Venres 1, Decembro 2023
HomeCulturaHenrique Ortiz: "Antes para os artistas pedía museos, agora atrévome a reclamar...

Henrique Ortiz: “Antes para os artistas pedía museos, agora atrévome a reclamar almacéns”

O Pedrón de Honra deste ano 2012 foi para o artista Henrique Ortiz. Ortiz destaca pola súa mestría no gravado. Iniciou os seus estudos en Ourense, a súa cidade natal, preto do grupo “Os artistiñas” do que tamén formaban parte Virxilio Fernández, Jaime Quesada, José Luís de Dios e Acisclo Manzano. Ampliou os seus estudos en Madrid con grandes da pintura. O ourensán está presente en Museos de Galicia e en monográficos de gravado de Europa e América. Ortiz é un gran debuxante e estampador peculiar e as súas pezas evolucionaron dende un barroquismo realista, emparentable coa obra gráfica de Solana ata unha simplicidade de encaixe abstractivo, a base de manchas e suxerencias de formas, de gran beleza.

Co gallo do recente recoñecemento que a Fundación Pedrón de Ouro vén de facerlle, Tempos Dixital conversou con el sobre a súa obra e as súas vivencias.

Henrique Ortiz recibe o Pedrón de Honra

-Que é para Vostede a arte?

A arte é unha comunicación que fas a través da beleza, de xeito honrado.

-Considera que estamos a vivir unha época escura nas belas artes?

Si, hai un eclecticismo, un todo vale e na arte non todo vale. O feo é feo e o belo é belo, a beleza gusta e o feo dá noxo. A arte tes que facela como unha expresión que aínda ti mesmo non controlas moito, pero expresas camiñar, e a relación con ese camiño, as voltas, as pontes, e así vas facendo e vas relatando unhas posibilidades estéticas de entender o asunto. A min non me importa o parecido, impórtame transmitir a sensación.

-Malia que gran parte da súa carreira se desenvolveu lonxe da terra os seus inicios estiveron aquí, co grupo “Os artistiñas” de Ourense, formado arredor de Vicente Risco. Foi determinante na súa formación?

Daquela o grupo era un grupo que loitaba por conseguir a técnica. O artista é un artesán, un bo artesán, pero non todos os artesáns son bos artistas, esta é a diferenza que hai. Pero hai que conquerir a técnica como sexa e daquela non a había por ningún lado e había que buscala por onde fora. Se fas unha raia sáeche dereita ou torta según o teu desexo, pero non do desexo do soporte que tes embaixo. Nese senso si que foi moi importante para min e todos os que o conformabamos.

-Xa en Madrid fíxose íntimo amigo doutro dos grandes artistas desta terra, de Luís Seoane. Como se coñeceron?

A relación empezou na primeira mostra que fixo en Madrid cando viña dende de Bos Aires, onde tiña unha categoría excepcional. Eu ía con Ramón Acuña, un xornalista a ver a exposición. Estabamos falando en galego e daquela el virouse e dixo sodes galegos? si, tal e de onde? ah, de Ourense… eu son artista, díxenlle, fago litografía, gravado e tamén estampo. Entón foi unha relación brutal con el, acolleume de primeira fila por enriba de xornalistas, de outras relacións… para el foi o primeiro contacto cun artista desta beira do Atlántico, el viña da outra. Non eramos inimigos nin moitísimo menos, todo o contrario. Eu era o punto de apoio que el precisaba e el era o que precisaba eu de coñecemento e de ideas.

Composición, 1979

-Influíu a técnica dun na do outro?

Non porque el era moito máis conceptual ca min, eu era totalmente barroco, expresionista.

Outro artista galego co que mesmo fxo colaboracións foi Raimundo Patiño, como comezou o idilio?

Tiñamos un grupo formado en Madrid onde estaba Saura, Genovés… estabamos nun soto facendo litografía. E Reimundo Patiño veu por alí un día e como os dous eramos galegos comezamos a falar porque eramos os dous galegos. Cando Ese grupo que se chamaba os Parias se desfixo, o local quedou baleiro e patiño mais eu mercamos unha prensa e unhas pedras e comezamos a facer litografía.

-Sempre desenvolveu a súa tarefa en prol da arte galega a sabendas?

A realidade é que empezas inconscientemente porque o insconsciente existe, despois chegas a unha consciencia diso pero cando miras para atrás ves que sempre levaches a singladura dereita. Para min Galicia sempre foi fonte de inspiración.

-O goberno galego valora o suficiente ós artistas da terra?

Home ata fai pouco o diccionario español recollía “galego” como algo despreciativo, iso xa nos dá unha pauta, ninguén di estremeño despreciativamente de xeito impune, por exemplo. Moitas veces as verbas son perigosas, aparentemente de xeito amigable. Por exemplo dise artistiña, pero non avogaciño ou mediquiños. O artista galego ten que ser respetado con un gran profesional. O que si reclamaría máis atención, non para min, senón para a obra. Eu antes pedía museos, agora atrévome a reclamar almacéns, e iso é un escalón para abaixo bastante grande. Temos unha cantidade de bos artistas impresionante e que van facer coas súas obras? que chatarrería vai pagar por elas? As institucións de goberno teñen que preocuparse deste legado