[Festival Plataforma] Hibridando a reexistencia

Cal é o poder dun corpo que  resiste na cidade? A súa capacidade de reexistir a pesar de vivir inscrito no brutal ruído da inconsciencia colectiva? Quen sabe? Sensacións, en todo caso, inspiradas pola performance que enriqueceu a praza das Praterías na segunda xornada do Festival Plataforma. O evento, por momentos, trouxo certo ar dun En Pé de Pedra (sempre lembrado con saudade) como traendo a clara resposta á pregunta en Spinosa: ¨ninguén sabe o que pode un corpo!”. Entre Festival e Festival, directa ou indirectamente, o legado vai quedando na memoria común das pedras de Compostela: a danza na cidade, corpos bailando e nutrindo o noso poder de resistencia no medio do estrondo de ósos e de espíritos quebrados polo abismo. Sexa como for, toda cidade é mellor cando apoia este tipo de propostas. 

Sinfonía dunha cidade-corpo, é unha peza da bailarina Andrea Mosquera e do Músico Benxamín Otero realizada grazas ao apoio das Residencias In Situ, lanzadas polo Colectivo Performa en colaboración coa Deputación da Coruña e a Fundación DIDAC.  Durante varios meses, as creadoras desta sinfonía alimentaron un espazo sonoro no que se hibridaron sons do corpo cos da cidade, traéndonos á praza, finalmente, un alimento único, froito do movemento simbiótico entre a humanidade presente, en graza vulnerable, e o contacto efémero coa esfera musical da urbe. Nuances invisibles captadas pola bailarina iluminaron o entorno físico de radon empedrado, tamén os coches da policía estacionados e o fluxo descontinuo de persoas peregrinas. Irrompen bucinas dos coches, présas e paxaros en escorrenta nunha proposta inscrita no tempo circular, quere dicirse, máxico, que durante media hora (así e todo) foi bafarada de ar puro para as asistentes. Prāna ás nosas almas perdidas entre o tumulto. Delicado movemento da performer ao fío da liña sonora despregada polo óboe de Benxamín (ou viceversa) organizando a dinámica fuxitiva, sen escapatoria, ao redor dunha fonte cuspida por cabalos. Unha Andrea (digna do seu nome) no encanto delicado de quen atopa, en fugaces momentos, con algo que a transcende. Vida en movemento. Vida é movemento. Natureza emerxendo do marcapasos imposto ao corazón da cidade, mudándolle os biorritmos. E así, a peza propón unha xornada poética perfectamente -case sincronicamente- imbricada nun centro anónimo. Sen filigranas corporais, mais que acubilla o risco mortal do virtuosismo dun ser-que-é aínda a pesar das présas. Vida en perpetuo diálogo polifónico das loitas  e dos  bailes corpo a corpo.  

Círculos 

O venres, na Sala Agustín Magán, Vera Mantero -unha das figuras centrais do que se deu en chamar Nova Dança Portuguesa– foi homenaxeada polo Festival, recibindo de mans da Alcaldesa o Premio Plataforma. Antes diso, todas as presentes asistimos á performance que a veterana artista realizou a carón de Teresa Silva, tamén lisboeta, coreógrafa e investigadora. Un pequeno exercicio de composición  propón simetría, simplicidade e a graza de quen ten a vida atravesada pola danza, sen necesidade de grandes espaventos.  Nun movemento principalmente simétrico e aparentemente anódino, as dúas performers xogan con cadanseus grandes aros. Primeiro deitadas, sostendo e respirando o peso dos obxectos sobre os seus corpos; logo, xa en pé, a coreografía desenvólvese con factura harmónica e aparentemente sinxela, mesturando o movemento espellado con certa simbiose dinámica e o entretecido necesario.  Nunha segunda lectura, das moitas que poderían facerse -aínda non sendo necesarias, temos o vicio de procurar narrativas que nos apazuguen- bastaría dicir ´círculos´, en vez de ´aros´, para entrármonos en esferas semánticas con certo estímulo sororo,  redimensionando e aportando novos sentidos a ese aro persoal polo que facemos pasar, individualmente, o propio; e permitindo novas posibilidades de conciencia colectiva que se expande, fortalecendo esferas enerxéticas máis interesantes, quizais. 

Baleiro e creatividade 

Na mañá do sábado tivo lugar na fundación DIDAC a inauguración da mostra Far away water wo´nt Save Closeby Fire, da lisboeta Francisca Aires Mateus. Esta foi precedida pola LN performance, levada a cabo pola propia artista, quen vén desenvolvendo un traballo aberto a diferentes linguaxes no que priman as Artes Visuais e a Música. Na acción, Francisca interpreta co seu violín unha partitura debuxada por ela mesma e proxectada na meirande parte da parede frontal do espazo, evocando unha enorme interferencia. A música que escoitamos provén da interpretación dos ocos que fican entre as liñas, aos que lles son atribuídos notas musicais, suxerindo baleiros poeticamente salvados. Tanto a mostra -que pode verse en Compostela ata o 19 de Setembro- como a LN performance, xorden da reflexión sobre a imposibilidade de preservar o significado inicial nunha tradución. A proposta da artista é a de magnificar as mínimas mudanzas que sofre o texto cando esta se leva a cabo. Así, nunha viaxe de ida e volta entre o cantonés e o inglés, a inviabilidade da tradución absolutamente fiel, exalta o que se perde como posibilidade de novos universos sonoros que quizais nos canten algo. Xa como espectadoras, convídasenos a viaxar do traducir é interpretar, a un reinterpretarnos a través do innominado.