Dende comezos de abril, xa está dispoñible a última canción de Roger de Flor, que ten por título Muíño da Malladoira. A frío golpe de clic, como mandan os tempos, o cantautor limodrés publica o videoclip que xa fai o número vinte no seu extenso palmarés. A canción en cuestión está inspirada nun poema do seu amigo, o poeta Luís Maquieira Quiroga, de quen se cumpren estes días seis anos do seu pasamento. Xa que logo, dita autoprodución suporía unha homenaxe póstuma a este poeta descoñecido para o gran público.
Asegura Roxelio Arias, o home tras o alcume de Roger de Flor, que a súa relación con Luís foi fundamental no seu devir vital e artístico, polo que este traballo significa para el “cumprir unha débeda pendente”, ademais de servir para destacar a importancia da poesía de Maquieira. No lugar máxico e exuberante da Malladoira, situado no rural próximo á cidade de Lugo, viviu Luís días felices en comuñón coa natureza, como queda reflectido neste poema incluido no seu libro Versos del agua.
O poema foi musicado por Roger de forma directa, adaptando tan só lixeiramente a letra por cuestións puramente musicais. Na gravación da canción participaron o propio Roger (voz, guitarra acústica e baixo), xunto con Charlie Mysterio (guitarra española), Pedro Montilla (violín) e César Yáñez (pandeiro), contando para a realización deste novo vídeo musical coa colaboración do fotógrafo lucense Eduardo Castro Bal.
Roger de Flor non debera ser un descoñecido para calquera que teña interese pola música en Galiza. Con orixes ben asentadas no pop clásico, dos Kinks a Big Star, Roxelio Arias pertence a unha familia de músicos de xa longo percorrido e saudábel curiosidade, e xa formara parte de grupos coma Os Silvestres, Bang 74 ou Strange Mystery Flower.
A colaboración entre Roger e o violinista e director de orquestra caraqueño Pedro Montilla está resultando nunha das máis frutíferas para o artista fenés, quen xa cooperara anteriormente con personalidades coma o charanguista e trobador Marqués das Vinhas, o baterista e compositor Sergio Galego ou o xornalista Nicolás Vidal. Os factores comúns que permiten que a parella funcione en perfecta conxunción harmónica son “unha paixón e entusiasmo desmesurados pola música e o universo emocional que nela se agocha”, coméntanos Roger. É este un encontro entre dous mundos a ambos lados do océano Atlántico, diferentes pero complementarios: a saudade, retranca e tradición céltica de Roger xunto á dozura, a alegría e o virtuosismo tropical de Pedro. Cantan en varios idiomas que van dende o folk rock galaico ao folclore venezolano, do swing ao tango, ou do tropipop ao bolero e a bossa.
Muíño da Malladoira
Roger De Flor
Autoproducido
2024