Ignacio Castro, escritor

“O resío daquela humanidade que resistía tiña nos ollos e na memoria un tempo mítico que tivera que loitar coa neve e os lobos: había historias fantásticas que escoitar, de mulleres e homes” 

 

En Roxe de sebes encontra o lector afirmacións como: O absoluto é local sempre ou Nunca deixaremos de ser primitivos. Son ideas infrecuentes naquel tempo en que subiches ás serras porque a época estaba dominada polo mito do progreso. Que te levou a montes ermos? 

Levoume á montaña un fastío completo en canto ás expectativas (sociais, ideolóxicas, espirituais) que me arrodeaban, despois de dez anos intensos de busca, encontros e sucesivas decepcións. Entendín que tiña que atravesar exactamente un ermo antes de chegar a outra etapa que lograra xuntar o vivido nun só molde. Intentara cen vías (cristianismo, diversión xuvenil, mitoloxías musicais, marxismo, nihilismo…) e todas se afundiran. Polo tanto, ideoloxicamente, non tiña por diante máis que o deserto. Tiven que entrar nel e desfacerme en anacos para escoitar algo novo. Ou simplemente aceptar. Teño que dicir ademais que un sempre buscara un substituto primitivo do relixioso no campo do marxismo e da acción revolucionara. De xeito que non tiña ningunha posibilidade de conformarme cunha mera adaptación social ao pragmatismo liberal triunfante. Tiña que buscar un sucedáneo do absoluto que atopara no ideal revolucionario. Iso foi a filosofía que, moi lentamente, labrei naquela cabana afastada.

“Se cadra, ante todo, aprendín tamén a importancia do que Lispector chama renuncia. Ten algo que ver con asumir a morte, a certeza de ser perfectamente prescindible… mentres unha especie de `eternidade´ vai por dentro, pegada a túa propia insignificancia”. 

Aló na serra pescaches algún peixe e erraches algún tiro ás perdices, pero que capturas espirituais destacarías daquela experiencia? 

Dentro da miña inquedanza crónica, nese longo retiro silencioso aprendín a escoitar, a baixar, a pensar cun ritmo máis pausado. Aprendín algo da paciencia… ou a usar unha impaciencia freada; metódica, como di un amigo. Se cadra, ante todo, aprendín tamén a importancia do que Lispector chama renuncia. Ten algo que ver con asumir a morte, a certeza de ser perfectamente prescindible… mentres unha especie de “eternidade” vai por dentro, pegada a túa propia insignificancia. É certo que recuperei tamén o activismo. Xa non no campo da ilusión política, senón nun eido filosófico e existencial. Niso ando, a fondo, pero cun activismo que busca o acontecemento do encontro, sen crer no seu poder nin na súa relevancia histórica. O que importa é dar. Borges diría que construímos sobre area, aínda que o noso deber é facelo seriamente, coma se edificáramos en pedra. 

Na montaña trataches a xentes entregadas a actividades extremadamente necesarias, moi diferentes da “humanidade superflua” da que falaba Pasolini. Que lembras daquel mundo case extinto? 

Cando eu cheguei, ao comezo da década dos oitenta, a agricultura de montaña xa estaba en plena decadencia, abandonada pola administración e tamén por moita xente nova, que en boa medida tivera que emigrar. Pero aínda estaban nos tesos case todos os vieiros abertos. Quedaban os pequenos, e en Soldón da Seara algúns maiores (Felisa e Pepe; Dolores, Juan e Venancio; Marisol en Vicente…) que aínda subían co gando aos pastos altos. De cando en vez se achegaban a Roxe de Sebes ou Mazales, algo máis abaixo da miña cabana. Pero tes razón, non había nin rastro dunha “humanidade superflua”, da vaidosa pel fina desta banalidade urbana. O resío daquela humanidade que resistía tiña nos ollos e na memoria un tempo mítico que tivera que loitar coa neve e os lobos. Había historias fantásticas que escoitar, de mulleres e homes. Por riba de todo, quedaba o carácter e a xenerosidade da xente que tivo que manter a súa vida en comunidade, moi afastados da ficción do individualismo. Como dis, a extinción estaba xa nas almas daqueles últimos labregos, pero isto dáballes unha dignidade imposible de atopar alí onde entraron as facilidades irreais do chamado benestar. Aquelas mulleres e homes campesiños, que nunca deixaran o imperativo material e ético da supervivencia, posuían unha enorme riqueza simbólica, na linguaxe e na hospitalidade, nas maneiras de cociñar e de falar. E coa enérxica ledicia que teñen os humanos que nunca deixaron o reto de dialogar coas raíces. 

