Uñas que se cravan na area

Facer unha película sobre o consentimento e o abuso sen nomealos non é nada fácil. Abordar a cuestión dende a sutileza, eludindo os lugares comúns e amosando a soidade, a incomprensión e a incapacidade de explicar determinadas cuestións, tampouco o é. Por iso How to Have Sex, a ópera prima da cineasta británica Molly Manning Walker, foi un dos filmes máis estimulantes da colleita de 2023.

Tres amigas marchan de vacacións a un pobo costeiro de Grecia colonizado por ingleses que desexan tomar o sol, beber moito e bailar ata o amencer. É dicir, unha sorte de Magaluf composto por grandes complexos hoteleiros de baixa calidade e discotecas enormes. Un deses non-lugares construídos pola voracidade do capitalismo. Un recuncho do mundo que ás cinco da madrugada parece máis post-apocalíptico que as películas de ciencia ficción que estamos acostumados a ver.

Ese non-lugar é, tamén, un espazo ideal para ter sexo. Un dos obxectivos centrais de tres amigas que se lanzan a súa derradeira aventura antes de irse a universidade. A máxima de Raffaella Carrà de que para facer ben o amor hai que ir ao sur calou fondo na civilizada e pulcra Europa do Norte. Sorpresa, nun non-lugar o único que se pode esperar é non-sexo. Porque neste espazo tan apartado da nosa vida diaria parece que a sociedade foi abolida, as emocións completamente alteradas e os días e as noites son sempre idénticos: resaca, tomar o sol, emborracharse, saír de festa, resaca…

Todo isto contribúe a construír unha aparencia de irrealidade que Molly Manning Walker capta á perfección grazas a unha posta en escena atmosférica, pero á vez fondamente carnal. De tal maneira que a cineasta nos deixa claro que, debaixo do aparente, segue estando a realidade.

A forma de retratar o rostro da protagonista (Mia McKenna-Bruce, vaia descubrimento) ao longo de todo o filme é extraordinaria. Tamén o é a aproximación aos corpos entre o éxtase e o tormento. Pero o máis impresionante desta película son as secuencias sexuais. Terriblemente incómodas, sen necesidade de amosar nada. Unhas uñas cravadas na area poden darnos toda a información que precisamos e transmitirnos todos os sentimentos dunha muller empurrada a unha situación que non lle guste, da que non está sendo de todo consciente, pero que se vai a marcar a lume no seu corpo e a vai perseguir durante anos.

Precisamente, as mans volven a ser un elemento central do final de How to Have Sex, unha sorte de catarse a través da sororidade nun dos non-lugares máis icónicos do derradeiro século: un aeroporto. O contacto humano pode provocar danos que traspasan a carne, pero tamén ofrecernos un consolo que non somos capaces de obter a través das palabras. O cal di moito dun filme no que os diálogos son o de menos, porque as persoas tamén nos amosamos a través dos nosos actos, os nosos corpos e a nosa maneira de mirar cara ao infinito.

How to Have Sex
Dirixida e escrita por Molly Manning Walker
Reparto: Mia McKenna-Bruce, Lara Peake, Samuel Bottomley, Enva Lewis, Daisy Helley, Eilidh Loan

Reino Unido, 2023