece que os anos no Reino Unido pasaron por ela sen consecuencia algunha. Por que tería que ser doutro modo? Fulmina a idea foucaultdiana da morte da autora, xa que Moreda sabe moi ben por onde quere levar á lectora implícita. Traballa moi ben o sentimento de estranxeiría da protagonista cando volve ao fogar. A linguaxe está moi coidada e require debullar nela para chegar ao centro emocional dunha protagonista afeita á soidade. É unha novela que trata as diferencias xeracionais como poucas; honesta, sen ínfulas de grandeza, coa que é moi sinxelo conectar.


 

Novidades