“Nesta certeza, de novo, a poesía vai diante da filosofía e do resto da cultura. Non estou seguro de que a arte e a filosofía sexan puntos de fuga. A fuxida, o retiro… non sería máis ben ingresar, permanecer coas dúas mans nesta normalidade social?”

Aproveito a alusión que fas aos tesos cumes de Novoneyra para que nos fales do papel dos poetas (dos artistas en xeral) neste tempo de dominio da técnica. 

O coñecemento enrédase hoxe cos significantes reiterados do determinismo social e técnico. Este conforto ficticio que nos cubre é o mesmo que nos desactiva. Lonxe deste déficit cognitivo, que lle imos facer, a beleza segue sendo filla do colmo do real, a morte. Tal certeza non é só de Wallace Stevens, senón que se corresponde coa vertixe fundamental que nos guía. Non hai verdade sen beleza, pois cada anaco de experiencia verdadeira está tensado polo sinal de algo inesquecible. A poética encarnou sempre a relación vital co descoñecido, unha realidade que non cabe no que chamamos Saber. Mesmo nos evanxeos cada intre de verdade exprésanse dun modo poético, cunha beleza que capta a perfección fulgurante do sensible. Dalgún xeito, non cambiaron tanto os tempos. De cando en vez segue sendo necesario unha especie de milagre que nos pare, que interrompa a circulación esgotadora de titulares, críticas, propostas e comentarios sobre comentarios. Vivimos na relixión do desprazamento perpetuo, nunha cobertura omnipresente que é mental e corporalmente velenosa. De resultas dela, a proximidade real, das cousas e da xente, latexa hoxe máis afastada que os Polos. De Rilke e Rosalía de Castro, de Novoneyra a Hernández, a literatura e a arte encarnan un regreso inesperado a unha verdade escondida. A beleza xunta o azar con aquilo que Simone Weil chamaba Ben. Non se me ocorre mellor definición. É certo que a arte toma ás veces a forma desesperada dunha ferida, dunha verdade asediada, sobre todo alí onde impera a mascarada da cultura capitalista. Un amigo que acaba de chegar de China dime que alí a xente non necesita da arte radical nin da crítica. Poida que alí non, pois viven dalgunha maneira na espiritualidade dun chan. De Chicago a Vigo, aquí vivimos confundidos pola información e o condutismo que inxecta. Necesitamos a violencia da arte para liberarnos da tecnocracia e deste sorrinte totalitarismo liberal. 

Cando subiches á cabana e hoxe, a relixión, a filosofía e a arte son puntos de fuga. Hölderlin dixo: Debo permanecer alemán aínda que a angustia e a necesidade me empurren cara a Taití. Kavafis retruca: A cidade sempre é a mesma, outra non busques…a vida que aquí estragaches, estragáchela en toda a Terra. Ti que dis? 

