Declaración de Departamento de Historia da Arte sda USC sobre a situación do CGAC, ante o próximo proceso de selección do/a seu/súa director/a
- ANTECEDENTES E MISIÓN.
Nas orixes e creación do Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, atopamos dous momentos claves: por unha banda, os encontros organizados pola comisión de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega –principal órgano asesor en materia de cultura do Goberno de Galicia– en Santiago de Compostela, os días 12 e 13 de marzo de 1993, titulados Galicia: un centro de arte contemporánea a debate. Por outra, as distintas Leis e Decretos que se sucederon entre 1994 e 1996 para definir a súa misión e funcións.
En ambos casos falábase de que o CGAC estaba chamado a ser un centro dinamizador da cultura galega, pero tamén se incidía sobre a súa natureza museística, aínda que esta condición non se fixese explícita no seu nome nun momento tan prematuro, cando nin sequera existía unha colección. Malia isto, había un consenso de que o CGAC tiña como razón de ser, ou núcleo da súa actividade, a tarefa de crear unha colección de arte contemporánea que historizase e contextualizase o traballo das e dos artistas galegos nos discursos da arte do seu tempo.
En efecto, o segundo punto das conclusión dos Encontros de 1993 falaba da “necesidade de concretar o proxecto do CGAC como un centro que difunda e coleccione as distintas manifestacións das artes plásticas contemporáneas, investigando sobre a súa propia realidade”.
Tres anos máis tarde, xa inaugurado o CGAC, en xullo de 1996, no Decreto 326/1996 do 26 de xullo (Artigo 2º: “Obxectivos e funcións”) proponse a integración do mesmo na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural “co fin de conseguir unha maior eficiencia na súa xestión”. É dicir, afiánzase o carácter patrimonial e museístico. A partir dese punto, reitérase que o CGAC se rexerá polas normas dos museos da Xunta, ditadas en 1986, e engádense ou matízanse algunhas das funcións propias da institución, entendida como museo, que seguen vixentes, a día de hoxe:
Por unha banda: “Garantir a protección, conservación e restauración, e promover o enriquecemento e mellora dos bens mobles e inmobles de valor histórico que o integran”. É dicir, investir na súa colección de arte e apoiar as distintas fórmulas para o seu crecemento dende a administración. E, por outro: “Exhibir ordenadamente as coleccións en condicións adecuadas para a súa contemplación e estudo”. É dicir, xerar unha serie de discursos ou narrativas que contextualicen a colección de maneira científica, baseándose en criterios históricos e artísticos. Con esta revisión, publicada no Diario Oficial de Galicia o venres 9 de agosto de 1996, quedaba fundada a natureza museística do CGAC, cuxa colección dera os seus primeiros pasos o ano anterior.
- ¿QUÉ ESTÁ A PASAR CO CGAC?
As recentes noticias sobre o proceso de elección do/a próximo/a director/a do CGAC son confusas, ou incompletas, e poden levar a pensar que a misión para que foi creada a institución pode verse ameazada e as súas funcións desvirtuadas.
Nunha nota de prensa da Consellería de Cultura do 17/03/2026 anunciase a convocatoria dunha “praza de libre designación para renovar a dirección do CGAC”. Previamente, na Resolución do 3 de marzo de 2026 pola que se aproba a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, concretábase un perfil profesional para dotar o posto de dirección do CGAC limitándoo a “persoal funcionario ou docente”[1].
Segundo esta información facilitada pola Consellería de Cultura, o perfil do próximo director do CGAC vai estar determinado, en síntese, pola súa condición de funcionario e/ou docente e pola acreditación do seu coñecemento da lingua galega mediante o certificado CELGA 4.
O director xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo, afirmaba nunha nota publicada en La Voz de Galicia que “desde o 2015 hai unha obriga legal que fixa que un organismo que non sexa autónomo, como o CGAC, dependente da consellería, non pode ter á fronte un cargo cun contrato de alta dirección, como o que vinculaba a [Santiago] Olmo, senón que ten que ser funcionario” (25-03-2026).
Estes criterios supoñen un cambio profundo e radical que, na nosa opinión, provocarán que a especialización profesional do director/a no campo da arte contemporánea –o criterio que rexeu a elección dos seis directores do CGAC ata o momento; dous deles doutores en Historia da Arte– se vexa substituído por un criterio técnico ou administrativo que non pode garantir nin a especialización do futuro responsable da institución, nin tampouco, que se trate dunha persoa de recoñecido prestixio no sector da arte contemporánea.
