Sábado 25, Marzo 2023
HomeCulturaHORIZONTES DA CIDADANÍA

HORIZONTES DA CIDADANÍA

ENSAIO
Miguel Ángel Martínez Quintanar, Cidadanías. Lecturas e meditacións de filosofía política. Espiral Maior, 2019. 229 páxs.

 

por Miguel Vázquez Freire

É este un libro que reúne vontade divulgadora e reflexión crítica. Pola primeira, o lector atopará unha concentrada información sobre as principais ideas que orientaron o pensamento político occidental, desde Platón ata Sloterdijk, Nussbaum, Rancière ou Butler; pola segunda, convídanos a acompañalo na súa aventura intelectual, recoñecendo as súas dúbidas diante das radicais aporías que a complexidade das sociedades contemporáneas acaba opoñendo ás solucións que a teoría política viña, e vén, propoñendo. Adopta logo o modo dunha auténtica Bildungsroman, “a miña novela persoal de formación política”, tal e como o propio autor a cualifica, que se le coa mesma paixón coa que se percibe que foi escrita. Sitúanos o autor diante dunha urxente tarefa: pensar a democracia contemporánea nun contexto no que aparece sometida a fortes tensións que mesmo cuestionan a súa superioridade como modelo político e a súa viabilidade futura. Na primeira parte céntrase na análise dos dous modelos que inspiraron historicamente as institucións políticas dos estados democráticos: o liberalismo e o republicanismo. Respecto do primeiro, suxire que non é capaz de solucionar a “crise sistémica” das sociedades democráticas actuais ao privar á cidadanía dun “horizonte moral” que oriente cara ao ben e o valioso, para alén dunha racionalidade abstracta e pretendidamente neutra. Pola contra, cre atopar no republicanismo unha resposta para unha política que, aceptando a imposibilidade de establecer un principio de inequívoca lexitimidade, pode eludir a pretensión totalizante e abrirse cara un horizonte crítico e emancipador. Con todo, Martínez Quintanar non elude afrontar os discursos que denuncian coa máxima radicalidade os estados democráticos hoxe existentes. A análise deses discursos ocupa a segunda parte do libro na que, nun extraordinario esforzo de síntese, revisa a concepción foucaultiana da biopolítica, as esferas antropotécnicas de Sloterdijk, a sociedade do espectáculo de Debord, a semiopolítica de Deleuze e Guattari, o capitalismo cognitivo ou a crítica da democracia de audiencias de Bernard Manin.  Xa na terceira e última parte, ao fío do comentario ás teses de Roberto Esposito sobre a incapacidade de pensar o carácter conflitivo da actividade política mediante as categorías da filosofía política tradicional, manifesta o seu desacordo co que cualifica de conclusións “posmodernas” que, ao seu parecer, fan imposible afrontar de modo eficaz as “formas de malestar contemporáneo”. É nesta última parte onde o autor propón abertamente a súa propia posición, que se decanta por reafirmar as potencialidades emancipatorias dos modelos liberal e republicano. Acepta con todo a dificultade de “pensar o conflito sen negalo” e propón, para superar esta eiva, facelo mediante catro rúbricas: sufrimento, vínculo, desexo e verdade. O lector pecha o libro coa sensación de que, nas apertadas liñas, cheas de poderosas suxestións, coas que o autor desenvolve nas últimas páxinas estas rúbricas, hai só un esbozo do que promete ser un traballo posterior. Que desde xa este lector agarda con expectación.