Se cadra toda a Terra concéntrase neste curruncho, aquí e agora, neste absoluto local. Cando outro alemán falaba no pasado século de non abandonar a nave coido que se refería á necesidade de permanecer no reto común, que sempre parte dunha singularidade nativa. Por delicadeza, dicía Novoneyra, compre facerse entender pola xente corrente, unha comunidade achegada que non se corresponde nin é traducible a ningunha “sociedade”. Nesta certeza, de novo, a poesía vai diante da filosofía e do resto da cultura. Non estou seguro de que a arte e a filosofía sexan puntos de fuga. A fuxida, o retiro… non sería máis ben ingresar, permanecer coas dúas mans nesta normalidade social? Ficar neste sistema, ser parte conformada do seu “benestar”, non é apoiar este xigantesco complot social contra a finitude? Tal como vivimos hoxe, a verdade sempre está fóra, nun íntimo exterior máis afastado que calquera eido turístico. Outra cousa é que ese fóra sexa compatible con permanecer fiel a un chan natal, aos devanceiros, á lingua materna; en resumo, á intensidade que é cada existencia. Se un cede neste desarraigo politicamente obrigado, cedemos tamén no único que nos pode liberar dunha transparencia obscena, desta visibilidade interpasiva. Pola miña parte, cando baixei da montaña viña arcaica e silandeiramente armado cunha liña de contacto co exterior “asocial”. Dende entón, isto mantívome coma un infiltrado, unha especie de axente dobre. Sigo no mesmo, espero. Brincando algo, podíamos dicir que algúns traballamos para esa “potencia estranxeira” que é limiar secreto de cada recuncho e cada situación. Soa moi grave este diagnóstico? Penso que é compatible coa nimiedade á que estamos prometidos os contemporáneos. Emporiso, é certo que dende entón, comezos dos 80, as presións sobre cada mente e sobre cada corpo, para que non escape das redes sociais, medraron considerablemente. É moito máis difícil hoxe liberarse do condutismo xeral, conservar unha punta de percepción e pensamento ceibe destas cadeas dixitais que nos enredan. Non o ves así? Non é o capitalismo alternativo destas democracias algo moito máis perverso que o Estado “paternal” daqueles anos? Penso que a peor cousa que permitimos nos expropiaran foi a relación co baleiro. Dende entón somos moito máis sociodependentes, quero dicir, máis previsibles e infelices. 

“Xa sei que non soa ben, por iso o repito: necesitamos heroínas e heroes que se atrevan a poñer o corpo fronte ao esencialismo liberal, unha das máquinas de coacción máis perfectas que endexamais inventou o home”. 

Un día destes, tomando un godello, saíu na conversa un libro de Jünger: Os titáns vindeiros. Nel lemos: Heráclito dixo “un só, para min son dez mil” Hoxe ese número debe elevarse á potencia. Que papel lle asignas ao individuo en medio da multitude? 

Unha soa andoriña no fai verán, dixo outro clásico. Pero se cadra esa andoriña podería anuncialo. Non son individualista, todo o contrario, e por iso mesmo penso que o papel da persoa singular segue sendo crucial nesta sociedade de obediencia masiva. Que sería da escasa resistencia á barbarie israelí sen Saif Abukeshek, Greta Thunberg ou Susan Sarandon? Que sería da literatura galega actual sen Emilio Araúxo e Lupe Gómez? ¿Ou do cine español sen Albert Serra? Nesta época de serodia submisión bovina é definitivo que existan algúns individuos que se rebelan e poidan dicir non. E non esquezamos que a negativa a obedecer é a condición previa dun posible si, dunha obra afirmativa. Que teñamos nomes persoais para a creatividade, o coraxe da denuncia ou simplemente a resistencia á corrección política, permítenos aínda sinalar felices grumos de secreto. Ademais, como din Agamben e Jünger, polo temido efecto de contaxio dun caso singular pode vir unha morea de voces. Por tal razón, a censura ten hoxe niveis de intelixencia perversa nunca vistos. Xa sei que non soa ben, por iso o repito: necesitamos heroínas e heroes que se atrevan a poñer o corpo fronte ao esencialismo liberal, unha das máquinas de coacción máis perfectas que endexamais inventou o home. 

Nota en Roxe de sebes de 1988: Canto de grilos, de auga. Cun zoar de abellas e un murmurio de ladeiras volve a música ás montañas. Onde escoitaremos a última música das cousas? 

De súpeto, no mesmo instante onde o noso estrondo se esvaeza. Ledos ou tristes, alí onde calemos. “Última” poida que só signifique: en cada intre de acontecemento, de encontro… de caída e saída. En calquera sitio onde nós desaparezamos e latexen as veas do tempo. Estaba vendo hai un momento Detachment. Os sons desa película, mesmo a música das cousas (corredores, rostros, verbas) desa preciosa e tremenda historia cando non hai ruído, permite que resoen as cousas no seu timbre mortal. Temos que recuperar a partitura dunha realidade espida, xusto antes de que seus murmurios callen en signos que circulan. Só ese pequeno deus, o dun rumor por fin escoitado, pode salvarnos deste exceso militar de información que nos mantén pechados, simulando unha felicidade artificial… Unha vez máis, Bieito, non sei se contestei á altura da túa precisión. De calquera xeito, amigo, foi un auténtico pracer compartir estas horas contigo. Moitas grazas pola túa xenerosa entrega a esta conversa e ata outra ocasión, que de seguro non tarda.