A risco de que esta interpretación resulte dunha lectura apresurada ou insuficiente dos anuncios citados, provocada pola escasa concreción –ata a data– dos plans da Consellería, ou mesmo dun descoñecemento, forzoso, dos e das candidatos/as potenciais, de acordo ao novo sistema, non podemos deixar de facernos as seguintes preguntas:
Esta decisión debese a un criterio político ou xurídico? É dicir, trátase dun cambio motivado por novas circunstancias na normativa relativa á provisión de cargos e postos de traballo na administración autonómica ou débese a un criterio derivado dunha política cultural determinada? Segundo o expresado polo director xeral en La Voz de Galicia, trataríase do primeiro caso; dunha nova realidade, “unha obriga legal”, segundo as súas palabras, que limita drasticamente o perfil profesional da nova dirección. Onde figura esta nova obriga, como se xestou, quen a promoveu e porque non se aplicou de xeito inmediato en 2015, son preguntas moi importantes que quedan por responder.
Derivado disto, xorden outras moitas dúbidas. En concreto, que sucedeu nos últimos tempos para que o sistema de elección de director/a do CGAC –que se ven celebrando seguindo o código das boas prácticas desde 2009, adoptado e posto en práctica pola Consellería de Cultura—deixase de ser apto para este posto? Por que o sistema que deu espléndidos resultados –obviamente, coas súas luces e sombras– dende 1995, deixou de ser válido? Foi debatido e aprobado este cambio no Consello Asesor do museo CGAC? Concorda con este novo sistema o Consello Asesor? Pode garantir ou incrementar o novo sistema un nivel de excelencia –a propia consellería cualificou a dirección de Santiago Olmo como “excelsa” – baseado na escolla de líderes para a institución a partir de concursos internacionais coa participación de persoas expertas nos seus xurados? Que riscos pode levar implícito este novo sistema, que deixa fora de toda posibilidade de concurso a numerosos/as profesionais galegos/as e foráneos que carecen desta condición funcionarial ou docente (precisamente cando nunca antes Galicia contara con tantas profesionais con perfiles de excelencia que poderían candidatarse)? E unha pregunta aínda máis relevante que as anteriores, se cadra: vanse implantar este tipo de criterios noutras autonomías do estado español, ou trátase dunha característica específica que distinguirá (e separará) a Galicia e ao CGAC das súas institucións homólogas?
Trátase, tal vez, de avanzar cara o modelo bicéfalo propio dos países anglosaxóns, onde a dirección dos museos (normalmente de grande escala) repártese entre un director-xestor, especializado en cuestións administrativas e de representación, e un director artístico, cun perfil máis curatorial e/ou académico? De ser así, vaise dotar ao cadro de persoal do CGAC dun posto de traballo acorde? É dicir, cabe a posibilidade de recuperar a figura do “chief curator” (ou asistente do director) que desapareceu en 2009 e que é habitual –en realidade, normativa—en museos da escala do CGAC a nivel nacional e internacional (lémbrese, por exemplo, que o último “chief curator” do CGAC foi Manuel Segade; licenciado en Historia da Arte pola USC en 2000 e actual director do MNCARS)?
Poderían seguir facéndose preguntas –como, por exemplo, por que non se habilitaron espazos de escoita e diálogo co sector e coa comunidade artística antes de tomar estas decisións tan transcendentais?– pero as xa sinaladas parecen suficientes para demandar aclaracións e concrecións por parte da Consellería de Cultura antes de que se convoque un concurso restrinxido a funcionarios e persoal docente que poda desvirtuar a misión e as funcións do CGAC.
- QUE QUEREMOS PROPOÑER?
Dende o departamento de Historia da Arte da USC, en tanto que centro educativo coa responsabilidade de educar as e aos futuras/os profesionais especializados no traballo en museos e institución artísticas, a través dos nosos programas de grao, mestrado e doutoramento, consideramos que o perfil do próximo director do CGAC debe escollerse a través dun concurso aberto, que siga (e perfeccione, na medida do posible) o código das “boas prácticas”, e que de prioridade á escolla dunha ou dun historiador/a da arte que, a través de súa traxectoria e do proxecto elaborado para a ocasión, poda acreditar a súa excelencia e idoneidade para o cargo.
