SERIES
HIGH FIDELITY (USA, 2020)
Dirección: Sarah Kucserka e Veronica Becker; Produción: Adrienne Ericsson, Ray Quinlan; Guión: Nick Hornby, Sarah Kucserka e Veronica Becker; Montaxe: Kate Hickey e Catherine Haight; Fotografía: Carmen Cabana; Música: Nathan Larson.
Intérpretes: Zöe Kravitz, David H. Holmes, Jake Lacy, Da’Vine Joy Randolph, Kingsley Ben-Adir, Rainbow Francks, Nadine Malouf, Sydney Mae Diaz, Thomas Doherty.
por Yolanda López
Esgotados os usos e costumes dos 80 como referentes en todo tipo de revivals, semella chegar a quenda dos 90: botar man da nostalxia e de recordos sospeitosamente esquecidos para revisitar temas, nomes e gustos culturais da derradeira década do século XX. Os principais destinatarios (e consumidores en potencia) deste rexurdimento serán os que foron mozos e mozas naquel tempo. Hai quen tenta incluír neste fenómeno a nova adaptación de High Fidelity, mais as chaves da serie de televisión son distintas.
Parte de dous antecedentes de culto: a novela que Nick Hornby asinaba en 1995 e a adaptación cinematográfica de Stephen Frears en 2000. Ambas as dúas contaban os problemas afectivos do dono dunha tenda de discos (Rob Fleming en Camden na obra literaria, e Rob Gordon -John Cusak- no Chicago do filme). Agora dúas showrunners, Sarah Kucserka e Veronica Becker, toman as rendas e, coa colaboración do propio Hornby no guión, perfilan unha protagonista muller, Rob Brooks (Zoë Kravitz), no Brooklyn actual.
Cunha estrutura narrativa propia (dez episodios de non máis de 30 minutos), as tramas seguen a apostar por catro piares identitarios: os flashback para evocar os avatares sentimentais, a elaboración de listaxes (de discos, cancións, personaxes de ficción…), a constante ruptura da cuarta parede (a protagonista reclama a atención do espectador con todo tipo de reflexións e preguntas retóricas) e, sobre todo, a música: David Bowie como tótem, Fleetwood Mac, Beastie Boys, Nina Simone ou Os mutantes… Un panorama musical moi ecléctico que, alén da exhibición, semella baleiro de propósito. “As cousas das que gostas son máis importantes que como es” repite a protagonista, mais sen ser consciente da falta de definición propia.
A relectura aposta por elementos deste presente: a diversidade sexual e racial, o móbil como recurso comunicativo e vehículo musical (crítica ao shazam), ou o debate sobre a cancel culture (podemos separar ao artista da persoa, a Michael Jackson da pederastia?…). A protagonista enfróntase aos problemas coa mesma inmaturidade que os antecesores, e o resultado é entretido, pero nin leva á mesma conclusión nin fai determinante aquela comicidade que se deleitaba no sufrimento. Prefírese subliñar a amizade como salvamento (a vitalidade de Jack Black é retomada por Da’Vine no papel de Cherisse), e o cameo de Springteen como conselleiro de Cusak muda polo baile de Debbie Harris… Os nostálxicos atoparán a conexión entre Zoë Kravitz e súa nai, Liza Bonet (que interpretaba a Marie De Salle no filme), mais nin os referentes vitais nin os musicais son os mesmos. Xeración tras xeración.