É fundamental comprender que esta declaración non xorde dun interese corporativista, senón que, moi ao contrario, está baseada na convicción de que son os historiadores da arte –sexan funcionarios, docentes ou non– os profesionais cos estudos, as competencias e a experiencia necesaria para estar á fronte deste tipo de museos de arte contemporánea; entendidos como institucións educativas baseadas nunha aproximación crítica, e altamente especializada, á historia, a arte e a cultura material e os seus contextos.
Por iso, ante as tentacións de apostar por modelos baseados na “cultura dos eventos”, nas opinións dos “influencers”, nas valoracións cuantitativas (de visitantes, ingresos, “likes”, etc.) fronte ao cualitativo e, en definitiva, no espectáculo e o populismo fronte a un posicionamento crítico ante unha realidade cada vez máis complexa e unha experiencia estética cada vez máis empobrecida e banal, vémonos na obriga de reclamar o papel que as e os historiadores da arte do século XXI temos na construción dunha esfera pública diversa e emancipada, sensible, partisana e intransixente ante a violencia e a destrucción das culturas minorizadas e do medio ambiente, así como altamente consciente dos retos do noso tempo e da nosa posición nun proceso histórico en continua evolución e transformación, cunha responsabilidade irrenunciable, tanto ante os nosos devanceiros, como ante as novas xeracións multiculturais.
Miremos onde miremos, os responsables dos principais museos do mundo responden a este perfil intelectual, que non técnico; mesmo eses/as directores-xestores propios de contextos neoliberais que mencionamos antes adoitan ser historiadores da arte, en moitos casos co máximo grao académico de doutores.
Negar ou manipular esta evidencia pode situar ao CGAC nun lugar que non lle corresponde e que podería prexudicar o seu prestixio de maneira irreversible.
Por iso nos preguntamos se o próximo responsable do CGAC vai estar en condicións de seguir profundando na liña desenvolvida con tantos esforzos e crises ao longo dos últimos 33 anos, ou ben vai situar a esta institución nunha dimensión descoñecida que a afaste da súa historia e a ille da constelación de museos de arte contemporánea, nacional e internacional á que, por méritos propios, pertence.
Santiago de Compostela, a 30 de marzo de 2026
Documento asinado polos integrantes do Departamento de Historia da Arte:
Begoña Álvarez Seijo, María Dolores Barral Rivadulla, Montserrat Capelán Fernández, Sara Carreño López, David Chao Castro, Marta Cendón Fernández, Miriam Elena Cortés López, Patricia Cupeiro López, Fátima Díez Platas, Dolores Fraga Sampedro, Begoña Fernández Rodríguez, Javier Gándara Feijoo, Javier Garbayo Montabes, Matías García Rodríguez, Carme López Calderón, Federico López Silvestre, Pedro de Llano Neira, Sergio Meijide Casas, Juan Monterroso Montero, Iván Moure Pazos, Xosé Nogueira Otero, Fernando Pérez Rodríguez, Ana Pérez Varela, Francisco Prado-Vilar, Miguel Anxo Rodríguez González, Rosa M. Rodríguez Porto, Jesús Ángel Sánchez García, Rocío Sánchez Ameijeiras, Miguel Taín Guzmán, Alfredo Vigo Trasancos, Xosé Iván Villarmea Álvarez e Julio Vázquez Castro.
_____
[1] En concreto: infórmase sobre un contrato de dirección correspondente ao subgrupo de persoal funcionario da administración A1, nivel 30, pertencente aos corpo/escala ESB3 (esc. Facult. Archivos, bibliotecas y museos – esp. Museos) e con adscrición administrativa A20(4), que se refire –isto é o máis relevante e preocupante—a unha “adscripción indistinta a funcionarios de la Xunta de Galicia, Estado y CC.AA., personal docente con destino en la comunidad autónoma de Galicia y administración local”. Por último, son requisitos de “Formación específica” os apartados 640 (“para personal de otra administración, curso de perfeccionamiento de gallego”) e 648 (“certificación negativa del artículo 57 de la ley orgánica 8/2021, de 4 de junio”; referente a delitos de natureza sexual).
[2] “Documento de buenas prácticas en museos y centros de arte”, aprobado en 2006 e revisado en 2021: https://www.iac.org.es/documentos/documento-buenas-practicas-museos-centros-arte.html





